Futbolinlugo xa ten todas as actividades sociais pertencentes ao seu décimo aniversario. Entre os meses de marzo e xullo haberá diferentes Xornadas de Tecnificación, a terceira edición do Campus Mixto Futbolinlugo de Burela e a quinta edición do All Star Futbolinlugo. Todo presentouse nun acto na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo coa presenza de do redactor de Futbolinlugo e coordinador das actividades, Diego Díaz, e o Delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias.
A primeira das actividades do 2025 será a Xornada de Tecnificación que se realizará nos campos 1 e 2 das Gándaras de Lugo o día 5 de marzo de 9.30 horas a 14.30 horas. Aínda hai prazas para apuntarse neste evento, cuxa inscrición pecha o vindeiro domingo e tivo un aumento de 30 ocos debido á dispoñibilidade de ambos campos do recinto.
As Xornadas de Tecnificación continuarán, estendéndose por toda a xeografía lucense. O 21 de abril o evento trasladarase á Pastoriza, o 1 de maio estará en Guntín e o 30 de xuño chegará a Castro. As xornadas teñen coma intención “traballar con algúns dos mellores adestradores da provincia os diferentes xestos técnicos dende o analítico ata o integral”, como afirma Diego Díaz.
All Star Futbolinlugo e o Campus de Burela
O 28 de xuño chegará a hora da quinta edición do All Star Futbolinlugo. A sede do maior evento do fútbol lucense inda é sorpresa, pero pódese adiantar que será nunha das localidades onde xa hai unha actividade. Na nova edición “seguiremos facendo aínda máis grande e especial a gran festa do fútbol lucense”, apunta Díaz.


Coma colofón das actividades do décimo aniversario de Futbolinlugo estará a terceira edición do Campus Mixto de Burela que comezará o día 14 e finalizará o día 18 de xullo. Neste campamento os cativos poderán desfrutar do fútbol mentres o combinan con máis actividades lúdicas que lles permitirán pasar uns días inmellorables.
Futbolinlugo non ten pechado o calendario de eventos, senón que podería haber novos anuncios de algún máis nos que o gran obxectivo é o crecemento do noso fútbol en toda a provincia.
