Hoxe traemos unha nova edición do Diario dun mercado. Pese a que normalmente por estas datas os equipos se atopan celebrando ascensos ou pasando de rondas na copa, a desafortunada situación que nos tocou vivir este ano fixo que os movementos de xogadores e técnicos se adiantasen. Son moitos os clubes que xa miran ao próximo ano, preparándose para novos retos, aínda sen saber moi ben como serán as competicións na 20/21.
Deste xeito, as primeiras novas chegan desde a Terceira División. O lateral do Polvorín Álvaro Fernández «Varo» non renovará polo conxunto albivermello, deixando un oco que a entidade capitalina tratará de encher de novo. Na Terceira parece que tamén competirá o Viveiro CF, que renovará ao seu adestrador Jesús Gómez «Chusky». Porén, a renovación non será oficial até que se confirme o ascenso dos de Cantarrana, tal e como apuntou El Progreso.
En canto á Primeira Galicia, a directiva do CD Castro comunicou esta mañá a través de Twitter a súa dimisión «para dar paso a outros proxectos ou persoas con novas ilusións e ideas». Nese mesmo comunicado, asegurábase que a mala situación económica que viviu o clube xa se mellorou e por tanto, agradecíase a todos os colaboradores que o fixeron posible.
Pasando á Segunda Galicia, «Cuchi» non continuará como técnico do Meira, mentres que no sur tampouco seguirá Pedro Castro «Monarca» como preparador do Incio, tras dous anos á fronte do conxunto da Terra Brava. Por último, no que atinxe ao fútbol base, Brais Rozados será o novo coordinador da ACD Sagrado Corazón, tras suceder no posto a Fran Fernández.

