Comezaba a tarde cunha calor abafante en tres puntos tan distantes como unidos por un día. A Residencia defendía a súa segunda posición ante un Lemos que non quería dar o seu brazo a torcer tan facilmente. Así como un Santaballés, repleto de ilusión, agardando pola carambola da década.

A xogada a tres bandas comezou a saír cun sorpresivo tanto na Cheda, aos dez minutos de xogo. Na primeira aproximación do Ribadeo, Jairo facía un gol de nove puro. Lategazo a bote pronto coa perna mala e alarmas acendidas na capital lucense.

Achegábanse os encontros ao ecuador da primeira metade. O Lemos seguía sen facer os deberes e ao Santaballés racháronlle de cheo a folla de cálculo. Xenxo dáballe unha mínima vantaxe a un Foz que mandaba no Martínez Otero. Nese mesmo intre, Diego Simón devolvía algo de tranquilidade ao respectable da cidade das murallas. Gol de falta directa e empate para a Residencia.

Sen chegar aínda á media hora de xogo, as augas encauzábanse pola Cheda. Pase filtrado ao corazón da área. E Dani Renda, cun sutil toque, firmando o seu enésimo tanto da temporada. A Residencia que conservaba o seu posto de grupo de ascenso ao descanso. Incluso co tanto de Xairo para os mariñáns ao bordo do tempo de lecer. O Ribadeo igualaba de novo nun balón solto na área. O Lemos non atopaba o seu gol na Ribela e os de Dani Moirón poñíanse un exercicio extra para a segunda metade.

Máis ben, dúas tarefas extra. Xa que xusto á volta de vestiarios, Canario marcaba desde os once metros. Detalle de superclase de Diego Chao, ao deixarlle tirar a pena máxima ao capitán. Gol desde os once metros con adicatoria especial (que se pode ver no vídeo). A un ceo no que xa descansa o querido pai do carismático mediocentro focego. A emotividade do réquiem deu paso ao son máis estridente. Heavy metal na Ribela. Diego Torres, á batería, subía os decibelios da xornada e colocaba ao Lemos en zona de grupo de ascenso tanto tempo despois.

A noticia chegou á Cheda, onde os de Álvaro Meilán empezaron a ver a pantasma da Copa do Rei. Unha pantasma que se vislumbraba como o mellor dos soños no Martínez Otero. Miguel recurtaba as diferenzas para o Santaballés.

E así nos plantamos na derradeira media hora do ‘superdomingo’. Cun cóctel explosivo de emocións ao longo e ancho da provincia. Os nervos atemorizaban á Residencia, que non xeraba o perigo necesario para regresar á zona noble da táboa. O sufrimento e a fe inundaban o feudo sarrián. E a ledicia máis fermosa e sincera fabricouse in extremis en Foz.

Cun Santaballés que empatou a menos de cinco minutos para o final. E que puxo a guinda co éxtase que produce unha remontada no desconto, cun tanto en propia porta do rival. Un desenlace de película para un domingo histórico. Un día no que Santaballa marchou de Copas. E o Lemos de festa rachada. Non sabemos quen pagou. Só que a peor das peaxes foi para a Residencia, que empezou téndoo todo e durmiu sen nada.

Comparte
                                          

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*