O CD Lugo levouse tres puntos fundamentais nun partido marcado polos nervos e o medo a perder dos dous equipos. As imprecisións e a falta de ocasións foron unha constante durante os noventa minutos.

O equipo de Joaquín Blanco perdoou unha oportunidade moi clara nun primeiro acto, no que venceu aos puntos dentro da igualdade reinante. No segundo acto, mantívose o mesmo guión: unha ocasión por equipo e pouco xogo en xeral.
Nos últimos vinte minutos, as albivermellas estiveron mellor. Amosaron máis pausa con balón e Ashley fixo o resto nunha boa xogada colectiva. O Llanera volcouse en ataque na procura dun empate que nunca chegaría. De feito, María e Blanca desperdiciaron dúas ocasións para sentenciar. O CD Lugo segue en postos de descenso directo (ao ser un dos dous peores 13º clasificados dos seis grupos da Terceira RFEF) pero moi vivo na pelexa pola salvación.
No outro encontro da Terceira RFEF, o PM Friol remontou un encontro no que non tivo a actitude necesaria na primeira metade. A lentitude e escasa intensidade propiciaron o 2-0 para o Real Oviedo B ao descanso. O equipo friolés reaccionou tralo paso polos vestiarios. Sólido e centrado, mandou sobre o terreo de xogo para rubricar ata catro goles. Dous deles dunha incisiva Ana Castro.


O PM Friol B salva a primeira bola de descenso na primeira galicia
O conxunto de Geluco Villar conseguiu un trascendental triunfo na casa ante o Amistade de Meirás, o equipo que o precede na táboa. O PM Friol B adiantouse por dúas veces, con sendos tantos de Thimote, nunha primeira metade marcada polas alternativas. Iso si, as visitantes lograron neutralizar ambas vantaxes antes do intermedio.
Na reanudación, o filial da Reigosa logrou dous goles case consecutivos. E xogou con esa renda para certificar unha vitoria vital. O Amistade só puido maquillar o resultado nos compases finais do encontro. Agora, o PM Friol B está a só tres puntos de deixar os postos de descenso directo a Segunda Galicia.
O Chantada remonta e sae do descenso directo na segunda galicia
O Chantada tirou de coraxe ante o San Mateo na Segunda Galicia. O equipo de Jorge González mostrou unha enorme competitividade nun encontro moi igualado e que se decidiu por detalles. A presión alta e os ataques rápidos das do Sangoñedo atoparon o seu premio final en forma de tres puntos.

O San Mateo adiantouse por dúas veces ante un Chantada que foi mellor na segunda metade. Noe e Ángeles certificaron a gran remonta lucense. A primeira, cun gol olímpico. A outra, cun soberbio lanzamento de longa distancia. O segundo tanto da tarde para a carismática Ángeles. Triunfo fundamental das de Jorge González, que saen de postos de descenso directo.

O San Roque viviu unha xornada redonda. Cumpriu os prognósticos no derbi capitalino e beneficiouse das derrotas dos seus máximos rivais. O Carral caeu en Antas e o Abellá en Xallas. O cal provoca que as de Quiroga queden a un só punto da zona de play off de ascenso a Primeira Galicia.
No relativo ao xogo, foi un monólogo absoluto das verdibrancas ante unha Milagrosa chea de xuventude. As de Felipe Varela non lograron ver porta. O San Roque exhibiu pegada para acompañar o seu exercicio de fútbol combinativo. Especialmente nas botas de Saray, autora de tres goles; e Miriam, que asinou dous tantos máis.
O Antas deu un golpe sobre a mesa no Castro Seoane. Goleou a un dos candidatos ao play off de ascenso, un Carral que puxo as cousas máis difíciles do que reflicte o 5-1 final.
As de Dani Abelairas volcáronse en ataque desde o asubío inicial. Unha boa presión alta facilitou moitos roubos en campo rival. A ameaza era constante. Así chegaron os tres primeiros goles. Elisa abriu a lata cun gol olímpico, Nuria aumentou as diferenzas cun disparo desde fóra da área. E Elisa volveu ver porta tras un saque de banda.
O equipo coruñés moveu pezas no intermedio e recurtou diferenzas a balón parado. Aínda así, dous novos tantos locais acabaron con calquera esperanza de remonta. Nuria, despois dunha xogada colectiva; e Paula, cun lanzamento afastado; remataron a faena para as da Ulloa.
o soño do carballedo favorece os intereses do CD lugo b na terceira galicia
O CD Lugo B fixo os deberes ante o Rois. Bo partido das albivermellas, que someteron ao cadro santiagués co seu fútbol combinativo. Ánxela conseguiu un ‘dobrete’ para un filial que queda a seis puntos do líder con tres datas por celebrarse. Iso si, o CD Lugo B conta cun partido menos que o seu máximo oponente, o Bandeira. Ademais, as capitalinas beneficiáronse do triunfo do Carballedo ante o Cruces para escalar ata o segundo posto da táboa.
As ‘Guerreiras’ do Catro Ventos métense de cheo na pelexa polo play off de ascenso. Superaron a un rival directo e sitúanse a tan só dous puntos da terceira praza (precisamente en posesión do Cruces). O Carballedo atopouse cunha notable versión da escadra pontevedresa. A primeira metade deixou moitas ocasións para ambos equipos. Só a ‘pichichi’ Jenny foi quen de ver porta. Chusa evitou o tanto local con tres grandes intervencións.

Tralo paso polos vestiarios, o Cruces adiantou liñas. O cadro de Sementa non perdeu a orde defensiva e buscou a sentenza á contra. Nunha delas, Jenny puxo o 0-2. De tódolos xeitos, o partido estaba máis que aberto. Chusa non deixaba de parar ante un Cruces que logrou o seu primeiro tanto desde o punto de penalti. No tramo final, o Carballedo perdoou o terceiro. Pero non a vitoria!
O Monte Forte rozou o milagre no derbi ante o San Lázaro. O equipo de Cristian Penas estivo lonxe da súa mellor versión. E aínda así, mandaba no marcador por 2-1 con dous goles de Henar. Un resultado máis que enganoso despois do visto sobre o terreo de xogo.
A porteira Camila realizou intervencións de todas as cores ante un San Lázaro que desperdiciou media ducia de oportunidades claras. Entre elas, tres penaltis errados! Dana Gabriela rescatou un empate agridoce para as de Luchi. Un mal menor para as monfortinas.
A Comercial puxo fin a unha xeira de cinco semanas sen perder ante o Curtis. O equipo de Vicky adiantouse no marcador ante un rival que empatou xusto antes do tempo de lecer. Non era o día do cadro vermello. Despistado e descolocado, o cadro capitalino pagou a peaxe. O Curtis colleu unha vantaxe insalvable de dous goles (consecutivos). A Comercial buscou a remonta sen éxito e os puntos voaron das Gándaras.
Resultados da xornada

Real Oviedo B 2-4 PM Friol
CD Lugo 1-0 Llanera
PM Friol B 4-3 EFB Amistade
Antas 5-1 Carral
San Roque 6-0 Milagrosa
Chantada 3-2 San Mateo
Monte Forte 2-2 San Lázaro
CD Lugo B 3-0 Rois
Comercial 1-3 Curtis
Cruces 1-2 Carballedo

Lucía devesa impón a súa hexemonía e faise co galardón #XogadoraTorreDeNúñez do mes de abril

Non estivo barato o premio #XogadoraTorredeNúñez do mes de abril. Fixo falta un pleno de puntos para que Lucía Devesa lograse o mesmo. A futbolista do San Lázaro destacou nas catro xornadas que disputou o seu equipo en abril. E impúxose a durísimas rivais como Iria (Antas) ou Sofía (San Roque). Ambas futbolistas quedaron a un só punto da vencedora do mes.
recuperamos as #XogadorasTorreDeNúñez perdidas do 10 de abril
Por un erro informático, as #XogadoraTorredeNúñez do pasado mércores 10 de abril non se chegaron a publicar. Ofrecemos a continuación, as destacadas desa antiga xornada. Desculpen as molestias!
