#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Goiriz e Sporting Lucense lideran a Terceira Futgal no ecuador da liga

Chegamos ao ecuador da liga regular na Terceira Futgal xusto antes do parón pola ponte de decembro. Este Tres En Raia En Boas Mans Fisioterapia déixanos, no grupo norte, a Goiriz moi sólido no liderado. Persígueo o Cazás, segundo clasificado, que goleou ao Celeiro, e un Castroverde enrachado que fixo o propio co Catro Roldas.

No grupo sur, o Sporting Lucense é primeiro e conta con dous puntos de vantaxe sobre un Corgo que suma dezanove dos últimos veinteún puntos en xogo. Terceiro é o Monterroso B que abre oco cun Sober que só venceu un dos últimos cinco encontros, pero que conta cun encontro aprazado que disputará o sábado día 7 de decembro fronte ao Chantada Atlético B.

grupo norte

O Goiriz vence con apuros á Comercial e mantén diferencias no liderado (3-5). Comezou o encontro con dominio do Goiriz, aínda que foron os locais os que se adiantaron cun gol en propia porta. Malia que Canario logrou o empate, os de Manu Veiga non estaban cómodos sobre o terreo de xogo e a Comercial xerou perigo á contra. Pablo puxo por diante aos capitalinos antes do descanso e no segundo tempo Piraña logrou o empate, pero a Comercial logrou adiantarse por terceira vez no choque cun gol de Tony. O Goiriz impuxo o seu mellor tono físico e foi quen de darlle a volta gracias ao seu podería a balón parado. Muñiz, Canario e Vizoso déronlle a volta ao marcador.

O Cazás non cede e golea ao Celeiro no Catro Ventos (4-0). Encontro dominado desde o comezo polo conxunto local fronte a un Celeiro que acusou as baixas de varios xogadores importantes. O mal estado do terreo de xogo condicionou aos dous equipos, pero foi o Cazás o que xerou un bo número de ocasións de gol. Bruno, con dous tantos, puxo en clara vantaxe aos chairegos. No segundo tempo Fran sentenciou tras unha boa xogada na área pequena Álex fixo o definitivo tanto de cabeza. A goleada puido ser máis ampla, pero o a boa actuación do gardameta Joni Díaz e os paos evitaron que se viran máis goles.



O Castroverde mantén a racha vitoriosa diante dun Catro Roldas que mereceu máis (3-0). O conxunto visitante saiu moi ben ao encontro e contou no tramo inicial con tres ocasións moi claras de gol. A falta de acerto penalizou, como é a tónica nesta temporada, aos de Suso Coto, e foi o Castroverde o que logrou marcar nun cúmulo de desacertos da zaga chairega que remata cun gol en propia porta de Javi Dopico. Antes do intermedio, cada conxunto gozou de varias ocasións para marcar. Tras o paso por vestiarios, o encontro seguiu un guión semellante, pero o Castroverde xogou algo máis cómodo. Nun saque de esquina chegou o segundo gol, obra de Cancela. O Catro Roldas no último tramo de encontro xerou menos perigo diante da portería rival e a falta de cinco minutos, Roi aproveitou o esbarón dun defensor para sentenciar.

O Abadín frena a mala xeira cun empate no campo do Rioaveso (1-1). O mal estado do céspede de Paraños condicionou a ámbolos equipos que optaron por un fútbol directo. O Rioaveso contou con boas ocasións de gol no primeiro tempo que o gardameta Víctor ou a defensa contrarrestaron. O Abadín mellorou tras o paso por vestiarios e levou o peso do partido no segundo tempo. Ferre e Alberto tiveron boas ocasións para marcar, pero foi Noé, a falta dun cuarto de hora para o final cun bo disparo desde a frontal que adiantou aos de David Lorenzo. Os locais acumularon xogadores en zona de ataque na procura do empate. O Abadín, á contra, puido sentenciar por medio de Ferre e Rubi. No tempo de desconto, nunha acción a balón parado, Gesto estableceu o definitivo empate.

Segunda vitoria consecutiva para o Roupar tras golear ao Friol B (4-1). Saiu dominador ao campo o conxunto local, que viu como nun mal despexe o Friol B se adiantaba no marcador por medio de Samu. O Roupar foi quen de igualar o choque cun gol de Jaco. O tanto fíxolle dano aos de Bruno Castro que cederon o dominio aos locais. Tupac, antes do descanso, deulle a volta ao marcador. No segundo tempo os de Ángel Pena xogaron ao ritmo que marcou Xoel no medio do campo. O pontés anotou o gol da tranquilidade e xa preto do final Adil marcou o cuarto.



grupo sur

O Sporting Lucense mantén o liderado tras un traballado triunfo diante do Chantada Atlético B (2-0). Encontro parello no que o filial chantadino acusou as baixas de xogadores de ataque, pero realizou un gran esforzo defensivo. O Sporting Lucense comezou mellor e contou con varias ocasións de gol. Pero o marcador non se moveu ata o segundo tempo. Roi e Guaje marcaron en dúas xogadas e balón parado. Nos últimos intres os locais puideron aumentar a diferencia no marcador en varias ocasións.

Un Corgo enrachado sentencia ao Carballedo antes da media hora de xogo (0-3). Os de Abel Rochela manteñen a súa boa xeira cun triunfo cómodo diante do Carballedo. Seis vitorias e un empate nos últimos sete encontros da boa mostra do estado de gracia dun Corgo que aos dous minutos de xogo logrou adiantarse no marcador cun gol de Fer. Pouco tardou en chegar o segundo, obra de Alberto e Fer, antes de cumplirse a media hora de xogo sentenciou. O Carballedo tentou recurtar diferencias sen éxito. A falta de vinte minutos para o final Airiños viu o cartón vermello e o Corgo en superioridade non pasou excesivos apuros.

O Monterroso B non afrouxa e vence ao Bóveda no Hermanos Somoza (1-2). Encontro de claro dominio monterrosino que logrou adaptarse ao mal estado do céspede. Javi Criado contou con dúas boas ocasións para poñer por diante aos de Pampín. Á media hora de xogo, Balbino adiantou ao Monterroso B tras rematar un centro lateral. No segundo tempo o encontro seguiu a mesma tónica e Isma contou cunha clara ocasión para facer o segundo. Quen si o lograría sería Carlos, con vinte minutos aínda para o final. A falta de cinco minutos para o final, un dubidoso penalti transformouno Ángel para meter no encontro ao Bóveda.

O Sober cede un empate co Taboada B no último intre de encontro (2-2). Púxose de cara o encontro para o Sober. Un penalti cometido sobre Losada aos cinco minutos de xogo transformouno en gol Martín. O Taboada B non se veu abaixo e logrou empatar por medio de Xavi ao aproveitar un rexeite. Pouco despois, un lanzamento de falta ben efectuado por Losada rematouno un Martín en estado de gracia ao fondo da portería. No segundo tempo o Sober deu un paso atrás e, malia contar con varias ocasións para facer o terceiro á contra, tivo que sufrir as embestidas dun Taboada B que buscou o empate. Xa co tempo cumprido, Nico logrou a igualada á saída dun córner.

O Río Sil vence ao Relámpago Taboada e olla de preto os postos de play off (1-3). Primeira metade igualada na que o Río Sil aproveitou as ocasións de gol. Jorge e Matamá puxeron en clara vantaxe aos da Carqueixa fronte a un Relámpago cunha clara carencia de gol. No segundo tempo Fran recurtou diferencias, pero o Río Sil fixo o terceiro tras unha boa contra que culminou Laye. O marcador non se moveu aínda que os visitantes contaron con varias ocasións.



Goiriz e Sporting Lucense lideran a Terceira Futgal no ecuador da liga

O PM Friol lévase a vitoria no

Goiriz e Sporting Lucense lideran a Terceira Futgal no ecuador da liga

Ramallal volve adestrar, 4 de Casanova e

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *