As competicións están a piques de comezar, e os clubes apuran ao máximo o mercado de fichaxes para facerse con xogadores que, á longo prazo, poden ser determinantes no devenir das ligas!

Comezando pola Terceira División, como Futbolinlugo anunciou hai uns días, o Somozas fixo oficial a fichaxe de Hugo Criado, quen deixa atrás unha longa etapa no equipo da súa vila, o Racing Villalbés. A carta de despedida de Hugo para toda a familia do conxunto chairego é, canto menos, emocionante.
Cambiando á Primeira Galicia, son varios equipos os que chegan con novidades, especialmente no sur da provincia. O Lemos incorporou a Toto, dianteiro centro arxentino, mentres que o Ferreira realizou catro fichaxes para chegar a un número de 19 xogadores no seu plantel. As catro incorporacións son Brais, meta que xogou no Incio, Huguito, central con pasado no Escairón, Sergio, o mediapunta do Chantada a pasada campaña e Samba, dianteiro centro senegalés. E xa na Terceira Galicia, temos unha gran novidade. Javi Regueiro regresa ao fútbol para xogar no Fonsagrada. O dianteiro era toda unha promesa do noso fútbol, chegando a anotar 38 goles en liga galega cadete! Agora que se pode compaxinar fútbol sala e fútbol, o xogador do Ribeira FS federarase en ambos deportes. Mesma fórmula e mesmos equipos para o seu compañeiro Javi Freijo.

Na base, o CD Lugo Xuvenil «A», militante na División de Honra, fíxose cos servizos do mediocentro Isma Martínez, ex-xogador do Real Club Celta. Tamén, como nos adiantaba Líder Lugo no seu portal web, hai novidades no Viveiro. Os xogadores David Ben, Noel e Luis Pernas incorpóranse ao conxunto celeste nas súas distintas categorías (xuvenil, cadete e infantil, respectivamente). En canto aos adestradores, Jandri será o encargado do equipo infantil.


Tamén na base, e tamén na Mariña, a SD Ribadeo presentou a algún dos seus adestradores para a próxima campaña: Modesto Bermúdez (Benxamín «B»), Lolo e Santi (Benxamín «A»), Iván e Miguel (Alevín «B»), Iriarte e Amaro (Alevín «A»), Moro y Rotxa (Infantil Asturias), Roberto Acebedo e Rubén Acebedo (Infantil Galicia), Suso Coto e Guillermo (Cadete) e Salva e «Valenciano» (Xuvenil).