O capítulo 439 do diario máis movido do verán trae máis reforzos dos equipos que xa comezaron ou están a piques de iniciar a súa pretemporada, os da 3ª RFEF. Tres dos conxuntos lucenses xa teñen esta semana a súa primeira proba oficial. Xogan a rolda previa da Copa Federación (fase galega). O sábado no Cembedo de Viveiro, o cadro viveirense enfróntase ao Racing Villalbés. O gañador recibirá en cuartos ao CD Lugo. O domingo a Sarriana xogará co Betanzos.
No 439, Migui Rivas mantense no Racing
Con respecto ás fichaxes, de norte a sur, facemos parada en Vilalba. O Racing anunciou a continuidade no club de Migui Rivas. O atacante de Riotorto vén de rematar a súa etapa xuvenil e recibiu o Balón de Ouro lucense da man dos compañeiros do Líder. Terá ficha do filial, pero realiza xa a pretemporada co primeiro equipo.
Pola súa parte, non segue no cadro chairego Pablo Rey. O xogador emblema de Ferrolterra pon fin a unha etapa de dous anos. Foi unha das pezas chaves, tanto dentro como fóra do campo, para lograr o ascenso histórico en 2023 á 2ª RFEF.
No 439, dúas fichaxes máis para o Polvorín
O filial do CD Lugo incorpora a Héctor González. Trátase dun dos fillos do mítico dianteiro do Real Madrid, Raúl González. O madrileño procede do xuvenil do Leganés, fará 19 anos en novembro e vivirá en Lugo a súa primeira temporada como sénior.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Ademais, tamén chega ao filial albivermello o gardamllas Gabriel Martínez ‘Minibugy‘. O meta de 24 anos natural de Carballo xa coñece á perfección a Terceira Galega. Medrou no Bergantiños e xogou no Laracha, Arzúa, Dubra (en Preferente), Paiosaco e Somozas. Mediada a campaña pasada colleu as maletas para xogar tamén na 3ª RFEF no Diocesano de Cáceres.
No 439, a Sarriana comeza con 22 xogadores do primeiro equipo
A Sarriana comezará este mércores a pretemporada con 22 futbolistas do primeiro equipo. O último en incorporarse é Álex Millán. O atacante procede do Celta C – Gran Peña, rival da Sarriana no primeiro play off de ascenso disputado na súa historia para acceder a unha categoría estatal.
Millán é a oitava fichaxe do club. O vigués completou a súa formación de base no Val Miñor. Nas súas catro tempadas como sénior xogou sempre en 3ª. Primeiro no Alondras, logo no Rápido de Bouzas e o último ano no Gran Peña.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
No 439, o Oural preséntase en Primeira con cinco fichaxes
Baixamos á Primeira Galicia e quedamos no concello de Sarria. O Oural prepara o seu regreso á categoría 21 anos despois. O equipo preparado por Negrete xa iniciou as súas sesións de adestramentos. Fíxoo polo momento con cinco caras novas confirmadas.
O cadro do Luis Pallín pescou no Incio para reforzar varias posicións. Do conxunto amarelo chega o lateral dereito Pedro Fernández. O defensor de Laiosa acumulaba oito tempadas no club da súa vila. Tamén se une ao Oural o central Manu Campo. O de Val do Mao levaba nove cursos no conxunto da Terra Brava. Para o extremo dereito chega Weimar Arenas. O atacante natural de Colombia xogou unha tempada no Incio.
Ademais, o Oural tamén suma efectivos para a súa portería. Fichan a Diego Ospina que compartirá posición con Manel e Julián que se manteñen no club. Diego é irmán de Jorge Andrés Ospina, un dos xogadores máis destacados do equipo o curso anterior e que tamén vai continuar. Para a dianteira chega Juan, natural de Venezuela que afrontará a súa primeira experiencia futbolística na nosa terra.
Na Primeira tamén salientamos a renovación do centrocampista Soto polo Santaballés. O mediocentro vilalbés cumprirá a súa oitava tempada no conxunto branquiazul. En cambio, é baixa no medio do campo Isaac Rouco. Dende xaneiro, o vilalbés xa non puido estar dispoñible con continuidade para Freire ao fichar como adestrador no Cabreiros, club no que continúa.
Na Segunda Galicia, salientamos novidades na zona sur. O extremo Hugo Dono ficha no Páramo procedente da Residencia xuvenil. Continúa a interrelación do club das Rapadas co conxunto da Cheda. Desde alí tamén chegou Álex. Son catro as fichaxes ata o momento para afrontar o regreso á 2ª.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Indo máis ao sur, comentamos que o Ferreira renova a Juan. O centrocampista de Quiroga cumprirá a cuarta campaña no Baliño.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2017/08/miguel_angel_lorigados_ramallal_mondoñedofc.jpg)
Os do 73 seguen
Na Terceira, merecen unha mención destacada dous xogadores do 73 que seguirán polos campos do noso fútbol. No Mondoñedo continuará portando o brazal de capitán Miguel Lorigados. O defensor riotortense fará nos próximos días 51 anos. Cumprirá a súa 29ª novena temporada no Viñas da Veiga.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/07/20230719_200138_0000.png)
Mentres tanto, tamén vai seguir xogando Manel no Goiriz. Vinte e tres temporadas como federado no equipo da súa parroquia. Este home de club compartirá vestiario por segunda tempada consecutiva co seu fillo, Muñiz.
O Corgo continúa anunciando as renovacións de cara o próximo curso. O gardamallas Gara mantense, xunto con Jony e Stalin que cumprirá a súa segunda tempada no club.