#Fútbol afeccionado #Feminino #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Segunda Futgal #Terceira Futgal #Terceira RFEF

Diario dun mercado. Episodio 361

O mercado evidencia que as temporadas da Covid-19, onde era difícil sacar un contido diario, son cousa do pasado. A normalidade volveu para quedar nos despachos lucenses, e son moitos os movementos que traemos un día máis. Comezando pola Terceira RFEF, o Polvorín non contará na 23/24 con Pablo Castrín. O de Riotorto despídese do club da súa vida logo dunha segunda etapa na que foi un xogador importante e chegou a entrar en convocatorias co primeiro equipo. Tampouco seguirá no filial albivermello o lateral Luis Castro.

O dianteiro Dhomi cambia o San Roque polo Riotorto.

Outro ex do CD Lugo, Fernando Cuadrado, xa é xogador da Sarriana de forma oficial, tal e como apuntou Non Vale Furar hai uns días. O atacante suple así a marcha a Iker Hurtado cara o CSD Arzúa. Na Preferente Norte, o Castro asina a Marco, un zurdo moi cotizado na categoría. O prometedor mediocentro de Xustás vén de facer unha gran campaña no Lemos e retorna ao conxunto que o formou de cativo. Outro zurdo de garantías, Álex Rois, renova na Residencia un ano máis.

Na Primeira Galicia, o Foz xa prepara a nova temporada. Os de Jesús Gayol incorporan xuventude e talento coa chegada de Aarón (xuvenís SD Ribadeo), Anxo (xuvenís SD Ribadeo), Carlos (con pasado na base de Viveiro e Racing Villalbés), Álvaro (Alfoz) e Antón Couto (Ribadeo CF). Pola súa banda, o Guntín di adeus a Heitor, intermitente pero decisivo en varios partidos na pasada campaña, mentres que outro ascendido, a Milagrosa, asina ao gardamallas Chipi, que volve ao equipo no que se formou.

Chipi volve á súa casa, o Luis Gorgoso.

No Chao da Poza, pola súa banda, queren completar unha boa temporada, comandados polo noso Diego Díaz. O incombustible técnico, que chega desde o San Roque, vén de ser anunciado como primeiro adestrador dos minutos na volta do Portomarín á Primeira Galicia. Outro que deixa Montirón é o ariete Dhomini, novo xogador do Riotorto de Manolo García.



Na Segunda Galicia, o filial do Racing Villalbés segue a conformar un equipo de garantías para o seu debut na categoría. Ás renovacións anunciadas onte súmase o mediocentro Anxo, que aportará calidade futbolística e humana ao grupo. Ademais, os chairegos asinan ao lateral zurdo Cumbraos, que chega desde o Castro ‘B’. Preto do río Madalena, o Cabreiros contará por terceira temporada consecutiva co mediocentro pontés Chema. Tamén o Paradela opta polas renovacións, neste caso a do seu técnico, Rubén Bergantiños.

O Monteforte e Elena separan os seus camiños.

No tocante á zona sur, o Río Sil segue a «pescar» futbolistas na base do Monforte CF. Ademais de Saúl Oviedo, o conxunto suma ao seu proxecto ao mediocentro Manuel Díaz e ao lateral Hugo Pérez. No feminino, o Monteforte di adeus a Elenita, que se desvincula do fútbol para centrarse na súa outra pasión, o motociclismo.



Diario dun mercado. Episodio 361

Diario dun mercado. Episodio 360

Diario dun mercado. Episodio 361

Diario dun mercado. Episodio 362

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *