Hoxe Galicia superou a barreira dos mil casos activos do COVID-19. Pero o ser humano rara vez aprende. E todos seguimos pensando no que máis nos gusta, neste caso o fútbol. Resulta frívolo falar da pelotiña a estas alturas da película pero os máis e os menos queremos saber que vai pasar co noso fútbol.
Así que unha vez máis acudimos á porta de Carlos Negrín, o vicepresidente da Federación Galega de fútbol, para ver como evoluciona o noso deporte da man desta pandemia.
ÚLTIMOS PASOS
A Real Federación Galega de Fútbol reuniuse esta semana «con todos os clubs de categoría nacional: masculinos e femininos e de fútbol sala. As ligas que ían comezar a principios de setembro pospuxéronse, quizais ata finais de setembro», asegura Negrín.
Esta próxima semana probablemente nos reunamos cos clubs de Preferente
O PROBLEMA DO PROTOCOLO A NIVEL NACIONAL
«A RFEF estableceu dúas premisas principais: Se non saes do teu territorio, ríxese polo protocolo da Xunta. A Terceira División sería ese caso. Os que saen fóra da comunidade teñen que agardar á elaboración dun protocolo por parte do Consello Superior de Deportes (CSD) para todas as territoriais», dixo Negrín. Isto implica un maior peso da Federación Galega en competicións como a Terceira División e a Liga Nacional xuvenil.
Cara finais de agosto ou principios de setembro, se todo fora ben, haberá un novo protocolo para tentar facer adestramentos colectivos e partidos amigables
O PROBLEMA DO PROTOCOLO A NIVEL GALEGO
«A día de hoxe o protocolo actual da Xunta de Galicia non permite xogar nin adestramentos colectivos. Fixémolo consensuado con eles», asegurou o directivo.
O NOVO PROTOCOLO
Sobre todo será «realista e realizable», en palabras do vicepresidente. Incluirá medidas de desinfección ou tomas de temperatura, aspectos básicos. Realizar test PCR é inviable.
«Tivemos reunión con Lete Lasa -Secretario Xeral para o Deporte da Xunta-. Cara finais de agosto ou principios de setembro, se todo fora ben, haberá un novo protocolo para tentar facer adestramentos colectivos e partidos amigables. Todo irá en función da evolución da pandemia. Nós temos que traballar nuns escenarios, aínda que son totalmente incertos. Todo vai quedar definido no día a día«, resume Negrín.
DESIGUALDADE ENTRE COMUNIDADES
«Na Rioxa ou en Madrid pódese xogar ao fútbol, en Galicia non. Non está homoxeneizado todo o territorio español na pandemia. A RFEF comunicounos que avisará cun mes de antelación aos equipos para o inicio das competicións. Sempre e cando haxa protocolo, respaldado polos poderes públicos», afirmou Negrín.
Na Rioxa ou en Madrid pódese xogar ao fútbol, en Galicia non
PREFERENTE E REXIONAIS
«Vimos de reunirnos cos clubs de Terceira esta semana e facer os dous grupos. Esta próima semana probablemente nos reunamos cos de Preferente. Despois miraremos cara abaixo», sinalou.
FÚTBOL BASE
O fútbol base vaino marcar a volta ao colexio. Toca agardar. Quedan moitos pasos antes por diante.