#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Os conxuntos lucenses logran un pleno de vitorias na antepenúltima xornada de Terceira

A vixésima resultou unha xornada espectacular para os tres representantes lucenses na Terceira División. O Polvorín derrotou ao Silva na Grela e está a un paso de asegurar un posto na promoción de ascenso, mentres que o Racing Vilalbés foi quen de gañar no campo do Somozas e sitúase a un punto do cadro de ferrolterra e, polo tanto, do terceiro posto. O Viveiro goleou en Cantarrana ao As Pontes e segue fóra da zona de promoción de permanencia.

O Polvorín acadou o terceiro triunfo consecutivo diante do Silva e acaricia a fase de ascenso (0-3).

O filial albivermello acariña coa punta dos dedos a primeira promoción de ascenso da súa historia a Segunda B. Logo do triunfo no sempre difícil campo do Silva, os de Álex Ortiz son segundos con catro puntos de vantaxe sobre o Racing Vilalbés.



O partido púxose axiña de cara para os lucenses. Aos cinco minutos de xogo, o pichichi Christian gañoulle a espalda aos centrais e definiu cun tiro cruzado diante do que nada pode facer Adrián Ríos. O Polvorín tivo o control do partido, aínda que o conxunto coruñés tentou saír rápido á contra logo do roubo de balón, sen xerar ocasións claras de gol.

Unha das ocasións máis clara tívoa Morais logo dun centro lateral de Gabarre, pero atopouse coa gran intervención do gardameta silvista. Nesa acción o atacante do Polvorín resultou mancado e foi sustituído por Martín. Christian volveu a ser protagonista antes do descanso con un bo lanzamento que detivo co pé Adrián Ríos.

Na segunda metade, o filial do C.D. Lugo reforzou o mediocampo coa entrada de Marcos. O Silva trocou o seu habitual sistema de cinco centrais e buscou con ímpetu o empate. Pero foi o Polvorín quen ampliou diferencias. Iago Novo roubou o balón e Christian desta volta non errou na definición.



A única ocasión clara para o conxunto local naceu nun córner que Brais Lema cabeceou preto do pao da portería defendida por Ángel Fraga. Moi preto do final unha boa xogada de Manu Núñez por banda rematou co pase da morte a Antón Escobar que anotou o terceiro e definitivo tanto.

O triunfo do Racing Vilalbés no campo do Somozas mantén aos chairegos con opcións de ser terceiros (0-1).

O Racing Vilalbés non renuncia a nada. Coa permanencia xa no peto desde a pasada xornada o triunfo no Alcalde Manuel Candocia certificouna, e ademáis, situouse a un punto do terceiro posto, que ocupa un Somozas que non pasa o seu mellor momento en canto a resultados.

O encontro comezou con contratempo. Garrido impactou coa súa bota na testa de Cuadrado e o lucense tivo que abandoar o terreo de xogo e foi trasladado ao hospital onde recibiu dez puntos de sutura. O cadro chairego pediu a expulsión do zagueiro, pero a colexiada Elena Casal só amosou cartón amarelo. Santi Gegunde entrou no terreo de xogo para ocupar o posto de Cuadrado. A partir de aí o Somozas tivo os seus mellores minutos no partido e gozou de dúas ocasións claras nas botas de Álex Cabarcos e Luis Chacón, antes as que respostou Javi Rumbo.

No minuto 36 chegou o único tanto do encontro. Pedrosa centrou desde o perfil esquerdo do ataque, Santi Gegunde controlou e cedeu para que Jose Varela fusilara a portería do ex racinguista Marcos Souto.

A segunda metade comezou cunha ocasión de Santi Gegunde que desbaratou o gardameta dun Somozas que co paso dos minutos tentou xerar perigo polas bandas, aínda que con escaso éxito. Os de Simón Lamas no último cuarto de hora buscaron a contra e chegaron con certo perigo á área rival. Unha boa conexión de Make con Marino rematou co disparo do meirego que se atopou coa boa resposta de Marcos Souto.

O susto chegou na última acción do encontro. Pablo Rey marcou, pero o tanto foi anulado por presunta man do ferrolán que protestou a acción e foi expulsado ao ver o segundo cartón amarelo.  Con este triunfo e un partido menos o Racing Vilalbés mantén intactas as opcións de ocupar un dos postos de promoción de ascenso.

O Viveiro mantense fóra dos postos de promoción de permanencia logo de golear ao As Pontes (4-0).

Recuperou a solvencia en Cantarrana un Viveiro que viña amosando unha boa imaxe nos últimos encontros, cun triunfo abultado diante dun As Pontes abocada a loitar pola permanencia na segunda fase.

Os mariñáns comezaron moi ben e non tardou en reflexalo no marcador. Xaime sacou desde o curruncho e Álex Meitín foi quen de rematar en dúas ocasións dentro da área. A primeira bateu co pao, pero a segunda rematou no fondo da portería. Os de Chollas non se viñeron abaixo co tanto en contra e buscaron o empate. Non estiveron lonxe de acadalo en dúas claras ocasións de Artai e Mitogo. Antes do descanso, Facu encargouse de disipar dúbidas. O arxentino disparou desde fóra da área e o balón colouse pola escadra de Bugy.

A segunda metade comezou da mellor forma. Aos cinco minutos chegou a sentencia, de novo obra de Facu, desta volta cun tiro desde dentro da área. Xa preto do final, o recén incorporado Pablo Louzao fixo o cuarto e definitivo tanto logo dunha boa asistencia de Álex Meitín. O lateral viveirense rematou cruzado lonxe do alcance do gardameta pontés.

O Viveiro é sexto cun punto de vantaxe sobre o Silva. Ámbolos dous conxuntos se enfrontarán este mércores no encontro adiado da xornada 17. Un triunfo mariñán deixaría a permanencia encarrilada.

Os conxuntos lucenses logran un pleno de vitorias na antepenúltima xornada de Terceira

O anecdotario: «A terapia do Ratibrom caseiro»,

Os conxuntos lucenses logran un pleno de vitorias na antepenúltima xornada de Terceira

A II Guía Futbolinlugo, en dixital (12)

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *