Os efectos secundarios da pandemia son moitos e moi variados. No fútbol afeccionado todas as consecuencias aínda están por verse. Non obstante, algunhas xa as temos aí. Algúns xogadores decidiron nos últimos tempos poñer fin as súas carreiras deportivas. Fano sen lama nas botas e suor na fronte. Polo menos, Diego González Díaz (05-11-1981, A Estación – Brollón) faino coa satisfacción de poder vivir o I All Star Futbolinlugo. Un momento de boas lembranzas e que lle deixou no corpo unha boa sensación.
Pon fin a unha traxectoria que comezou con dez anos no fútbol sala no colexio e logo no Calasancio. O último ano de xuvenís xa foi para o Brollón. Ademais do Rubián, o Sober, o Escairón, o Bóveda e o Quiroga. Ese foi o currículo de Diego. Unha traxectoria compartida nos últimos tempos co seu bo amigo Iago Enrríquez que tamén decidiu poñer punto e final.
Futbolinlugo: Trátase dunha decisión sen volta atrás?
Diego González: Definitivamente. É un cúmulo de cousas. Esta situación de pandemia axuda, pero tamén os anos vante poñendo no teu sitio (risas). Con 39 xa non tes a mesma motivación e, así, é complicado continuar.


Fil: Gustaríache deixalo doutra maneira?
DG: O último partido que xoguei remateino cunha escordadura de terceiro grao no nocello. Por sorte, para min, a despedida e a mellor homenaxe foi en xullo de 2019, no All Star Futbolinlugo de Burela. Foi unha sensación moi boa a de reencontrarte con tanta xente de anos atrás. Houbo moi bo ambiente e para min foi un premio.
Fil: Seguirás vinculado ao fútbol dalgunha maneira?

DG: Non non me chama. Paréceme fascinante o labor dos directivos, por exemplo. Sen esa xente non habería fútbol. Son persoas encantadoras que están na sombra a cambio de nada e sen eles non habería nada disto. Mais no meu caso non sinto esa ilusión. Si que me gustaría adestrar cun equipo de vez en cando, por matar as ansias de fútbol.
Fil: Non te ves nun equipo de veteráns ou cres que che podería afectar ao teu afán competitivo?
DG: O problema é ese. Entendino sempre así. Quizais me gustaba demasiado o de competir e gañar, pero eu o de ir xogar por xogar non o vexo. Con esa idea competitiva non podes ir a unha liga de veteráns. Agora compito coa miña filla no parque (risas).
«OS ÚLTIMOS ANOS HABÍA QUE ANDAR DETRÁS DA XENTE PARA FACER CONVOCATORIAS»
Fil: En que sentido cambiou o fútbol agora con respecto aos teus inicios?

DG: Mudou moito. Cando ti chegabas con dezanove ou vinte anos, viñan os xogadores de trinta e tíñaslle un respecto enorme. Todo o mundo ía adestrar e había un compromiso brutal. Aí está a principal diferenza. Antes adestrabamos tres días e non había ningún problema para facela lista. Os últimos anos había que andar detrás da xente para facer unha convocatoria; para ter dous cambios polo menos.
Tamén penso que foi baixando o nivel nestes anos. A xente nova viña apertando moito e sacábate do xogo. Que pintabamos os de case corenta agora! Na Primeira Rexional, de fai quince anos a estas últimas, os xogadores creo que non viñan coa intención competitiva de antes. Compróbase na idade media dos futbolistas dos equipos; é moito máis elevada. As razóns non sei cales son.
«AGORA DÁSTE CONTA DO TRABALLO QUE FAI A XENTE NA SOMBRA»

Fil: Con que te quedas de todos estes anos?
DG: Quédome coa xente que coñecín, directivos e xente que estaba na sombra. Agora valóroo. Esas persoas tiñan preparado todo. A roupa, os vestiarios,… Acababas de xogar na costa e tíñannos chocolate quente! E daquela non lle daba importancia porque aínda pensaba que o merecía. Como podía velo así? Nin moito menos, aquí ninguén é profesional. Quédome con esas persoas. A amizade con Iago Enríquez por exemplo, amigos grazas ao fútbol. Logo sempre hai momentos bos e momentos malos como todo. Cando perdes todo é negro e cando gañas todo é bonito.
Fil: Saberías dicir un peor momento?
DG: Cando rompín o ligamento cruzado posterior e anterior do xeonllo. Veuseme todo abaixo. Tiña vinte e poucos anos e estiven máis dun ano sen xogar. Animicamente iso aféctache.
Fil: E máis sendo un xogador destas categorías…
DG: Claro! Operáronme moi cedo, iso si. Pero eses cinco ou seis meses que tardan os xogadores profesionais en recuperarse, para min foron moitos máis. Éntrache medo, asústaste e tampouco vives disto e tes que gañarte a vida fóra. Tardei un ano e pico en volver. A raíz diso, tiven dous anos en Sober moi bos e logo fichei en Escairón. Chamáranme do Lemos tamén, mais marchei para o Saviñao por amizade co adestrador Santolá.
Fil: Non te arrepintes daquela decisión?
DG: Téñoo pensado e se volvo atrás, decidiría o mesmo. Daquela funme por amizade, aínda que no Lemos xa ofrecían algo de cartos. A partir dos anos do Escairón vino doutra maneira. Pensei, se outros o fan; por que eu non?
«HOUBO ANOS QUE NON SEI DE ONDA SAÍAN TANTOS CARTOS»
Fil: Cres que no fútbol modesto débese pagar aos xogadores?
DG: Teño que dicir que fun un privilexiado. Pensándoo ben, nestas categorías habería que pagar por xogar. O que está claro é que sempre motiva e axuda. Eses anos eu non sei de onde saían tantos cartos nos equipos da zona.
Fil: Iso poda que rematara, poderían ser os proxectos viables desa maneira?
DG: Agora velo insostible nestas categorías. Calquera xogador viña pedindo cartos porque había. Pero ese nivel non se podía aguantar. Unha vez que iso rebenta, despois é un problema para dar xuntado equipo sen nada económico que ofrecerlles.
Fil: Estiveches un gran período no Bóveda nos últimos anos, cres que esa situación foi a detonante do momento que vivía o equipo xa antes da chegada da pandemia?
DG: Hei de dicir que estiven encantadísimo coa xente de alí. Tratáronnos sempre como reis. Pero si que é certo que se colleu esa dinámica de pagar e nos últimos anos a situación cambiou moito. Logo se non tes a ninguén da vila, é difícil manter o proxecto. Un domingo de febreiro non che vai niguén ao campo.
«SE PERDÍA ESTABA QUEIMADO TODA A SEMANA»
Fil: Central podemos dicir que é a túa posición por excelencia. Un central con carácter no campo?
DG: Como defensa foi onde máis xoguei. Non sei se con carácter ou non. Gustábame gañar e, indirectamente, sempre transmites esa sensación sen ser consciente. Aínda que non deixaban de ser categorías pequenas, non entendía o de desfrutar por xogar. Gañando eu era cando me divertía. Se perdía, estaba queimado toda a semana.
Fil: Como ves o futuro a curto prazo do fútbol afeccionado na zona sur?
DG: Véxoo complicado. Sona feo o que vou dicir e moitos dirán que tal. Pero creo que, por exemplo, deberían xuntarse equipos próximos como o Bóveda e o Rubián ou o Sober e o Río Sil. Chegaba cun equipo con futbolistas da zona, que vaia competir. É unha maneira de atraer a máis público tamén. Nese sentido coido que o fixo ben o Brollón, é un campo con xente da zona.
Fil: É sacrificado ser un xogador de fútbol afeccionado?
DG: Se che gusta non. Fasme lembras que eu ía tres ou catro días a Escairón adestrar. Esa situación foi a que me acabou queimando agora. Chegabas un martes e eramos seis no adestramento. Polo demais, sacrificado non porque estás facendo o que che gusta. Sacrificado é ir a traballar todos os días.
Diego González en curto…

Un momento vivido no fútbol?
O gol ao Brollón a centro do meu amigo Iago coa camisola do Bóevda nos Medos. Debeu ser o último ano do Bóveda (temporada 18/19). Iago e eu somos de alí e sempre quedeou esa rivalidade sana. Eu rematei un córner botado por Iago. Aínda por riba meu pais estaba no campo e abraceime a el que estaba na banda. Foi moi morboso.
A nivel competición qúedome tamén cos ascesos de Bóveda e Rubián e coa Copa en Sober.
Un compañeiro do fútbol?
Por suposto, Iago. Foron moitas cousas vividas con el. Foi alguén que no persoal sempre estivo aí. Fomos rivais tamén no seu día. Foi un rival chungo cando el estaba noBrollón. Os últimos nove anos xa fomos sempre da man de compañeiros. A súa opinión de retirarse tamén axudou a deixalo.
Un adestrador?
Houbo varios. Quédome con algo de cada un deles. Cabanelas como persoa, o carácter de Escalza encantoume,… Quedoume a espiña de non ser adestrado por Julio Corral. Somos amigos, tiveno algo en fútbol base pero logo nunca cadramos. Houbo varios anos que case nos cruzamos, pero, ao final, por unhas cousas ou por outras, non acabamos xuntos. Tamén ía ser dificil de aguantar (risas).
Un campo da provincia?
Os Medos, polo feito de xogar alí.