Disto hai xa doce ou trece anos. Estaba eu no Foz cos Criss, Diego Hermida, os Chinchóns… E a historia que vos vou contar, en realidade son dous partidos. O da última xornada de Liga e o anterior. O derradeiro coincidía co Santo, unha das festas máis importantes de Foz. Na que todo o pobo sae de acampada tres días. Ou catro incluso, se coincide co Día das Letras Galegas.

Xusto celebra un gol co Racing Villalbés. EP

O equipo estaba practicamente salvado. Necesitabamos unha carambola moi grande para descender, con arrastres e así. Remontámonos á penúltima xornada, ao partido contra o Dorneda. Iamos gañando por 3-1 e empezaron a suceder cousas estrañas. Un xogador con catro tarxetas amarelas fai unha entrada moi a destempo, outro cunha rotura de fibras, outro que busca a tarxeta…

Pero a máis simpática de todas é a dun veterano moi coñecido, hoxe en día adestrador. Tiña catro tarxetas amarelas e non había maneira de que o colexiado lle sacase a quinta. Protestaba e o árbitro non lla quería sacar, parecía que o facía adrede. Nunha xogada centrou un do Dorneda e ao noso xogador, que era central, só se lle ocurriu despexar na área de puños. Co conseguinte penalti e tarxeta. Á fin! O partido acabou 3-2 e sen maiores problemas.

E… tocou a embarcada a Boiro. Con moita xente nova de 20-21 anos, entre a que eu estaba. Co equipo salvado, non perdoamos o Santo ao que fomos todos. Por iso, só acudimos ao partido doce xogadores. Nun microbús, coas ventanas empañadas e bolsas para o mareo preparadas. Nesa viaxe, un porteiro moi recoñecido non aguantaba as ganas de ir ao baño. O condutor non podía para na autovía… Menos mal que tiñamos botellas de auga baleiras e tirou con iso.

Xusto avanza co balón. EP

Chegamos ao partido, que comezou cun Boiro situado na zona alta da clasificación. Ante un Foz bastante mermado, sen porteiro suplente. Chegou o 1-0, un tanto moi protestado. Tan protestado que o porteiro que descargara no autobús o malo que tiña dentro, tamén o descargou co árbitro soltendo unhas cantas lindeces. Expulsárono no descanso e tocoume debutar como porteiro de Preferente.

Fixen un partido meritorio. Aguantei o 1-0, con dúas paradas. Unha moi fácil nun saque dende o curruncho. E outra nun man a man contra o dianteiro local. E case empatamos ao final nunha notable actuación colectiva. Volvimos mortos cara Foz pero satisfeitos co partido feito e con ter dado a cara. E sendo domingo, algún aínda lle tomou a última no Santo para despedir a festa ata o ano seguinte.

Justo ‘Xusto’ Pardeiro Pedreira. Lucense emigrado, nas filas do Silva. Un defensa con maiúsculas.

Comparte
                                                   

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*