#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Festín de goles do Racing Vilalbés no derbi de Cantarrana

A 14ª xornada de Terceira deixounos a goleada do Racing Vilalbés no derbi de Cantarrana diante do Viveiro e o empate do Polvorín co Rápido de Bouzas. Na Preferente, vitorias locales da Sarriana, Lemos e Ribadeo ante Betanzos, Victoria e As Pontes respectivamente. O derbi provincial entre Residencia e Foz rematou cun empate sen goles, mentres que Santaballés e Escairón caeron derrotados a domicilio.

O Polvorín cede un empate diante do Rápido de Bouzas nos últimos intres de partido (1-1).

Reparto de puntos no Municipal de Pol que fixo xustiza ao visto durante os noventa minutos. Na primeira metade estivo mellor un Polvorín que se presentou con varias ausencias de xogadores habituais como Castrín ou Dani Vidal. O conxunto visitante apenas inquedou a portería local nun econtro no que os de Álex Ortiz tentou ter o control con balón. No ecuador do primeiro acto chegou o tanto local. Álex Vila rexeitou un lanzamento e Pablo Martínez moi atento no segundo pao empurrou ao fondo da portería.

O Rápido saiu mellor na segunda parte e foi quen dominou os segundos corenta e cinco minutos. Os pupilos de David de Dios tiveron achegamentos á portería dun Julen que completou unha moi boa actuación. O gardameta resultou determinante para manter a portería a cero ata o minuto 88, cando nada puido facer para evitar o empate. Un erro defensivo propiciou un balón franco para Álex Rey que cun tiro cruzado igualou o encontro.



O Polvorín mantense na segunda posición, agora a tres puntos do líder Somozas.

O derbi de Cantarrana rematou cunha abultada goleada visitante (0-4).

Presentábanse Viveiro e Racing Vilalbés con dinámicas opostas. Os celestes case imbatibles no seu campo e os chairegos sen gañar fóra no que vai de temporada. Pero os derbis son outra historia e o de Cantarrana non foi unha excepción.



O visto na primeira metade non presaxiaba o resultado final. Un encontro parello, pero co Viveiro xerando máis perigo na área rival. Un centro de Pablo Rey que finalizou cun remate de Álex Meitín ao longueiro foi a ocasión máis clara para o conxunto local. O Racing pola contra non era quen de xerar situacións claras de perigo.

O paso polos vestiarios cambiou por completo a decoración do encontro. Os de David Páez saíron completamente desdibuxados e iso aproveitouno o Racing que se adiantou aos dez minutos de xogo nunha xogada de estratexia que finalizou Adrián Otero. A partir de aí o conxunto local lanzouse a polo empate e os de Simón Lamas aproveitaron á perfección os espazos para saír á contro con perigo, especialmente desde a entrada ao campo de Pedrosa. Unha xogada do ribadense rematou cun pase deste a Adrián Otero fixo o segundo. Non tardou en chegar o terceiro, obra de Jose Varela logo dunha prolongación de Pedrosa. O Viveiro apenas foi quen de xerar inquedar a ordeada zaga vilalbesa e xa co tempo cumprido nunha boa combinación dentro da área Pedrosa estableceu o cuarto e definitivo tanto.

O Racing Vilalbés queda sétimo na clasificación con vinte puntos mentres que o Viveiro é antepenúltimo con doce.

A Sarriana resolve con certa comodidade o encontro diante do Betanzos (3-0).

Os de Edu Rodríguez seguen no máis alto da Preferente logo dun encontro no foron superiores ao Betanzos. Os visitantes tentaron aproveitar os erros locais e saír a contra coa velocidade de Juan de Dora. A Sarriana puido adiantarse cun balón ao pao de Gerardo, pero o asturiano non errou a falta de oito minutos para o descanso e adiantou aos seus cun gran gol de falta.



O comezo da segunda metade foi de dominio betanceiro, pero as chegadas a área foron solventadas por un seguro Javi Liz. Tardou máis de vinte minutos a Sarriana en poñer terra de por medio. Foi de novo Gerardo, logo dunha xogada combinativa con Torres e Omar. O desconcerto visitante aproveitouno Jacobo para sentenciar o encontro nunha xogada de estratexia.

Terceiro triunfo consecutivo do Lemos como local, desta volta diante do Victoria (2-1).

Os monfortinos seguen a amosarse moi fiables na Pinguela. O Lemos foi claro dominador do encontro e na primeira metade puido adiantarse no marcador con varias ocasións claras de Armesto e Rubén Díaz, que erraron dous man a man co gardameta visitante.

No intermedio, Alberto López deulle entrada a Sidibé, nova incorporación procedente do Viveiro, onde xa amosou a súa condición de goleador, que resultou decisivo. Nada máis comezar unha asistencia deste rematou co tanto de Mauro. Pouco durou a alegría para o conxunto local. Nunha boa contra Raña fixo o empate para o conxunto adestrado polo vicedense Guillermo Pigueiras. A falta de nove minutos para o final, unha boa xogada de Dafonte foi culminada por Sidibé establecendo o marcador definitivo.

O Ribadeo remontou nos últimos minutos diante do As Pontes (2-1).

Segundo triunfo consecutivo do Ribadeo que asoma a cabeza á zona de permanencia. O partido non resultou doado no que foi o retorno ao Pepe Barrera de Rafa Casanova no banquiño visitante. Os pupilos do de Friol foron superiores na primeira metade, aínda que sen xerar excesivo perigo ante a portería de Carrera. No minuto 23, unha xogada individual de Sergio Otero rematou co tanto deste, resultado co que se chegou ao descanso.

No segundo acto, o Ribadeo tivo maior peso no encontro, aínda que sen gozar de grandes ocasións. O momento clave tivo lugar a sete minutos do final. David Pájaro viu o segundo cartón amarelo e o cadro local aproveitou a superioridade para darlle a volta ao encontro. No minuto 86 un saque desde o curruncho botado por Castrín rematouno de cabeza Criss ao fondo da portería. Xa cando o choque esmorecía un zurdazo de Castrín desde fóra da área superou a Paco e deulle os tres puntos ao conxunto adestrado por Dani Moirón.

O Santaballés realizou un bo encontro pero caeu derrotado na súa visita ao San Tirso (3-1).

Mereceu un maior botín o conxunto chairego, que non está a gozar de fortuna nos últimso encontros. O partido resultou igualada na primeira metade. A primeira ocasión clara caeu do lado dos de Juan Rodríguez cun lanzamento de Novás que se estrelou na cruceta. Dani e Diego tamén gozaron de boas opcións para adiantar ao Santaballés. O San Tirso achegouse á portería defendida por Ivo por medio de centros laterais que non chegaron a inquedar a zaga.

Na segunda metade o Santaballés comezou mellor e Dani San a piques estivo de batir a David. Aos vinte minutos chegou o primeiro tanto local, obra de Roberto Prieto. Non se deu por vencido o cadro chairego, que reclamou un penalti a Novás que o colexiado non estimou como tal. A falta de dez minutos para o final os locales puxeron terra de por medio cun gol de Lucas e o Santaballés recurtou diferencias no minuto 85 por medio de Yago. Xa no desconto o San Tirso sentenciou o encontro.

Residencia e Foz suman un encontro máis sen gañar logo de empatar sen goles no derbi (0-0).

O cadro local tivo o dominio do balón na primeira metade diante dun Foz moi replegado no que foi o debut no banquiño de Jesús Gayol. Os de Dani Galán contaron con dúas claras ocasións. Un testarazo de Yeray ao que respostou Alonso cunha gran parada e un remate cruzado de Tkiki que saiu lixeiramente desviado.

A segunda metade resultou nivelada. O Foz comezou mellor e puideron adiantarse cunha chegada en superioridade que non souberon resolver por medio de David Ben. A Residencia mellorou cos trocos e Poratti puxo a proba de novo a un inspirado Alonso. Xa preto do final Veloso puido marcar logo dun bo pase de Rober.

O Escairón amosou unha mellor imaxe pero non foi quen de puntuar no campo do Montañeros (1-0).

Encontro de moita intensidade o visto na Grela, no que serviu de estrea de Juan Torrado no banquiño do Atlético Escairón. O cadro do Saviñao optou por unha presión alta e non deixou saír con comodidade ao rival co balón desde atrás. O único tanto do encontro foi anotado polo vilabés Hugo Criado no ecuador da primeira metade.

No partido víronse ocasións en ámbalas dúas porterías e foi moi agradable de ver para o espectador. O Escairón foi quen de ofrecer un xogo combinativo en varios momento do encontro, pero non foi quen de acertar cara a portería contraria.

Festín de goles do Racing Vilalbés no derbi de Cantarrana

O anecdotario: «Un imán para os alcumes»,

Festín de goles do Racing Vilalbés no derbi de Cantarrana

Diario dun Mercado. Episodio 261

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *