Fai uns días que o Lourenzá anunciou nas súas redes sociais que Diego Rego non continuaría no banquiño de Santa Cruz a vindeira campaña. Logo de tres temporadas, nas que o equipo acadou o ascenso a Primeira Autonómica, o adestrador decidiu, malia a insistencia do clube na súa renovación, que era o momento de comezar unha nova etapa. Falamos con Diego Rego sobre o pasado, presente e tamén o seu futuro e o do equipo do seu pobo.
FUTBOLINLUGO: Resultou moi difícil a idea de non renovar e desvincularte do Lourenzá?
DIEGO REGO: Sendo sincero foi unha decisión difícil, polo moito que significa para min ser o adestrador do Atleti. Collín o equipo xusto despois de colgar as botas, foi unha experiencia bestial. Estou moi agradecido a tódolos que me brindaron esta oportunidade.
FIL: O clube contaba contigo unha temporada máis. Que motivou a túa negativa a continuar?
DR: Si, o clube ofreceume un ano máis, cousa que agradezo, pero a decisión de non continuar foi miña despois de falar e consensuar varias opinións. Considerei que ao equipo lle facía falta un cambio e por iso tomei esta decisión. O fútbol son ciclos. Ferguson e Wenger son únicos (risas).
https://www.facebook.com/escolasdeportivas.lourenza/posts/2531661173762135
FIL: Que significou para ti estar á fronte do equipo do teu pobo nestes tres anos?
DR: Cando Pablo, o presidente, e Óscar «Alcalde«, directivo, me ofreceron a oportunidade non o cría. Sorprendeume moito porque aínda era xogador, pero aceptar o reto foi unha moi boa decisión, xa que considéroa unha das mellores experiencias que tiven.
«A Primeira é a categoría ideal para que os xogadores da canteira rematen a súa formación«
FIL: Foron moitas as vivencias nestas temporadas. Se te quedas con unha, con cal sería?
DR: Téñoo claro. Co día que acadamos o ascenso no campo do Cabreiros. Foi inolvidable, igual que a festa que nos tiñan montada en Vilanova cando chegamos. Aínda se me poñen os pelos de punta ao lembralo.
FIL: Na primeira temporada mantivéstedes opcións de ascenso ata o último tramo de liga e na segunda lográstedes o salto de categoría. Que significou para o equipo voltar a Primeira Autonómica?
DR: Penso que a Primeira é a categoría que lle corresponde ao clube. Unha categoría bonita e competitiva, con bo nivel e na que disfrutan os xogadores aos que realmente lles gusta o fútbol. É a cateogoría na que o Atleti debe estar para que os xogadores da canteira rematen a súa formación adecuadamente.
«Non se sabe o que deparará o futuro, pero quero seguir adestrando e aprendendo«
FIL: Moitos deses xogadores da canteira formaron parte das convocatorias e do equipo titular durante a túa etapa como adestrador. Pensas que hai mimbres na base para darlle continuidade a esta aposta nos vindeiros anos?
DR: Logo de estar máis de quince anos sen fútbol en Lourenzá despois da desaparición do Atleti fundáronse as Escolas Deportivas, que hoxe son un referente a nivel provincial e galego. O primeiro equipo medrou gracias a esta canteira de xogadores, así que creo que este é o modelo que debe seguir.
FIL: Nesta temporada en Primeira, foi común a opinión de moitos dos vosos rivais de que o Lourenzá merecía estar máis arriba na clasificación. Cal cres que foi o motivo de que non chegaran os triunfos?
DR: Sinceramente creo que ao mellor nos creamos unhas expectativas demasiado esixentes ao comezo de temporada. Tardamos en adaptarnos a categoría, pero sempre competimos moi ben. Realizamos un bo xogo e estou convencido de que merecemos mellores resultados moitas veces. Pero xogar ben é gañar. O fútbol non entende de merecementos.
FIL: A suspensión da competición pola pandemia do Covid-19 permitiralle ao Lourenzá seguir un ano máis en Primeira. Por onde pasan as opcións do equipo a vindeira temporada?
DR: Creo que hai mimbres e canteira para estar en Primeira. É preciso creelo e competir cada partido coa intención de gañar.
FIL: Por onde pasa o futuro de Diego Rego?
DR: Gústame moito o fútbol, disfruto adestrando e vendo fútbol, aínda que o mellor de todo é xogalo. En canto ao futuro nunca se sabe, pero por suposto que quero seguir adestrando e aprendendo.
Foto de portada: Xaime Ramallal