#Entrevistas #Primeira Futgal

Diego Díaz: «O Portomarín fixo moitas cousas ben, pero fallaron os resultados»

adestradores de "Primeira"

Os contos de fadas non sempre rematan ben, e iso sábeno ben os seareiros do Portomarín. O conxunto do Chao da Poza chegou este ano á Primeira Galicia desde a Preferente e, tras quince xornadas disputadas, o conxunto ocupa postos de descenso, con tan só 9 puntos acadados de 45 posibles.

Unha situación difícil a que viven os miñotos, que se agravou coa dimisión do seu adestrador, o noso Diego Díaz (Lugo, 1991), logo da derrota en Burela o pasado domingo. O multifacético adestrador xa ‘ameazara’ coa súa marcha hai unhas semanas, pero o club foi quen de convencelo para continuar, polo menos, un par de xornadas máis.

Mentres a entidade xa traballa para atopar ao seu substituto no banco, que dea a volta á situación clasificatoria do Portomarín, Diego Díaz atende aos micros desta páxina, que tanto lle debe, por ser o seu ‘pai’ e o seu ‘precursor’.

Futbolinlugo: Como se sucederon os acontecementos o domingo na Marosa?



Diego Díaz: Un capítulo máis dun mes e medio difícil. Levamos tocando teclas e buscando diferentes opcións desde outubro, pero o equipo involucionaba semana a semana, pola dinámica, as baixas… en definitiva, as circunstancias. Non quero sacar o foco de aí, pero aínda por riba o domingo saín ás 9 da mañá de Valladolid e fun expulsado no minuto 20 de forma inxusta, na miña opinión. Sen entrar na incontestable vitoria do Burela e nos seis goles que encaixamos. Non quero sacar o foco do importante, pero esta dura derrota e a comentada expulsión foron dous sinais máis para deixalo. Todo o que podía saír mal, saía peor.

FIL: Nesta ocasión, a decisión foi ‘acatada’ polo club.

DD: Si, fai dúas semanas, cando rematou o partido contra o Taboada, díxenlle ao presidente no campo que era a primeira vez, como adestrador, que non me vía preparado para reverter unha situación. A directiva e os xogadores convencéronme de seguir, pero estas semanas confirmaron o que me temía. Estou esgotado, e o Portomarín non pode ter agora mesmo un líder esgotado e sen forzas. Preferín ser honesto aínda que sexa unha decisión dura e difícil.



«Asinei polo Portomarín un luns xa avanzado xullo con 5 futbolistas confirmados. O venres xa tiñamos 13».

FIL: Asumimos que non se tratou soamente dunha cuestión de rendemento deportivo.

DD: O rendemento por suposto que inflúe, pero é tamén unha cuestión de esgotamento e de desgaste persoal. Teño que baleirar a mochila, que agora está cargada de pedras e non entran máis. E o Portomarín ten que salvarse!

FIL: Semellaba un ano ilusionante, no teu retorno á Primeira.

DD: Si, sabiamos que ía ser duro, pero a mochila xa iba moi chea, como digo. Eran dous anos consecutivos en dous proxectos diferentes nos que me comprometín cando o equipo só tiña 5-6 futbolistas confirmados do ano previo. Tes que conformar cadros de xogadores novos, son veráns moi intensos nos que tes que axustar todo. Só podo agradecer ao Portomarín, porque neste caso deu todas as facilidades para que o equipo saíse adiante cando incluso se rumoreaba nalgúns lados que non iamos saír competir. Asinei un luns xa avanzado xullo con cinco futbolistas fichados, e o venres xa había trece.



FIL: Que lle falta(ba) ao Portomarín de Diego Díaz?

DD: Eu confío en que este equipo se vai manter. Pero houbo baixas que penalizaron moito e baixou o rendemento do equipo. É certo que houbo outros xogadores que deron un paso adiante, pero estabas moi condicionado. O grupo humano, directiva incluída, é excelente e vai aportar o necesario para salvar a categoría. Outro detalle importante foi que recuperamos a xente da vila para xogar no club da súa casa, e estou seguro que chegará algún reforzo máis para cumprir o obxectivo.

FIL: Sona optimista, tendo en conta que dimitiches fai cinco días.

DD: Fallaron os resultados, pero fixemos moitas cousas ben, non quero que se veñan abaixo. Cambiou a dinámica de traballo e adestrabamos mínimo dous días á semana, algo que non pasaba os anos anteriores. Chegou moita xente que estivo en etapas anteriores, volveu xente do pobo, todos os que quixeron vir adestrar puideron facelo, conseguimos que debutase Pedro, un rapaz de 16 anos nun equipo que non ten fútbol base, Nico mellora semana a semana para facelo nun futuro… estamos moi orgullosos destas cousas.

FIL: Tamén tiñas xente da vila en Monterroso hai dous anos, pero a historia tampouco rematou ben.

DD: Din que non eres adestrador ata que te botan. Así que en Monterroso fíxenme adestrador. Todo acabou xusto cando tiñamos unha das tres mellores xeiras de resultados de toda a Primeira Galicia. En Cerdeiriños hai xente marabillosa, pero era un vestiario complexo. Cando tes cinco xogadores que queren unha cousa, cinco que queren outra e outros cinco que defenden outra completamente diferente, tomar decisións salomónicas é moi difícil.

FIL: Que foi o mellor que fixeches no Monterroso?

DD: A mellor herdanza que deixei alí foi quitar unha ‘careta’ dentro do vestiario. Esa persoa non seguiu no club o ano seguinte, e a partires de aí o grupo seguiu medrando. Están desfrutando dun ano tranquilo, volveron moitos dos grandes talentos da vila tras moitos anos fóra do pobo… e o seu proxecto vai a máis. Alédome por eles! Como che dixen, hai moi boa xente nese club.

FIL: De que pedras falas cando dis que a mochila vai cargada?

DD: O desgaste que supón estar tres anos consecutivos en zonas baixas. Os dous últimos, ademais, centrando esforzos en crear novos cadros de xogadores, traballando de medio director deportivo-adestrador. Este ano creamos un grupo excelente. Pero a mochila vaise cargando e estou canso de facer o traballo sucio. É unha peaxe que tiven que pagar, loxicamente, pero agora xa a paguei e o que busco, se volvo adestrar nalgún momento, será desfrutar cun bloque xa conformado e preocuparme só de adestrar.

«Quero desfrutar doutras cousas e botar de menos o fútbol».

FIL: Marchaches do teu fogar (Polvorín-San Roque) e apostaches polos miñotos.

DD: En Montirón teñen todos os ingredientes para triunfar, aínda que é certa a necesidade de cambiar o terreo de xogo. Tes xogadores de calidade (sobre todo humana), que senten o club de verdade, capitáns espectaculares, un home de club de luxo como Montero, pero non se deben confundir os ‘proxectos’ coa ‘inmediatez’. Como di Leiva, hai que ter coidado coas expectativas. Fixemos un proxecto novo o ano pasado con futbolistas recén saídos de xuvenís, aos que non se lles pode xerar a presión dun ascenso nada máis aterrar no fútbol afeccionado. Fixemos unha gran campaña, e a proba é que este ano teñen un gran adestrador e a columna vertebral consolidada, pero a clasificación é moi similar á do ano pasado, incluso algo peor a nivel de puntuación nestas alturas de tempada.

FIL: Entón o feito de marchar foi máis cousa do club que túa?

DD: Aínda que a directiva quería que seguise no club, sinto que houbo dúbidas respecto á miña capacidade á fronte do primeiro equipo, e considerei mellor saír. É difícil ser profeta na túa casa. O noso espello a campaña pasada debera ser o Lemos ‘B’: rapaces que xogaron en Ligas Galegas todo o fútbol base e deron o salto a sénior, sufrindo para sacar resultados. No noso caso contabamos cunha base que só xogara un ano en Liga Galega xuvenil e, en comparación, melloramos a clasificación dos monfortinos.

O preparador, na súa presentación co Monterroso.

FIL: E agora, que?

DD: Teño un abono do Breogán para rendibilizar e unha vida máis alá do fútbol. Quero desfrutar e dedicar tempo de calidade a quen o merece. Quero botar de menos o fútbol e baleirar a mochila. E así algún día poder volver aos bancos para desfrutar. Iso si, con Adrián Roa ao meu lado. Foi a mellor fichaxe desta campaña. Un segundo con maiúsculas.

FIL: Logo non contamos contigo no polo Chao da Poza para animar ao Portomarín.

DD: Non vou ir a todos os partidos, pero agardo estar alí o día da permanencia, para celebrar como un seareiro máis que o Portomarín segue un ano máis na Primeira.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *