O Departamento de Comunicación do CD Lugo presentou o pasado día 3 de marzo un novo modelo de campus, que terá lugar os días 10 e 11 de abril no Campo do Ceao. Nel, os protagonistas serán os porteiros. Nenos nacidos entre 2001 e 2007 poderán participar nesta experiencia que consistirá en adestramentos específicos para gardametas, contando con diversos exercicios.
Desde Futbolinlugo, queremos profundizar máis nas actividades que se realizarán neste clinic, e falamos con Rubén Arce, coordinador de adestradores de porteiros da base do CD Lugo e encargado de dirixir o campus.
Futbolinlugo: Ola Rubén. Como encargado da dirección do clinic, tamén fuches ti o encargado de organizalo e pensalo?
Rubén Arce: A idea sae do encargado de realizar os eventos do clube, Julián Castaño, e eu como traballador do clube colaboro e dirixo os contenidos técnicos e tácticos do clinic.
Futbolinlugo: Que actividades van ter lugar no Campus?
Rubén Arce: Desde o punto de vista técnico vamos traballar os aspectos defensivos e os ofensivos. No defensivo, agarres, blocaxes, recollidas, prolongacións, despexes de puños… No ofensivo, fundamentalmente saques de meta, pases coa man, golpeo co pé, voleas e semivoleas.
En canto á táctica, traballaremos tiros, centros e os diferentes tipos de golpeo. Tamén situacións de man a man, pases en profundidade, balón parado…
Futbolinlugo: Na presentación, falabades das «Batallas de gardametas». En que consisten?
Rubén Arce: Son a parte lúdica do clinic. Consisten en dúas porterías enfrontadas a unha determinada distancia en función da idade dos participantes, e os dous xogadores son porteiros e lanzadores á vez. É como un reto no que o que antes chegue a un determinado número de goles pasa de ronda. Así, organízase unha especie de torneo que vai por idades.
Futbolinlugo: Os metas do 1º equipo visitarán aos cativos. Que poderán facer os rapaces con eles?
Rubén Arce: Está aínda por confirmar. Cacharrón vai participar nas actividades 100% seguro, porque está máis en contacto comigo. Roberto e Xosé Xoán dependerán do primeiro equipo, de se teñen adestramento, se non… Iso será xestionado polo clube. A súa presenza sí é fixa e eu apostaría porque sí participarán nas actividades, pero non o podo confirmar.
Futbolinlugo: Xa está aberto o prazo de inscrición. Contades con mover a un amplo número de nenos, ou pensades nunha participación escasa ao ser a primeira edición?
Rubén Arce: É unha primeira toma de contacto, pero agardamos que teña boa aceptación. É novidoso, xa que en Lugo non se fai en ningunha outra parte a día de hoxe. Fíxoo con anterioridade Óscar na súa Escola de Porteiros, pero agora xa non o fai. É unha boa oportunidade de traballar especificamente en dúas mañás completas.
Futbolinlugo: Buscades grandes talentos ou o clinic é tan só unha actividade de cara a formación?
Rubén Arce: Está orientada á formación xeral, xa que para buscar talentos contamos cun gran equipo de «scouting» no que cada fin de semana desprazámonos varios adestradores e vemos partidos de todos os clubes da provincia e de fóra, polo que coñecemos á maioría dos rapaces.
Futbolinlugo: Moitas gracias Rubén.
Rubén Arce: A vós.
Agradecemos a Rubén a Rubén a súa colaboración e agardamos que todo saia o mellor posible nesta interesante actividade.