O Polvorín xa é segundo na clasificación. Logo de 19 xornadas de competición na Terceira o filial albivermello subiu un posto na táboa logo de superar na Cheda ao Fabril. No derbi provincial, o Racing Vilalbés gañou pola mínima a un Viveiro que quizais mereceu máis premio logo do visto na Madalena.

O triunfo do Polvorín diante do Fabril sitúa ao filial do C.D. Lugo na segunda posición (3-1)

O triunfo do Polvorín, xunto co empate do Somozas en Arzúa, sitúa aos de Álex Ortiz no segundo posto da clasificación cos mesmos puntos que os de ferrolterra e con catro de vantaxe sobre o Racing Vilalbés.

Ámbolos conxuntos saíron cunha presión alta, pero o Polvorín atopouse máis cómodo que o rival, malia as dificultades para saír co balón xogado. No minuto 20 chegou o primeiro tanto. Morais roubou o balón á zaga fabrilista que correu cara a área rival e cruzou o balón lonxe do alcance de Alberto. Non tardaron en reaccionar os de Valerón. Yeremai rematou unha boa xogada individual de Boedo.

O Polvorín seguiu co mesmo guión e deseguido xerou novamente perigo. Un centro lateral de Asier que errou a despexar a defensa visitante a piques estivo de aproveitalo Morais, pero o seu lanzamento saiu demasiado cruzado. A falta de cinco minutos para o descanso, de novo o omnipresente Morais puxo por diante ao Polvorín. Unha boa xogada do dianteiro na área remata cun lanzamento axustado ao pao.

Na segunda metade o Fabril lanzouse a polo empate, aínda que sen demasiada claridade. A ocasión máis clara tívoa Adri Castro, ante o que respostou á perfección Julen. A sentencia non chegou ata o minuto 86. Unha boa xogada de Iago Novo remata cunha precisa vaselina do recén incorporada Christian que supera ao gardameta visitante.

Un tanto de Pedrosa dalle ao Racing Vilalbés o triunfo no derbi ante o Viveiro (1-0).

Os tres puntos quedaron na casa. Os de Simón Lamas deron un paso case que definitivo para manter a categoría e manteñen serias opcións de acadar o terceiro posto. Pola contra, o Viveiro mantén un só punto de marxe cos postos de promoción de permanencia, pero o Silva conta cun partido menos que o cadro celeste. Tan só un troco no once titular do conxunto local coa entrada de  Sandá por Bruno Caballero. Chusky realizou tres trocos, dous deles obrigados. Uriol xogou no lateral dereito no canto do mancado Agus e Dani Montes no centro da defensa polo sancionado Edgar. Tamén foi da partida Facu, que deixou no banco a Álex Meitín.

A primeira ocasión do partido convertiuse no único tanto. Pedrosa ollou a posición adiantada de Manu Cedrón e disparou desde preto do medio do campo acadando un dos goles da temporada. O encontro transcorreu igualado na primeira metade e sen moitas máis ocasións de gol. As máis claras foron tívoas Javi Rey para os mariñáns, pero o longueiro e Rumbo evitaron o tanto.

Logo do paso por vestiarios, o Viveiro chegou con máis perigo á área rival, malia que lle costou xerar ocasións claras nos primeiros intres. O recén incorporado Álex Meitín obrigou a intervir ao gardameta racinguista cun bo testarazo e un centro de Javi Rey a piques estivo de convertirse no empate, pero Muíña sacou o balón preto da liña.  De novo Muíña resultou providencial ao cortar un lanzamento de Álex Meitín e Asier a piques estivo de batir a Rumbo, pero este interviu cunha boa parada.

Nos últimos intres do encontro foron os chairegos quenes puideron sentenciar o encontro. Cuadrado e Marino puideron facelo, pero a máis opción máis clara tívoa Javi Varela logo dunha contra. Con todo a favor enviou o coiro por enriba da portería de Manu Cedrón.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*