Comezamos con novidades na Preferente. A Sarriana segue a perfilar o seu equipo e acadou a fichaxe dun gardameta de garantías. Chega á Ribela Yebra, porteiro que procedente do Castro. O Ribadeo, logo de comezala pretempada quedou sen preparador físico, despois de que Brais aceptase a oferta do Castro para adestrar a xuvenís e cadetes.
A S.D. Burela confirmou boa parte dos seus encontros de pretemporada. O día 1 de agosto enfróntase na Marosa ao Racing Vilalbés e o día 8 recibe ao Lourenzá. O día 15 visita o Folgueiro e o 19 de novo na casa enfrontarase ao Viveiro.
Na Segunda Autonómica o Lourenzá púxose en marcha case que coa plantilla ao completo. Despois de confirmar a Diego Rego un ano máis no banquiño e de renovar a maior parte dos xogadores incorpóranse á plantilla os xuvenís David Vizoso e Cristian Rega e outros farán a pretemporada Pablo, Xoel Otero, Miguel Hermida, Pablo Fernández, Manu Santamarina, Pablo Álvarez, Diego Rivas e Luis Santamarina. Tamén adestrarán co equipo Adrián Reimondo e Iván “Castrín”. O equipo laurentino non descarta dous ou tres fichaxes para cubrir as baixas de Manu Pardo, Suso Foro e Manu Rodríguez.
O Ferreira ten seis amistosos confirmados. Os do Baliño xogarán ante o Chantada (8 de agosto), Incio (11 de agosto), Peñasco (19 de agosto), Río Sil (22 de agosto), Escairón (25 de agosto) e Lemos B (1 de setembro). Ademáis incorpora ao dianteiro Io, a Diego que procede do Brollón, a Javi que rematou a súa etapa xuvenil e a Fran.
No fútbol feminino, o Carballedo comezará a pretempada o 21 de agosto, e xa contan con vinte xogadoras coa incorporación de Cristina Marquina.