O mercado de fichaxes do fútbol lucense non para de dar movementos e na nova edición do Diario de Mercado as despedidas continúan, con nomes que coas súas accións encheron gran parte dos libros de historia das institucións que representaban. Entre varias retiradas e marchas, tamén chega un dos primeiros reforzos nos equipos da provincia, neste caso nos bancos. Un inicio de fichaxes que mantén un ritmo frenético nos primeiros días.
A despedida de dous mitos
Oural terá na vindeira tempada a primeira en 12 anos na que Negrete non sexa a cabeza do corpo técnico da instiitución. Tras 25 tempadas na que intercalou o banco coa súa primeira faceta como xogador, Jorge Fernández da un paso ao lado de forma consensuada coa directiva para que veñan aires novos tras unha tempada complicada. Negrete é toda unha lenda, xa que nunca se separou do clube nos tempos máis escuros e conseguiu levalo á Primeira Futgal, o seu máximo histórico e na que poderían seguir se hai un ascenso no play off da Terceira RFEF.
Outro grande dos equipos da provincia que se retira é Javi Madariaga no San Ciprián, que xa a confirmara nunha entrevista despois da súa lesión a Futbolinlugo. Pero o conxunto da Mariña tamén ve como Borja Mella, dianteiro e capitán do equipo, colga as botas do fútbol sénior aos seus 31 anos. Todo apunta a que Rodrigo Pereira ‘Uru’, aínda xoven xogador de 28 anos, tamén vai deter a súa traxectoria futbolística. Duras perdas para un San Ciprián que terá que remodelarse no mercado.
Máis adeuses e a primeira fichaxe do mercado
Friol tamén viu como as súas pezas da tempada que acaba de rematar comezaron a caer. Tras a marcha de Martín Rodríguez, adestrador no curso que acaba de rematar, dous homes de club como Óscar Sánchez e Óscar Lodeiro ‘Larpy’ deixan a práctica do fútbol sénior. O Palas tamén se suma as baixas co adeus de Óscar Montalbán ‘Monti‘ por motivos laborais. O mediocentro de Monterroso levaba seis anos no primeiro equipo, despois de formarse na canteira do conxunto palense e pertencer a boa xeración do 99.


Pero non todo son adeuses, xa que neste tramo inicial do mercado chegou a primeira novidade que veremos nos equipos lucenses na tempada 25/26. Chegou nun Relámpago Taboada que xa decidiu quen vai ser o seu arquitecto para un ano no que pretenden dar un paso máis na súa mellora. Jesús Melendo será o novo adestrador do equipo co obxectivo de continuar o progreso do equipo.