O grupo pola permanencia chega á súa terceira xornada e o Viveiro afronta unha cita crucial en Cantarrana. Será o domingo ás 17:30 horas diante do Ribadumia, coa arbitraxe do colexiado coruñés Méndez Castro. O encontro, con ámbolos conxuntos separados por tan só tres puntos, será unha reválida para os mariñáns logo da eliminación na fase previa da Copa do Rei diante do conxunto do Salnés.

O Viveiro encabeza, xunto co Arzúa, o grupo de equipos que buscan evitar o descenso a Preferente. De doce conxuntos, tan só catro lograrán o obxectivo. Un reto da máxima dificultade que os mariñáns foron quen de comezar con bo pé. Ao triunfo diante do Atios na casa seguiulle o empate da pasada xornada no Couto ante a UD Ourense. Un punto moi valioso, pero que soubo a pouco logo de adiantarse ata tres veces no marcador. Agora, de novo con Cantarrana como esceario, os pupilos de Chusky tentarán sumar unha nova vitoria que os distancia cada vez máis do temido quinto posto.

O Ribadumia non puido disputar o seu encontro da pasada xornada diante do Estudiantil por mor dun positivo no conxunto compostelán. Cun partido menos que os mariñáns e tres puntos por debaixo, os de Luis Carro non poden permitirse un tropezo diante do Viveiro que os distancie da zona de permanencia. O conxunto pontevedrés conta cun cadro de xogadores que mistura veteranía e xuventude. Aos xa curtidos en mil batallas como o heroe copeiro Roberto Pazos, Fran Fandiño, Miguel ou Hugo Soto únese a frescura de Carlos, Diego Abal, Javi Domingo, Giráldez ou Óscar Martínez, co que conforman un equipo que ben seguro porá en dificultades ao conxunto local.

O único enfrontamento entre ámbolos dous clubs foi na fase previa da Copa do Rei esta mesma temporada, na que o Ribadumia foi quen de derrotar ao Viveiro na tanda de penaltis. O tempo regulamentado rematou con empate a un tanto. Hugo Soto e Xaime foron os autores dos tantos.

Falamos do encontro cun dos xogadores máis en forma do Viveiro, o focense Asier.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

ASIER (VIVEIRO C.F.)

 – Un punto no Couto. “Sabiamos que ía ser un partido difícil, como todos os desta fase, e que os erros se ían pagar caros, pero aínda así foi un bo resultado. Temos que facer bo o punto acadado en Ourense gañando este domingo na casa ao Ribadumia”.

– O rival. “Non lle atopo moitas similitudes ao este encontro co disputado na Copa do Rei. Aquel foi un partido raro, xa que apenas adestráramos calquera dos dous equipos e estabamos faltos de ritmo. Agora xa está todo moito máis igualado e temos que estar moi concentrados os noventa minutos para lograr un bo resultado. Eles son un bo equipo, que contan con xogadores moi veteráns e con moita experiencia, pero nós en Cantarrana temos que expoñer o noso xogo”.

A adaptación á categoría. “Foi unha temporada atípica e todo vai un pouco distinto, pero a día de hoxe atópome ben, temos un bo grupo e iso tamén axuda. O ritmo e a calidade que teñen tódolos equipos son as diferencias máis salientables coa Preferente”.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*