Nova actualización capicúa do mercado lucense, con moitas novidades na Primeira Galicia. Varias delas concéntranse no sur da provincia e, en concreto, no Sangoñedo. Alí non seguirá Javier Montoto, ata agora adestrador da SD Chantada, pero sí continuarán xogadores da casa como Michi Carnero, Povis, Joserra, Álex Delgado, Manu Pereira e Sergio Abad. No outro conxunto da vila do Asma, o Chantada Atlético, renovan os capitáns Dani Delgado e Mico.
Avanzando paseniño cara o norte, o Taboada renovará ao seu técnico, Manu Rodríguez, tal e como apuntou La Voz de Galicia. Pola súa banda, o vixente campión de copa, o Outeiro de Rei, contará un ano máis con Lucas, Pereira, Adri e Redondo. O Pastoricense de Javi Chinchón incorpora ás súas filas ao defensor Álex Ferreiros (San Roque) e a Asier (Castro B), mentres que o Sporting Pontenova sobe desde os xuvenís a Adrián e a Esteban.
Na Segunda Autonómica, o Muimenta renovou a Hugo e aos irmáns Morán, mentres que o San Roque anunciou a chegada de Gabi, defensor que volta ao campo no que se formou para aportar xerarquía ao cadro verdibranco. Tamén hai novidades na Terceira. O Mondoñedo ficha a Bruno e a Manu, o Santa Comba a Sergio, e o Quiroga renova a Mavilo e a Alex.