#Con F de Futbolista #Feminino #Fútbol afeccionado

Exhibición goleadora dun San Lázaro que apunta alto

  • Repasamos a xornada dos equipos femininos lucenses nos que houbo goles, derrotas amplas, vitorias folgadas e tamén episodios para esquecer

O PM Friol xoga á lotaría e tócalle no desconto

«O resultado xusto sería un 2-2«, admiten dende o PM Friol e, con esa afirmación pouco habitual do equipo que rematou gañando por un 4-2; resume ben o partido.

As friolesas non xogaron ben. As súas rivais, as xogadoras do Bergantiños, aínda que se sitúan como colistas na clasificación son un equipo contra o que xogar concentradas, xa que teñen potencial para pór en problemas a calquera equipo.

O corpo técnico do PM Friol insistíralle ás xogadoras na nacesidade de manter a intensidade, antes do partido e cando na primeira metade gañaban por 2 goles a 0. Porén, as friolesas sairon moi mal do descanso. Totalmente desconectadas, como se non existiran. O Bergantiños aproveitouno e empatou o encontro a dous ata que, xa no desconto, un penalti e logo un córner volveron colocar ás friolesas con dous goles de vantaxe para o 4-2 final.

Derrota do Lugo ante o Sardoma en Vigo

Aínda que foi un partido igualado, no apartado da posesión o dominio era para as locais, xogadoras do Sárdoma, pero as ocasións non chegaban para ningún dos conxuntos. Ambas defensas eran sólidas, pero os ataques tiñan bastantes deficiencias.



Co 0 a 0 chegou o partido á metade. A segunda parte pintaba igual e todo parecía indicar que as táboas sen goles sería o resultado máis posible. Porén, un despiste do Lugo nun córner facilitou a vitoria ás rivais. Co 1-0 en contra o Lugo lanzouse ó ataque para poder acadar o empate, polo que o xogo se abriu e comezaron a aparecer ocasións para ambos equipos. Nese cara ou cruz da moeda, ó Lugo tocoulle perder. O segundo gol do Sárdoma chegou nunha contra cando as luguesas estaban máis preto de acadar o empate.

Once inicial do CD Lugo. Foto cedida

Goleada sen paliativos ao PM Friol B

O 7-0 do marcador final dio todo. No minuto 35 xa co 3-0 o partido xa estaba listo para sentenza. En todas as facetas do xogo o PM Friol B viuse superado pola rapidez co balón do Orzán, liderado pola súa capitá, que leva todo o peso do equipo.

É un partido que ten que servirlles ás friolesas para aprender que o equipo que ten que medrar moito aínda, partindo de 0. No seguinte partido na casa o filial friolés tentará ir traballando na solución dos erros que aínda as condenan a este tipo de partidos.



Once inicial do PM Friol B. Foto cedida

O filial do Lugo empata na súa visita á Pastoriza

O Lugo B puido ter gañado o partido, pero os mans a mans mataron as posibilidades da vitoria. O gol de Claudia Castro dálles ás luguesas, polo menos, un punto para colocalas na novena praza da táboa.

O equipo ten aínda moito que mellorar pero tamén moitas gañas por conseguilo. O mellor nivel do Lugo B aínda está por amosar e o seu adestrador, Bargados, confía en que así se cumpra.

Estrea cun punto de Xende no banco da SD Chantada

Trala marcha de Nieves por motivos persoais do primeiro equipo feminino, o xogador do primeiro equipo masculino, Xende, colle as rendas do apartado técnico do senior feminino.

En canto ó partido, a SD Chantada comezou agardando ver cal era a intención das visitantes. Elas tiñan unha idea de partido sinxela, apostando polo xogo directo e tras ter a posesión tentar tirar diagonais ó espazo para buscar as costas das laterais, apostando polas súas xogadoras na banda esquerda.

Co paso dos minutos chegaron un par de ocasións para as vermellas no Sangoñedo. Saray quedou diante da porteira nun man a man no que non tivo a calma suficiente para finalizar con tranquilidade e anotar.



Pola súa banda, o Xuventú seguía co mesmo plan de xogo, o que as levou a forzar varios saques dende o curruncho. Así chegou o primeiro gol do partido, un bo remate de cabeza dun córner.

Porén, as chantadinas non se viñeron abaixo e pouco despois conseguían ampatar o encontro tras un pase ás costas que Noa Rodríguez transformaba no gol para as locais.

Xa na segunda parte o partido seguía polos mesmos derroteiros. A SD Chantada conseguía ter máis posesión de balón, pero as xogadoras visitantes facíanlle dano nas contras, xogando ás costas e dende os saques de esquina. Precisamente dende o curruncho chegou o 1-2 que volvía adiantar ao Xuventú.

Foi aí cando a SD Chantada se lanzou ó ataque mais mantendo a posesión no centro do campo para atraer ás rivais e logo xogar ás súas costas. Tras varios intentos chegou o empate das botas de Rocío Carnero cunha gran xogada individual.

A SD Chantada seguiu atacando coa intención de quedar cos tres puntos, que a piques estivo de chegar cun remate de cabeza de Ángeles e un man a man de Saray, pero que foron quen de materializar.

A SD Antas segue gañando

Cuarta vitoria da tempada para a SD Antas nun partido que non tivo ritmo e no que as xogadoras dirixidas por Dani Abelairas non tiveron tampouco o dominio.

A primeira parte foi bastante mala e chegaba cun empate a uns ó descanso. Xa na segunda metade o Antas saiu un pouco máis enfuchado, xerando moitas máis ocasións. Un penalti provocado por Jenny que converteu Nuria deu o 1-0 ás seoanesas. Tamén dende o punto de penalti Nuria convertiría outra pena máxima logo dunha man na área. Elisa pechou o partido co 3-0.

Sonia, porteira da SD Antas neste partido ante a SD Bandeira, rematou cunha gran actuación deixando a súa portería a cero.

Once inicial da SD Antas. Foto cedida

Un Carballedo – Monte forte para esquecer

O partido celebrado nos Catro Ventos pódese dicir que ten pouco que celebrar. No minuto 86′ a colexiada Yawa Bernadette suspendía o encontro, segundo a acta ‘debido a un intercambio de insultos, ameazas entre xogadoras que acaba en tangana‘ reza textualmente o documento.

Un partido moi bronco, como reflicten as dúas tarxetas amarelas, para Noelia Pereira polo Carballedo por un agarrón para cortar unha xogada e para Carla Vázquez do ADC Monte Forte por derribar a unha xogadora do Carballedo na disputa dun balón.

Xa no 86′ chegaron as expulsións de tres xogadoras do Monte Forte, segundo recolle a acta, por «Discutir e empurrar a unha contraria chegando ás ameazas e insultos unha vez xa suspendido o partido» así como «encararse cunha xogadora adversaria de forma agresiva«, citamos textualmente o recollido nese documento arbitral.

En canto ó que ó fútbol respecta, o partido comezara ‘raro’ xa dende o primeiro momento no que, a colexiada, comeza o partido con retraso porque se esquece do pito e das tarxetas.

A primeira parte estivo igualada, con acccións para ambos equipos. O paso polos vestiarios non sentou ben, o ambiente era cada vez máis tenso. O Monte Forte púxose por diante no 75′ e as xogadoras do Carballedo quixeron ir a polo empate. A partires de aí, o que ocorre reflícteo a acta e remata na suspensión do partido e, polo ben do fútbol feminino, dende este medio non imos afondar máis.

Derrota na casa da SCD Milagrosa

As visitantes da AD Nicrariense adiantáronse nada máis comezar o partido cun gol no minuto 4′ de Daniela Barbazán. No 21′, Lucía Martínez empataba o encontro, pero tamén catro minutos despois un penalti a favor das visitantes transformado por Noa Beiroa adiantábaas de novo. Antes de chegar ó desconto, un gol en propia meta das da Milagrosa poñían un 1-3 no marcador moi difícil de solucionar.

No 86′, Daniela Castro colocaba o 2-3 no marcador que invitaba a soñar co empate no Luis Gorgoso, pero á Milagrosa faltoulle tempo para poder sumar cando menos un punto na casa.

Vitoria pola mínima da Comercial

Bo partido da Comercial, dominando o balón, con moitas chegadas a porta e un gran dominio xeral do partido especialmente durante a primeira metade, onde as locais tiveron numerosas ocasións de gol, aínda que non entraran.

A pesar da calor excesiva, especialmente para este mes de outubro, a Comercial puido aguantar o resultado favorable que lle daba o gol no 29′ de Katheryn García, que foi decisiva no encontro máis alá do gol. A Comercial apuntouse os tres puntos defendendo moi ben a portería e mesmo intentando aumentar o resultado na segunda metade.

Tarde de goles para o San Lázaro

Dende o inicio o San Lázaro entrou ben no encontro. Neste partido a circulación do balón era moito máis dinámica, rápida e efectiva que no encontro anterior, polo que as do San Lázaro foron quen de xerar xogadas de perigosidade grazas ás conducións de balón.

Marcar un gol no minuto 9 puxo todo o partido de cara. Foi Douaa Attouch quen abriu o marcador no primeiro dos sete goles que anotou o San Lázaro na visita ó campo da SD Negreira.

Á festa goleadora apuntáronse Lidia Martínez (2 goles), Eukene Tavera (2 goles) e Paola Amortegui antes de que a mesma Douaa pechara o partido co sétimo e definitivo gol.

Con esta vitoria o San Lázaro segue sumando e parece apuntar alto esta tempada.

Exhibición goleadora dun San Lázaro que apunta alto

O Sanci está de 15 e o

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *