[themoneytizer id=”15360-1″]

Xornada marcada polo derbi de Terceira, que gañou o Polvorín na estrea de Simón Lamas como adestrador do Racing Vilalbés. Na Prefrerente, primeira derrota da Sarriana, goleada do Viveiro no Arturo Pereiro ante o Castro, triunfo pola mínima do Ribadeo e debacle do Foz ante un rival directo como o Agolada.

Tivo que remontar o Polvorín para quedarse cos tres puntos no derbi lucense de Terceira División (2-1). Simón Lamas non puido debutar cun triunfo e o Racing acumula nove xornadas sen gañar, convertíndose no novo pechacancelas da categoría. O conxunto chairego amosou mellor imaxe que nos últimos encontros, deixando claras as súas intencións: orde defensivo e transicións rápidas.

Juan de Dora, que recambiou ao lesionado Ballesteros puxo por diante ao Racing, pero minutos máis tarde Javi Rey, amosando a súa clase igualou a contenda. Non houbo moitas ocasións, salvo un testarazo de Cuadrado, aínda co encontro igualado. O tanto do triunfo do filial lucense foi anotado polo canario Rayco logo de regatear ao meta Javi Pita, un dos destacados no conxunto vilalbés.

A Sarriana caeu en San Lázaro ante o Noia por un tanto a cero, colleitando así a súa primeira derrota da temporada. Os de Alberto López seguen a ocupala segunda posición na clasificación con catro puntos de ventaxa sobre o seu rival desta tarde. Un penalti errado por Marzán e un gol anulado foron as mellores opcións dos sarriaos, que viron como Stefan marcaba para o Noia o gol do triunfo a seis minutos do final.

O Viveiro atópase no mellor momento da temporada. Suma nove xornadas sen perder e nos últimos dous encontros anotou once tantos. No derbi provincial ante o Castro, os de Chusky gañaron por un contundente 0-6. Roi, Tichu e Uriol xa marcaran antes dos vinte minutos de xogo. Antes do descanso, Hugo Buíde viu a segunda amarela deixando ao Castro cun home menos e botando abaixo calquer atisbo de remontada. Antes do descanso Marino fixo o cuarto e na segunda metade Xaime, de penalti, e Yoel completaron a conta viveirense.

Presumíase un encontro plácido no Pepe Barrera coa visita do Estudiantil. O conxunto estradense só conta con un punto na clasificación e fóra da casa amosa a súa febleza e a falta de experiencia do seu plantel. Pero na Preferente é bo non confiarse en exceso. O certo é que os de Rafa Casanova foron os absolutos dominadores do encontro e puideron acadar unha dieferencia máis ampla de goles (2-1), pero non estiveron acertados cara a porta. Javichu, nun lanzamento de falta estrelou o balón no pao, nunha das máis ocasións máis claras. Aitor anotou o primeiro tanto, e o segundo non chegou ata preto do último cuarto de hora por medio de Adrián Barrera. Tan só un minuto despois, Manu Soto recurtou diferencias pero os tres puntos non correron perigo.

O Foz caeu no campo do Agolada, rival directo pola permanencia, por un claro tres a cero. Unha chegada á porta rival nos primeiros minutos de encontro foi toda a bagaxe ofensiva do conxunto mariñán, que non deu mostras en ningún momento de poder facerse co partido. O rival sentenciou no primeiro cuarto de hora da segunda metade.

[themoneytizer id=”15360-28″]
Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*