A final da Copa Deputación agarda un Milagrosa-Antas

O Antas impúxose ao PM Friol B nun partido máis axustado do que indica o resultado

A Reigosa abriu a xornada de semifinais copeiras en plena Semana Santa cun protagonista inesperado: o sol. O calor, máis propio doutras datas, baixou as revolucións dun partido que arrancou sen demasiada chispa e cun ritmo máis ben contido.

Nese contexto, o Antas soubo manexarse mellor e acabou facendo valer a súa condición de equipo dunha categoría superior (1ª Futgal fronte á 3ª do PM Friol B). Iso si, o 0-3 final resulta algo amplo para o que realmente se viu no campo.

antas pm friol copa
PM Friol B – Antas. Foto Róber Carreira

A estratexia visitante pasou por buscar espazos ás costas da defensa local, e atopounos. Rebe foi a máis lista da clase e, con dous goles antes do descanso, puxo unha vantaxe que xa pesaba moito (0-2). O PM Friol B, sen perder a súa idea, tentou construír desde atrás na segunda metade, pero faltoulle profundidade para meterse de novo no partido. Co encontro xa aberto, Nuria aproveitou un roubo en presión para asinar o terceiro e pechar o pase do Antas.

Derbi capitalino con vitoria e pase da Milagrosa

Pola súa banda, o Luis Gorgoso acolleu a segunda semifinal cun derbi lucense entre Milagrosa e San Lázaro, dous vellos coñecidos da 2ª Futgal. E, por se faltaba algo, o sol repetiu protagonismo nun partido máis vivo que o anterior.

A Milagrosa, condicionada polas baixas e coa circunstancia de ter a Eider baixo paus sen ser a súa posición habitual, apostou por xuntarse atrás e saír rápido. Un guión claro que lle deu resultado, aínda que o marcador puido ser máis amplo de non atoparse unha e outra vez cos paus.

O San Lázaro levou máis iniciativa, movendo o balón e tratando de atopar ocos, pero sen lograr traducir ese dominio en ocasións realmente claras. Irene adiantou ás locais nos primeiros minutos e Leire ampliou a diferenza superada a media hora (2-0).

Milagrosa – San Lázaro. Foto Róber Carreira

Na segunda metade, un bo lanzamento de falta de Mireia apertou o marcador e puxo algo de incerteza, pero a Milagrosa soubo pechar o partido con oficio. Sen máis sobresaltos, o derbi acabou decidindo o segundo billete para a final desta Copa Deputación que xa agarda todo un Antas-Milagrosa.

Na Copa Deputación 2026 estreamos unha nova sección: O Ás de Copas. Nela repasamos os encontros do torneo copeiro e baixo o seu paraugas nomearemos unha xogadora destacada de cada eliminatoria.

Un ás é unha persoa que sobresae nunha actividade especialmente deportiva. As copas xóganse e tamén se desfrutan. Por iso, a Ás de Copas contará todo o que dea de si o torneo promovido pola entidade provincial.