A segunda volta bota a andar na Terceira División, e faino logo dun primeiro tramo de competición que se caracterizou pola gran igualdade. Salvo na zona baixa onde Estudiantil e Paiosaco aínda non foron quen de acadar a vitoria, os restantes equipos non poden permitirse o luxo de cometer un mínimo erro se non se queren ver afastados dos seus obxectivos.

Detémonos nesta duodécima xornada no encontro que disputarán na Madalena o domingo ás 16 horas o Racing Vilalbés e o Arzúa, con tres puntos importantes en xogo e co arbitraxe do colexiado coruñés Pedro Oreiro Hermida.

 Cuadrado foi un dos grandes protagonistas da goleada do Racing Vilalbés ante o Polvorín

O conxunto chairego, con 21 puntos na clasificación, é terceiro na clasificación tan só superado polos dous conxuntos chamados a pelexar claramente polo ascenso como son Somozas e Bergantiños. O bo facer do Racing Vilalbés, cun sistema de xogo implantado por Simón Lamas perfectamente asimilado polos seus xogadores, ten un aliado claro: a Madalena. Invicto no seu feudo en todo o 2020, este novo ano comenzou co cadro vilalbés goleando ao Polvorín no derbi lucense.

O Arzúa ocupa a sexta praza da clasificación con dezaseis puntos, os mesmos que o Viveiro, con mellor golaverage que os mariñáns. Cos postos de promoción de permanencia ao carón, os de Javi Rey precisan dun triunfo para achegarse á zona tranquila. Perderon dous encontros en decembro, pero recuperaron boas sensacións ao xogar o partido aprazado ante o Estudiantil Vista Alegre (6-1). Só perderon en tres ocasións na primeira volta e unha soa lonxe do Viso, o que dá conta da perigosidade dos arzuáns lonxe do seu campo. Xogadores como Íker Hurtado, Manu Casal, Brais Pedreira ou Borja Míguez son só un exemplo do potencial ofensivo do rival do Racing Vilalbés nesta xornada.

O último encontro disputado na Madalena entre Racing Vilalbés e Arzúa rematou cun claro triunfo local por catro goles a cero. Foi o 15 de setembro de 2019 e anotaron para o conxunto chairego Javi Sandá, Josito, Diego Rey e Sito. Este domingo tan só o coruñés Javi Sandá tera opcións de repetir se é elixido por Simón Lamas.

Falamos deste partido cun vello rockeiro do noso fútbol, Diego Muíña, central do Racing Vilalbés, e tamén co sarriao Álex Vázquez, que cumple a súa segunda temporada no Arzúa logo dun breve periplo no conxunto chairego.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

MUÍÑA (RACING VILALBÉS)

– O Arzúa. “É un equipo que ten as cousas moi claras. O seu adestrador coñécenos perfectamente e vai ser un partido moi disputado que se decidirá nos pequenos detalles. Agardemos facer valer o factor campo e poder sumar outros tres puntos e continuar a inercia positiva do partido do Polvorín. Teñen xogadores como Iker Hurtado que foi pichichi a pasada temporada, capaz de crear ocasións de gol él só. Este ano non esta a ver porta con tanta facilidade, pero teremos que estar moi atentos de Brais, que aínda que non teña tanto nome paréceme un xogadorazo. Ten físico, calidade…é diferencial na categoría”.

– As aspiracións do Racing. “A temporada ata o de agora como bastante boa.  Somos un equipo ambicioso e perdemos dous puntos no último minuto ante o Fabril e outros dous en Paiosaco logo de ter dous goles de vantaxe . . . Eses puntos farían que a temporada fose excelente, pero ao final todo se equilibra. De tódolos anos que levo no club é a temporada que máis calidade ten o grupo. Xogadores como Cuadrado, Santi Gegunde, Pedrosa, Ángel ou Sandá son doutro nivel e se encima estes futbolistas engaden o compromiso e o esforzo que aquí son innegociables, por que non pensar en algo bonito?”.

– A veteranía é un grado. “Agora mesmo atópome moi ben e intento axudar o máximo posible ao equipo, coa fortuna de anotar nos dous últimos partidos, que aínda que sexa algo anecdótico ogallá continúe a racha. Simón coñéceme perfectamente e eu a él tamén. Máis alá da relación adestrador-xogador é un amigo e sabe perfectamente o que podo aportar ao equipo. Eu, con 35 anos sei o rol que teño no equipo e o que podo aportar. Está claro que a todos nos gusta xogar, pero co paso dos anos entendes mellor tódalas situacións”.

ÁLEX VÁZQUEZ (ARZÚA)

 – O Racing. “Agardo un partido moi disputado. Somos dous equipos ben ordeados defensivamente e con moita intensidade, polo que creo que será un encontro igualado. O rival chega nun bo momento e vén de golear ao Polvorín, que tamén é un bo rival. Ben seguro que estarán moi motivados”.

– A segunda volta. “Afrontámola con ganas e co obxectivo de mellorar a puntuación da primeira volta. Somos un equipo xove que creo que ao longo da temporada estamos madurando en certos momentos do xogo que nos penalizaron en varios partidos na primeira volta”.

– A etapa no Arzúa. “A verdade é que me atopo moi ben. Fisicamente non estou a ter problemas e a continuidade e a confianza de xogar partidos asiduamente creo que é esencial para ter un bo rendemento e facer unha boa temporada”.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*