#Fútbol afeccionado #Feminino

Dominio capital na rolda inaugural da Copa Deputación

A Copa Deputación 2024 viviu a súa primeira rolda a pasada fin de semana. Un dobre enfrontamento entre equipos capitalinos e do sur coparon a atención deste último domingo.

Os conxuntos da cidade amurallada saíron vencedores destes cara ou cruz inaugurais. O San Roque venceu con claridade a un Chantada que nunca se chegou a adaptar ao maltreito artificial de Montirón. A gran cantidade de choiva caída durante o primeiro tempo condicionou o xogo de ámbolas dúas escadras. As locais non lograban a fluidez necesaria ante un rival que non se atopaba cómodo no fútbol directo. O cadro de Quiroga marchou aos vestiarios cunha mínima vantaxe.

Na reanudación, as capitalinas melloraron as súas prestacións. O San Roque puxo terra de por medio ao pouco de iniciarse a segunda metade. Boa acción por banda que remata co premio do gol. O Chantada buscou a reacción cun cambio de sistema. As do Sangoñedo apostaron por un 3-3-4. Porén, seguían sen xerar excesivo perigo. E os riscos asumidos tiveron as súas consecuencias. O equipo verdibranco matou o partido en dous contragolpes, pechando así o pase á seguinte rolda.

Máis emoción houbo no Catro Ventos, onde o CD Lugo B avanzou á seguinte eliminatoria con moito suspense. Os vinte minutos finais privaron ao Carballedo dun desenlace feliz. O plan de Sementa saíu case perfecto. Aguantaron a primeira metade e lanzáronse a polo partido tralo intermedio. As ‘Guerreiras’ marcaron no inicio do segundo acto e perdoaron ocasións suficientes para sentenciar.



O CD Lugo B, que foi de menos a máis, semellaba contra as cordas coas lesións de Claudia e Alba. As albivermellas quedaban con nove xogadoras sobre o terreo de xogo. Unha inferioridade engadida á que xa reflectía o marcador. Porén, miragres do balompé, as de Pablo Bargados aproveitaron dúas contras para asinar unha espectacular remonta. Jenny tivo a última para forzar os penaltis. Lara, un muro en toda regra, impúxose no man a man e asegurou un triunfo tan sufrido como saboroso para o filial lucense.

Cara e cruz para os lucenses da Terceira RFEF

O PM Friol regresou á senda da vitoria en terras asturianas. O equipo de Ángel Buján e Geluco Villar modificou o plan habitual para adaptarse ao estado do terreo de xogo. A lama obrigou ás amarelas a apostar por un fútbol máis directo ante o Gijón FF. As lucenses fixéronse fortes nas disputas e chegaron con perigo á área rival. O PM Friol abriu a lata pasada a media hora de xogo e sentenciou con dous goles consecutivos preto do ecuador do segundo acto. As da Reigosa xa son quintas na táboa tralo revés do Lóstrego.

Pola contra, o CD Lugo caeu pola mínima no feudo do Real Oviedo B. O encontro resultou moi igualado de principio a fin. A primeira metade apenas deixou ocasións destacables. O CD Lugo foi de menos a máis ata tomar o mando do partido. Iso si, o marcador non se moveu no primeiro tempo. Na reanudación, as de Joaquín Blanco perdoaron ata tres oportunidades moi claras e labradas coa mesma fórmula: roubo máis contragolpe.



Á inversa que a primeira metade, foi o filial ovetense o que aumentou o seu protagonismo co paso dos minutos. E nunha das poucas oportunidades das que dispuxo, levouse o gato á auga. A pesares da derrota, Oconxunto albivermello segue fóra de postos de descenso directo.

Resultados da xornada

Real Oviedo B 1-0 CD Lugo

Gijón FF 0-3 PM Friol

Carballedo 1-2 CD Lugo B

San Roque 4-0 Chantada



Dominio capital na rolda inaugural da Copa Deputación

Os 1/32 de Copa deixan moitos goles

Dominio capital na rolda inaugural da Copa Deputación

Os pases do Casás e do Rubián

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *