O Quiroga acadou o último billete de ascenso directo e fíxoo no último suspiro dun encontro que se lle puxo costa arriba fronte ao Rubián. Un tanto de Gachan no último suspiro desatou o delirio nun ateigado San Martiño. O Incio, que goleou ao Taboada B, xogará a promoción de ascenso, para a que tamén se clasificou o Sober.
No grupo norte co ascenso xa decidido en favor do Racing Vilalbés B e Mondoñedo, o interés da derradeira xornada da liga regular centrábase en dilucidar que conxuntos xogarían o play off de ascenso. Nuevo Nausti, Friol B e Abadín acadaron o pase. Celeiro, que descansaba nesta xornada, e Catro Roldas quedaron fóra da pelexa por xogar o vindeiro ano en Segunda Galicia.
grupo norte
O Racing Vilalbés B gañou no Viñas da Veiga nun encontro entre xa ascendidos (1-2). Partido intrascendente a nivel clasificatorio no que o cadro local agradeceu o seu apoio durante toda a temporada. Puido verse o gol máis tempraneiro de toda a competición. Aos sete segundos Gabri adiantou ao conxunto chairego cun tiro desde a frontal. Non tardou o Mondoñedo en reaccionar e Jacobo igualou o marcador cun golazo desde fóra da área. Os de Iván Lamas foron mellores na primeira metade e contaron con varias ocasións para marcar, ata que Samu desnivelou o marcador tras rematar un centro lateral. A segunda metade seguiu o mesmo guión cun Mondoñedo buscando xerar perigo á contra, aínda que sen moito éxito.
O Friol B venceu con contundencia ao Rioaveso e sacou o pase para o play off (4-0). Superioridade absoluta do cadro local, que deixou ben claro quen se xogaba algo sobre o céspede da Reigosa. A maior intensidade foi clave nun encontro que se puxo de cara para os de Bruno Castro no primeiro minuto de xogo. Antes do descanso Adri ampliou diferencias. Na segunda metade o dominio foi absoluto dun Friol B que completou a goleada. O Rioaveso apenas inquedou a portería local.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O derbi vilalbés outorga unha histórica clasificación para o play off do Nuevo Nausti (1-4). O Catro Roldas non foi quen lograr os tres puntos para poder xogar a promoción, malia a comezar o encontro de xeito fulgurante. Samu Orosa, cunha perfecta vaselina, superou a Manu Jr e pouco despois unha xogada idéntica rematou co balón no longueiro. Os de David Lorenzo aproveitaron uns minutos de desconcerto do cadro visitante para xerar claras ocasións por medio de Samu Orosa, Moha e Forlín. Unha indecisión defensiva do Catro Roldas aproveitouna Herrero para facer o empate. O tanto non lle sentou ben ao conxunto local e dous minutos máis tarde Cristian puxo por diante ao Nausti. Na reanudación, un rápido tanto de Cristian sementou os nervios nun Catro Roldas que non foi quen de reaccionar e Juan sentenciou o choque.
O Abadín, xa clasificado para o play off, iguala no Municipal co Cazás (2-2). Encontro sen moito ritmo e escaso de ocasións na súa primeira metade. Pedro protagonizou a única do Abadín antes do intermedio. O Cazás chegou varias veces á área rival, aínda que sen xerar excesivo perigo. Logo do descanso chegaron os goles. Héctor adiantou aos visitantes e Álex Barro empatou no minuto 55. Dez máis tarde, de novo Álex Barro rematou ao fondo da portería un envío ao pao de Ángel. O encontro ía de dobletes, e Héctor logrou o seu a pase de Efrén. O Abadín protestou a xogada ao entender que existía fóra de xogo do xogador do Cazás.
O Matela logra a segunda vitoria consecutiva diante do Comercial B (3-0). Encontro frouxo no que ningún dos dous contendentes poñía en xogo nada máis que a honra de lograr os tres puntos. E estes quedaron na casa. O Matela acadou a segunda vitoria consecutiva, aínda que non lle serviu para abandoar a última posición da táboa. Óscar Veiga e Pedro puxeron o partido de cara para os de Martín Real e Santi Carballido sentenciou preto do final.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/03/XORNADA-22.png)
grupo sur
O Quiroga logra un empate in extremis que vale un ascenso (3-3). San Martiño rematou celebrando o ascenso a Segunda Galicia tan só un ano despois de perder a categoría. A afección local foi clave na remontada, nun encontro que se puxo moi de cara para un Rubián que comezou moito mellor e que aproveitou dous erros defensivos para poñer o marcador en clara vantaxe. Víctor aproveitou unha indecisión defensiva e minutos máis tarde o gardameta Casillas sorprendeu ao seu colega Marquiños para marcar desde a súa portería. O Quiroga acusaba a presión e non era quen de atopar o seu fútbol. Na segunda metade o cadro local saiu mellor ao campo e Sergio Pollo, cun tanto de penalti devolveu a ilusión a unha grada que cinco minutos máis tarde levou un novo mazazo en forma de gol visitante. De novo Víctor ampliou diferencias para o Rubián. Nun dos poucos erros da defensa visitante, chegou o segundo para o Quiroga, anotada en propia porta por un defensor. Quedaban vinte minutos de fútbol e o cadro verde tentouno sen descanso. Sergio Pollo e Javi Coba contaron coas ocasións máis claras, pero o ascenso chegou con épica. Xa no desconto un bo balón de Jose recolleuno Gachan para batir a Casillas e desatar a tolemia en San Martiño.
O Incio goleou ao Taboada B pero pelexará o ascenso na promoción (7-0). Non houbo historia no Carboeiro. O conxunto local saiu fulgurante ao céspede e chegáronlle vinte minutos para sentenciar o encontro con cinco tantos. Con todo o peixe vendido o interese centrábase no que sucedera en San Martiño onde os de Julio Corral precisaban unha derrota do Quiroga. O bo encontro do Rubián presaxiaba un final feliz para o Incio, pero terá que pelexar o salto de categoría no play off.
O Palas faise co campionato goleando ao Castroverde (4-0). Non quixo mirar a outros campos o equipo local, que xa co ascenso no peto, asegurou o primeiro posto nun bo partido diante dun Castroverde que chegou ao partido quince minutos tarde. Foron os que lle levou aos de Brais Vázquez poñerse con tres tantos de vantaxe no marcador, obra de Julián, Adrián e Tenerife. Na segunda metade o Castroverde aproveitou a relaxación local e contou con ocasións para recurtar diferencias, pero non estivo atinado. O pichichi Álvaro estableceu o cuarto e definitivo tanto a falta de dez minutos para o final.
O póker de Martín deixa ao Sober en play off (0-7). Encontro plácido para os de Iban Lagoa no campo do Relámpago Taboada. O cadro local, de novo moi lastrado polas baixas, non foi rival para un Sober moi motivado na súa pelexa por xogar a fase de ascenso. Martín, con catro goles, foi o gran protagonista do encontro.
O Santa Comba empata co Páramo e queda fóra da loita polo ascenso (1-1). O triunfo do Sober deixaba aos de Ángel Merino sen opcións, aínda que estes pelexaron pola vitoria ata o final. O cadro local saiu con presión alta e esta deu os seus froitos aos cinco minutos de xogo, cando Sergio rematou ao fondo da portería un bo centro desde o perfil esquerdo. A primeira metade proseguiu con dominio local, pero sen xerar ocasións de perigo. Na reanudación, o Santa Comba relaxouse coñecedor do resultado do Sober e o Páramo aproveitouno para empatar cun tanto de Dani.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Un Monterroso B con dez gaña ao Bóveda con nove (2-3). O de xogar once contra once non tivo cabida no Hermanos Somozas. Ámbolos dous conxuntos, plagados de baixas, non foron quen de completar o seu equipo titular. O Bóveda foi mellor na primeira metade, aínda que sen contar con grandes ocasións de gol. Na segunda o filial monterrosino saiu con outra cara e aproveitou os primeiros vinte minutos para deixar o encontro case que sentenciado con tres tantos. O Bóveda non tirou a toalla e nos últimos compases apretou o marcador. Viana e Luis anotaron para o cadro local que quedou sen tempo para procurar o empate.
Foto de portada: Facebook Quiroga