
Cantarrana bota fume con tanta actividade. Ás renovacións anunciadas de Uriol, Rolle e Pablo Louzao; únese unha incorporación moi desexada dun dos mellores talentos mariñáns. Nas próximas horas será oficial a fichaxe de Asier, ata agora mediapunta do Foz, polo Viveiro. Nesa mesma categoría, os xemelgos Varela seguirán unha campaña máis pola Magdalena de Vilalba. José e Javi continuarán así ás ordes de Simón Lamas.

Na Preferente, o Lemos anunciou as baixas de César Rodríguez, Adrián Ramos e Borja Tazos. Na Primeira, vai de adestradores a cousa. Roberto Ramallal cambia Riotorto por Lourenzá. E na capital, Manolo García capitaneará a nave do San Roque unha temporada máis. Ademais, puidemos saber que o Castro precisa atopar novo presidente. Na asemblea de socios de onte, non se presentou candidatura algunha.
Na Segunda Galicia, Antón Eijo anunciou o seu adeus do Celta Barreiros. Así como fixo o xa exadestrador do Chantada B, Rodrigo Amarante. Os tres equipos principais da Vila do Asma estrearán adestrador na vindeira campaña. Por último, o culebrón dos Hermanos Somoza xa ten o seu desenlace. Cabanelas deixa o seu sitio no banco a Julio Corral, que regresa co Bóveda ao fútbol afeccionado lucense despois dun ano fóra del.

