Carballedo, San Lázaro e Monte Forte únicos equipos que puntúan esta xornada

Derrota ante As Celtas dun bo PM Friol

Bo partido das friolesas na casa das Celtas, dominando a posesión de balón e con ocasións de chegada á porta, porén, o balón non entrou. Quen si tivo acerto foi o equipo celeste, que na única ocasión da primeira metade do partido puxo o 1-0 no luminoso.

Xa na segunda parte, as tornas cambiaron. As viguesas dominaron o encontro con fluidez e marcaron o segundo gol e definitivo do partido (2-0). Unha gran actuación de Sara, a porteira friolesa, impediu que a diferenza fora a maiores aínda que tamén, a mala sorte impediu que na primeira parte o PM Friol non chegara cando menos cun empate ao descanso.

Malia todo, un partido fermoso de fútbol con dous grandes equipos sobre o verde que, desta volta, quedou cos tres puntos en Vigo.

Derrota pola mínima na Cheda cun gran partido do CD Lugo

Caeron as lucenses na casa ante o filial do Deportivo de La Coruña (0-1). Un gol de Apostol no minuto 29 sería o único tanto que subiría ao marcador.



Aínda que o resultado non acompañou, o Lugo fixo o parrtido que quería facer. O Dépor trataba de chegar combinando mentres que as luguesas alternaban a presión avanzada coa defensa repregada para saír con rapidez ó contraataque.

Durante os primeiros 20 minutos, as ocasións chegaban dende o lado albivermello, contando con dúas chegadas moi claras para marcar e deixando ao Deportivo coa única posibilidade do xogo directo.

Porén, eses foron tamén os mellores minutos das coruñesas, que crearon numerosas ocasións e, precisamente, cando chegou o gol de Apostol, nunha xogada desafortunada do CD Lugo.



Xa na segunda metade, as ocasións foron escasas. O Deportivo xogaba a defender o resultado e o Lugo non conseguiu anotar ou, polo menos, non que subira ao marcador. Un gol anulado ás albivermellas e bastante confuso, quitoulles un empate que, quizabes, era merecido polo bo xogo despregado.

Once inicial do CD Lugo. Foto cedida

Un mermado PM Friol ponllo difícil á Cultural Maniños

As friolesas chegaban ao partido con moitas baixas e ademais, un equipo moi novo, con case metade do cadro de xogadoras, en idade cadete. Porén, o equipo conseguiu competir con altura ante a Cultural Maniños, facendo un partido serio e sen conceder prácticamente ningunha ocasión clara agás as que chegaban a balón parado.

O partido decidiuse nun balón dividido no que unha xogadora friolesa e a rival chocam pé con pé e, o colexiado, interpreta que houbo penalti favorable ás xogadoras locais. Así chegou o único e definitivo gol do partido (1-0) para quitarlle un xusto empate ao PM Friol que, aínda que tivo ocasións para anotar, non conseguiu finalmente convertir os disparos en gol.

Once inicial do PM Friol B. Foto cedida

Tampouco o filial do CD Lugo conseguiu puntuar

O CD Lugo B caeu 2-1 a domicilio ante o Meicende. Aos tres minutos do inicio do partido xa se adiantaba o Meicende. Esa foi a tónica na primeira parte, que transcorreu con varias ocasións para as locais mentres que o CD Lugo só tivo un tiro entre os tres paus.

Xa na segunda metade, o CD Lugo B saiu ao verde para dominar o partido e conseguiu achegarse con perigosidade á meta contraria en varias ocasións, mais sen anotar. Foi nunha falta a favor das luguesas cando Xiana anotou de tiro directo.



Co empate no luminoso, ambos equipos tiveron ocasións para gañar o encontro, mais o CD Lugo B non foi quen de anotar. Xa no minuto 90, e cando todas pensaban no asubío final, anotou o Meicende cunha falta no borde da área.

Once inicial do CD Lugo B. Foto cedida

Un Touro con gran pegada tomba á SD Antas

Derrota clara da SD Antas ante a SD Touro que amosou unha gran pegada e eficiencia sobre o céspede do Castro Seoane.

Non foi o mellor partido das locais, con moita falta de intensidade en moitas xogadas que resultaron chaves no partido e, ademais, con numerosas imprecisións. Un partido discreto da SD Antas que se viu superada por un Touro moi superior.

Jenny sería a encargada de facer a primeira ocasión clara do partido tras un bo pase de Mayte no man a man que lanza coa perna menos hábil e o balón marcha rozando o pau.

Porén, o Touro xa na súa primeira chegada á área, convertíaa en gol cun centro moi cómodo dende a banda que, libre de marca, golpea de cabeza e cruza o balón para rematar na rede.

O segundo gol das visitantes chegaría con outro centro lateral que, cun gran disparo de volea da xogadora do Touro, serviría para poñer vantaxe de por medio no luminoso.

Porén, a xogadora da SD Antas, Nuria, gozou dunha gran oportunidade para recurtar diferenzas de penalti, pero o balón foi directo ao travesaño.

Xa na segunda metade, as locais saíron mellor e nos primeiros minutos conseguen anotar por medio de Jenny para recurtas diferenzas. A SD Antas tiña que seguir arriscando se quería ir a polo partido e o Touro era, mentres tanto, unha ameaza constante con boas transicións e combinacións rápidas.

Así chegou o terceiro gol do Touro, un golazo dende a frontal. A SD Antas mentres tanto seguíase atopando coa madeira nun bo disparo de Jenny e, a pesares do bo traballo das seoanesas, non conseguirían finalmente puntuar na casa ante un Touro que foi superior.

Once inicial da SD Antas. Foto cedida

A SD Chantada segue sen levantar cabeza

Nada máis comezar o encontro, anotaba o Rosalía, sufrindo a SD Chantada un dos seus problemas de costume; recibir nos primeiros intres do partido. Aínda así, as chantadesas conseguiron facer unha boa primeira parte ante un equipo, o Rosalía, moi superior.

Porén, á volta do vestiario, as visitantes saíron ó céspede do Sangoñedo para asegurar a vitoria pola vía rápida e contundente. Final cun 0-8 que segue afundindo ás vermellas, cada vez con máis dificuldades para sumar puntos na táboa.

Empate no Catro Ventos nun partido intenso

Encontro de gran intensidade entre o Carballedo e o Santiso cun gran nivel de xogo, cun espectáculo digno de ver.

Dous equipos moi parellos medían forzas nun partido no que, a vitoria, puido caer para calquera dos dous bandos.

Durante a primeira parte o Carballedo tivo ocasión para adiantarse xa no minuto 2, pero unha gran ocasión da porteira rival frustrou o gol para adiantarse ás locais. Xa na seguinte xogada, unha mala saída de balón do Carballedo concede o balón da frontal da área e así anota o Santiso o 0-1.

O Carballedo seguiu remando ata conseguir o gol do empate cun saque dende o curruncho que Carla Cibeiro remataría ao fondo da rede.

O partido continuou con ocasións para ámbolos conxuntos mais o descanso chegou co empate a 1 no marcador. Á volta dos vestiarios, o Carballedo saiu cun plan de partido máis atrevido e con gañas de firmar os tres puntos, tendo varias ocasións para poñerse por diante pero é nunha contra cando o Santiso se adianta (1-2).

O Carballedo non baixou os brazos e, tan só uns minutos despois, pon o 2-2 no luminoso de novo por medio de Carla Cibeiro.

Así rematou o partido, en táboas pero cun Carballedo que puido levarse os tres puntos e que deixa orgulloso ao corpo técnico e á afección polo traballo feito sobre o verde ante un equipo tan forte coma o Santiso.

Once inicial do Carballedo CF. Foto cedida

A Comercial cae na casa ante a SD Cruces

A Comercial saiu moi ben ao encontro, tendo na primeira parte chegadas claras á portería rival que, porén, non entraron. Belén, a porteira da Comercial que volvía ao céspede, anotouse dous paradóns para manter ao seu equipo no partido.

A porteira da Comercial, Belén, despexa un balón. Foto cedida

Xa á saída do descanso, tras un gol en fóra de xogo das rivais, a impotencia apoderouse da Comercial. Aínda así, seguiu loitando e chegando a porta, conseguindo anotar os seus dous goles do resultado final (2-5) a piques de rematar o encontro.

Xogadoras da Comercial. Foto cedida

Outra fin de semana, outra goleada do Monte Forte

A domicilio firmou outra goleada o Monte Forte, batendo con solvencia desta volta ao Trazo (0-4). Un partido dominado de inicio a fin polas adestradas por Meilán cunha primeira parte na que a porteira rival estivo excelsa para atallar máis de dez tiros das monfortinas.

Xa na segunda metade o Monte Forte seguía dominando, pero sabendo aproveitar as oportunidades de gol e sen apenas ocasións para o Trazo.

As autoras dos goles para a vitoria do Monte Forte foron Emilia López (57′), Paula Pérez (65′), Iria Fernández (67′) e Vanessa González (70′).

As xogadoras e corpo técnico do Monte Forte celebran os tres puntos ao finalizar o partido. Foto cedida

Vitoria para o San Lázaro no derbi ante a Milagrosa

Partido semellante ao da primeira volta na que o San Lázaro tentou crear con balón mentres que a Milagrosa apostaba pola presión alta.

O San Lázaro non estivo moi inspirado, concedendo perdas de balón perigosas, xogando incómodas coa presión da Milagrosa especialmente nos primeiros minutos do partido.

O primeiro gol chegaría das botas de Douaa nunha acción illada e cunha gran definición. Xa na segunda metade, a Milagrosa volveu apertar arriba pero o San Lázaro saíra mellor ao céspede e con máis seguridade grazas ao gol de vantaxe no luminoso e a entrada no campo de Morgan.

A Milagrosa acusaba o cansancio e o San Lázaro sacou rédito, anotando o segundo e definitivo gol, de novo, Douaa (0-2).

As xogadoras e corpo técnico do San Lázaro celebran os tres puntos. Foto cedida

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *