Non paran as novidades no noso fútbol e o mercado prosegue imparable nesta primeira fin de semana do mes de xullo.
Comezamos no Viveiro. O conxunto mariñán perde a un dos seus referentes ofensivos, o berciano Diego Santín. O que fora All Star en Mondoñedo 2023 cando militaba nas filas da Sarriana, achégase á súa terra e defenderá as cores do Barco no ano do seu retorno á Terceira RFEF. O dianteiro pasou tamén polas filas do Arteixo e Caudal de Mieres antes de xogar en Cantarrana na última campaña. Pero según confirmou La Voz de Galicia, o conxunto celeste atopou un novo killer. Trátase do futbolista canario de 23 anos Sergio Carbajal, un goleador que procede do Ibarra e que militou nas categorías inferiores do Tenerife.
Na capital lucense Milagrosa e Residencia protagonizan as últimas novas. Nos primeiros, Madriles continuará un ano máis no banquiño e tamén adestrará ao cadete A da entidade. Os da Cheda incorporan a Joel, futbolista nado na Rúa e que procede do xuvenil do Racing Vilalbés. Sen saír da Primeira Futgal, o Oural renovou boa parte da súa retagarda. Os gardametas Adrián e Julián, o lateral Michi, así como os centrais Arias, Pedro e Manu continuarán nas filas do cadro sarriao. O Santaballés asegurou a continuidade dun clásico na Liga. Vérez cumprirá a súa decimosegunda campaña no conxunto chairego.
O Alfoz continua no seu proceso de renovación de boa parte do seu cadro de xogadores. David Candia e o goleador Dani Jiménez continuarán un ano máis ás ordes de Javi Chinchón. Do mesmo xeito, o Sporting Pontenova, tras garantir a continuidade do seu staff técnico liderado por Merino, garante a continuidade de Antonio, Adri Lllenderrozos e Óscar Amor. O recén ascendido Sober renovou ao veterán Iván González ‘Roxo‘ e a Sergio Fernández, dous puntais para Ibán Lagoa.