O Racing Vilalbés afrontará na penúltima xornada da segunda fase de Terceira un encontro decisivo diante do Choco. Será o domingo ás 17 horas na Madalena coa arbitraxe do colexiado compostelán Martínez Santos. O cadro chairego, cun triunfo, garantirá a súa presenza no play off polo ascenso a Segunda RFEF.

Os dous conxuntos chegan a este choque en dinámicas opostas. O Racing Vilalbés non foi quen de amosar a regularidade que na primeira fase lle serviu para situarse na zona alta da táboa clasificatoria e as tres derrotas colleitadas na segunda fixo que a vantaxe de puntos coa que chegaban os de Simón Lamas se esfumase. “Creo que a diferencia de puntos coa que chegabamos nos fixo relaxarnos e agora cóstanos saír desa mala racha, pero estou seguro que diante do Choco o faremos”, comenta Javi Rumbo, gardameta do Racing.

Pola súa banda o Choco, que evitou xogar a fase de permanencia de forma agónica na última xornada, foi quen de despregar o seu potencial neste camiño ao play off e nas catro xornadas disputadas non coñece a derrota. Tres vitorias e un empate, o pasado domingo diante do Fabril, fixeron que o cadro de Gonza Fernández chegue a esta penúltima etapa dependendo de si mesmo para entrar na apetecible promoción de ascenso. Para Javi Rumbo o encontro “será difícil como todos os desta competición, e máis xogándonos estar no play off. Sabemos que teñen un bo xogo por dentro e tamén buscando os espazos. Teremos que estar concentrados e ser quen de facer o noso fútbol na Madalena”.

Aínda que como xa é coñecido por parte dos distintos estamentos do club chairego, a clasificación para a promoción de ascenso non é ningunha obriga “sería un premio a un ano difícil e recompensaría o gran esforzo e traballo de todo o grupo”, asegura Javi Rumbo.

O último enfrontamento entre Racing Vilalbés e Choco na Madalena data do 13 de outubro de 2019 cun triunfo in extremis para os chairegos. O único tanto do encontro anotouno Cuadrado xa no tempo de desconto.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*