#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Segunda Futgal #Terceira Futgal #Terceira RFEF #Veteráns

Emilio, Incio «Aportei sempre a máxima dedicación»

Preto de trinta anos no fútbol da provincia. Que se di rápido. E case trinta minutos de charla, un por cada temporada que leva defendendo os paus das porterías de varios equipos da zona sur e centro da provincia de Lugo. Emilio Castro (Castelo, Incio) comezou no fútbol afeccionado con 16 anos no Arenas, con 17 xogaba en Segunda Rexional e con 18 fichou polo Lemos, onde permaneceu catro campañas, unha delas na Terceira División. O servizo militar e unha operación impediulle non seguir apuntando máis a alto nivel. Estaba para facer a pretemporada coa Sarriana pero esa operación obrigouno a estar ingresado os meses de agosto e setembro. Foi entón cando fichou polo Oural, onde estivo tres anos, despois xogou no Brollón (a primeira vez que o conxunto da Pobra estivo na Preferente), pasou polo Bóveda, volveu ao Brollón, estivo na Sarriana (ca que ascendeu a Preferente), Incio, Corgo, volveu o Arenas e no San Roque (ascendeu a Segunda). Aí foi cando decidiu deixalo e pasarse o fútbol veterán pola súa situación familiar. Non obstante, a vea competitiva seguía no seu corpo…

Futbolinlugo: Decides parar no seu momento e porque decides volver?

Emilio: Os do Incio querían ascender, tiñan problemas para atopar porteiro e volvín para o Incio. A pasada ía ser a miña última temporda, pero volvéronme a pedir que seguise e aquí estou, botándolles unha man.

FIL: Superas con diferenza en idade a moitos dos teus compañeiros, como é a relación coa xente máis nova dentro dos equipos?



E: Eu estiven anos no Arenas e volvín cando xa sobrepasaba os 30  porque non había xente e refundamos o club. A relación foi moi boa. O ano pasado no Incio eramos un equipo máis veterán, este ano somos un conxunto máis novo con rapaces de vinte e un e vinte e dous anos. Tratas de apoiar e aportar experiencia. Atópaste con xente en idade xuvenil ou que acaba de saír de xuvenís que tratas de axudarlle, sobre todo, en conceptos do fútbol e na súa personalidade.

«Moitos rapaces deixan o fútbol porque lle queren dar prioridade a saír un sábado ata tarde»

Emilio xogou una temporada na Terceira División co Lemos

FIL: Hai que facer algo especial para manterse competindo con 44 anos en Rexional?



E: Non é que eu faga nada do outro mundo. Levo traballando desde os 19 anos, agora dedícome a ensinanza e ata os 27 estaba traballando como mecánico, que era un traballo físico. O que si aportei foi a máxima dedicación. Se podía dedicarlle tres días a entrenar non lle dedicaba dous. Tratei de xogar onde non tivera que desprazarme. Co San Roque adestrábamos catro días a semana. Adestrar todo o posible. Nunca fun un xogador de non coidarme antes dos partidos, como pasa agora con moitos rapaces novos que deixan de xogar o fútbol porque lle queren dar prioridade a saír un sábado ata tarde. Cunha idade tes outras limitacións, sobre todo físicas, pero nunca fixen nada especial.

«No fútbol veterán nunca tiñas un horario establecido»

FIL: Que diferenzas hai entre xogar en veteráns e facelo no fútbol afeccionado?

E: En veteráns non adestrabas pola semana e eu dixen «se quero xogar federado teño que adestrar». A min ir os domingos xogar sen adestrar…e aumentaban os problemas musculares. Aínda  así eu tiven sorte. Apenas tiven lesións importantes, só algunha escordadura. No fútbol afeccionado hai un pouquiño máis de compromiso. Foi unha experiencia positiva por unha banda e negativa pola outra. A esta idade a xente ten máis asuntos persoais, polo que era díficil ser once; ademais nunca tiñas un horario establecido. Iso si, era unha liga moi bonita, xogabas en campos case todos artificiais.

FIL: Despois da túa carreira no Lemos no que xogaches en Terceira División, que valoración fas da situación na que se atopa o equipo nestes momentos?



E: Con 15 anos ía ver o Lemos en Terceira División. Tiñas que buscar un sitio onde poder arrimarte a redor do campo, xa non digo na bancada, para poder ver o partido. Tiveran que remodelar o equipo porque se tratara ascender e pasarano mal. Ves o Lemos daquela época e velo agora…Naqueles tempos falábase no fútbol provincial do Lugo, que competía en Segunda B (lembro o ano en segunda cun gardamallas monfortino como Domínguez), do Ribadeo, do Burela, do Vilalbés e do Lemos. O equipo da zona sur, e daquela chamaba moito, é o Lemos. Agora ver o Escairón que é o equipo que máis arriba está da zona sur e ver o lemos en Primeira… eu véxoo un pouco triste. Pero son moitas as circunstancias.

«Cando había tema económico fichaba a moita xente de fóra»

FIL: Cales cres que foron esas circunstancias?

E: Despois de xogar alí, estiven ligado a zona pero non o seguín. Dende fóra digo que na zona sur hai unha boa cantería de xuvenís que é o Calasancio, pero tampouco houbo unha gran relación entre Lemos e Calasancio e agora, os rapaces é máis complicado, por temas de estudos moitos non están alí e vir adestrar varios días a semana dende Coruña ou Ourense é difícil. Cando había tema económico fichaba a moita xente de fóra e non lle deron moito apoio aos rapaces que decidiron marchar.

Emilio (arriba segundo comezando pola esquerda) na súa etapa na Sarriana

FIL: Ese problema téñeno o resto de equipos tamén en Rexional…

E: É certo que hai bastantes problemas para atopar xente. Hai bastantes equipos de Segunda e Terceira no que son os propios xogadores que fan de directivos. Conxuntos como o Quiroga, Río Sil, Sober,… estiveron sobrevivindo con xogadores veteráns porque non das tirado de xente nova.

FIL: Como é no teu caso…

E: Se houbera algún porteiro…levo tres anos dando paso pero non hai. Nestes momentos hai outro rapaz pero aínda ten dezaseis anos.

«Os horarios do fútbol profesional non axudaron ao afeccionado»

FIL: E á marxe dos xogadores, en que outros aspectos cambiou o fútbol afeccionado dende que ti empezaches?

E: As televisións acabaron co fútbol afeccionado. Cando eu empecei acordocme que na liga de fútbol profesional había dous partidos o sábado ás oito e outro xogabase ás sete. Ás catro da tarde xogaban os equipos do teu barrio e a xente non estaba no bar. Agora xoga o Madrid, o Barcelona, o Depor ou o Celta e se coinciden non vas ver o equipo do teu barrio. Os horarios non axudaron ao fútbol afeccionado. Antigamente no Arenas ían sobre 300 persoas; hoxe nos partidos vai algún familiar dos xogadores e pouco máis. Pero tamén pasa na cidade. Estiven no medio de Lugo no San Roque loitando polo ascenso é a cousa é similiar. Sobre corenta persoas

«A Terceira é unha categoría bastante descafeinada»

Incio da temporada 2016/2017 que xogou a temporada pasada a promoción de ascenso. Emilio viste de vermello

FIL: E para rematar e falar do positivo, este ano será o do ascenso do Incio?

E: Sempre é o obxectivo. Queremos competir. O ano pasado xogamos a promoción. É difícil. Hoxe a Terceira é unha categoría bastante descafeinada. Non estou moi de acordo co sistema que fixeron. Son bonitos agora estes partidos na zona sur, pero xa veremos o que pase cando te clasifiques pola parte de arriba e desde o Incio haxa que ir xogar, por exemplo, a Barreiros ás catro da tarde. E que teñas que ir loitando polo ascenso, porque se xogas por ir, igual xa non das xuntado á xente. Nós non temos autobuses, desprazámonos en coches…a realidade darame a razón. Non estamos competindo nunha Preferente ou nunha Primeira Autonómica. Na nosa categoría hai xogadores que poderían estar máis arriba, pero precisamente pola falta de tempo non están nesas categorías, entón…non o entendo.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *