Pouco a pouco imos chegando ao remate do verán e o inicio das competicións marcan a actualidade no fútbol provincial. Non obstante, os equipos seguen reforzándose, buscando cubrir os postos que aínda non teñen pechados. Mentras iso siga ocorrendo, seguirá habendo episodios do diario dun mercado.
Na Preferente, o Escairón ten un novo atacante antes de comezala liga este domingo diante do Polvorín (Municipal do Saviñao, 12:00h). César Rodríguez deixa o Chantada despois da insistencia do conxunto presidido por Óscar López. O dianteiro da Barrela, que onte cumpriu 25 anos, realizou unha gran campaña no Chantada a pesar do descenso do seu equipo. Pola súa banda, o Castro (que visita o Pepe Barrera o domingo ás 18:30h) fichou a dous futbolistas procedentes do outro lado do Atlántico: o mediocentro brasileiro de 22 anos Joao Leonel Rego e o central uruguaio Emanuelle Leonardo Coyto de 24 anos.

Na Primeira Galicia, o Sporting Pontenova reforzouse coa chegada do atacante Francisco Rodríguez, máis coñecido como Franchi que procede do Ribadeo. No Valadouro chega un porteiro contrastado no fútbol provincial. Tomás Fernández, con pasado no Ribadeo ou na Milagrosa, entre outros equipos, reforza a portería do conxunto adestrado por Julio Castro. Baixando cara o sur, o Bóveda suma ao seu cadro de xogadores a Diego Blanco procedente do Brollón e a Diego do Páramo.
Na Segunda Galicia, Manu, ex adestrador do Rubián e do Portomarín na época dos dous ascensos consecutivos, volve dirixir ao conxunto recén ascendido a Segunda. Conta coas baixas de Adrián, Óscar Santos e Óscar López (Páramo). Pola súa banda, recupera a Manu Vega que o curso pasado estivo lesionado; ademais da incorporación de Nel que xogou na Milagrosa, pero que naceu en Portomarín.


Outro recén ascendido na categoría, o Castroverde, aínda non ten adestrador. Polo momento é o capitán Richar quen está facendo as tarefas de preparador. De cara a nova campaña ficharon a Juanjo (ex xogador da Comercial) e a Damián (ex futbolista do Corgo). Virando cara a capital, Miguel Rego volve ao corpo técnico da Milagrosa despois dun ano desvinculado do club.