O PM Friol non consegue sumar pese a un gran partido
Un dos mellores partidos das friolesas no que vai de tempada que, porén, non conta cun resultado acorde. As xogadoras do PM Friol foron quen de amosar sobre o céspede unha boa saída de balón, presión… pero o resultado non acompañou.
Un par de decisións dubidosas do árbitro de liña marcaron o partido. Primeiro, anulándolle un tanto ás friolesas por un presunto fóra de xogo. Despois, dando por bo o único tanto do partido, do Olímpico de León que, segundo o equipo friolés, estaba en claro fóra de xogo.
Sexa como for, o resultado final e o que conta é o 0-1 favorable ó Olímpico de León e que deixa ao Friol sen puntuar pese ao seu bo partido.
O equipo friolés chegaba a este encontro logo de coñecerse a resolución da RFEF (aínda non en firme) de sanción trala denuncia da Bovedana. Trátase dunha decisión recurrible, como así o farán dende o equipo friolés.
Goleada do CD Lugo a domicilio
As albivermellas comezaron moi ben o partido, tendo o control do balón e aproveitando o posicionamento intermedio das rivais, o Parquesol, para así poder chegar con relativa facilidade ata a área rival.
Así foi como o CD Lugo abriu o marcador poñéndose por diante. Co 0-1 no marcador, as albivermellas pecaron dun certo exceso de confianza durante uns minutos, o que levou a que o Parquesol chegara con perido á porta luguesa que, porén, defendeu con mérito Érica na portería. Ese aviso veulles ben ás xogadoras do CD Lugo que espertaron e volveron a coller o mando do xogo, creando numerosas ocasións que fixeron que o partido chegara ao descanso cun 0-3, co encontro case decidido.
Porén, nada máis comezar a segunda parte anotaría o Parquesol de falta. O equipo lugués non deixou que o asolagaran as dúbidas e mantívose sereo e traballando. Aínda que as albivermellas tiveron menos ocasións que no primeiro tempo, controlaron o partido e a medida que foron pasando os minutos, conseguiron incluso sentenciar definitivamente o encontro co gol de Yani (1-4).
Boa actuación do equipo lugués nun deses partidos nos que non podían fallar se queren certificar, canto antes, a permanencia.
O filial friolés impúxose na casa
Partido controlado dende o inicio polas friolesas. O Brexo Lema visitaba a casa do PM Friol despois de, na primeira volta, causarlle moitos problemas e propiciando un dos peores partidos das friolesas naquel momento.
Porén, nesta ocasión o PM Friol foi quen de pórse por diante nunha boa xogada de Carla que botaría o balón cara atrás para que Uxía puxera o 1-0.
O Brexo Lema apenas presionaba e, cando o facía, propiciaba que o Friol atopara espazos e chegara con perigo. Deste xeito, a vantaxe só podería aumentar e antes do paso polos vestiarios chegaría o gol de Carla para pór o 2-0.
No inicio da segunda parte o Brexo Lema cambia o sistema totalmente, pasando a unha defensa de 3 e saíron con máis intensidade que as friolesas, quizabes confiadas co resultado. Porén, o Friol tamén mudou o sistema e conseguiu controlar a situación.
Así o marcador non se moveu na segunda parte e os tres puntos quedaron en Friol. O equipo amosa a súa mellora dende a primeira volta, con grande evolución.
A SD Antas non falla nun campo moi complicado
Vitoria a domicilio para a SD Antas na casa do EF Rosalía (0-2). O equipo seoanés presentouse no encontro amosando a súa experiencia, comunicación e unha boa lectura do partido para conseguir os tres puntos no Municipal de Oira.
O partido comezaba coas locais levando o dominio de balón e serían capaces de mantelo todo o partido, sumando a súa mobilidade sobre o verde. Todo iso nun encontro que, a priori, presentábase complicado para o Antas, que chegaba con baixas.
Durante a primeira parte houbo poucas ocasións. O equipo seoanés presentou un bloque intermedio co que intentaba roubar e saír en velocidade cara a área rival, pero erraba no último pase. Porén, en tarefas defensivas, as xogadoras de Dani Abelairas fixeron un partido moi serio e contundente para evitar os ataques de posesión larga cos que tentaba facer dano o equipo local.
Tralo paso polos vestiarios o equipo lucense saiu moito mellor, máis organizado, capaz de pórse por diante no marcador. Foi Nuria quen, cun pase aéreo que a defensora non mediu ben, consegue conectar con Jenny, quen non perdoa para abrir o marcador (0-1).
Co resultado a favor, o Antas tirou de experiencia para defender a vantaxe no marcador cun intenso traballo defensivo, moi organizado e cun gran entendemento entre as xogadoras que evitaba que o Rosalía fixera dano.
Foi Nuria quen sentenciaría o partido cun golpeo lonxano para conseguir levar os tres puntos nunha saída a un campo moi complicado.
Derrota pola mínima para o filial lugués
Co pitido inicial, o partido comezou moi dividido e desputado entre ambos conxuntos: CD Lugo B e Xallas. Os dous equipos desfrutaron de ocasións mais foi un gol en propia porta, que rebota nunha central do filial lugués e remata entrando na portería, o único tanto que subiría ao marcador no partido.
A segunda parte mudou tras un cambio de sistema no xogo, de maneira que o CD Lugo B conseguiu facerse prácticamente por completo coa posesión, mais presentaba serias dificultades para anotar.
O filial lugués tivo dús ocasións moi claras pero non foi quen de materializalas, polo que os tres puntos foron para o Xallas co único tanto do partido, o anotado en propia meta na primeira metade.
Aínda así, a adestradora luguesa, Iria, amosou o seu orgullo polo traballo das súas xogadoras despois do partido.
A SD Chantada non consegue saír da mala xeira ante o Victoria
Non era doado saír da mala serie de resultados dos últimos partidos da SD Chantada ante o Victoria, e de feito, non puido ser. Victoria arrolladora do equipo local, co mesmo nome, por un abultado 7-0.
Á media hora de encontro, as santiaguesas xa gañaban por 4-0, cunha SD Chantada moi mal na defensa, sen pechar espazos atrás. Na segunda parte, aínda que o equipo mellorou lixeiramente, non foi quen de pór solución a un partido no que o Victoria continuou aumentando a súa vantaxe ata os definitivos 7 goles.
O Monte Forte imponse con contundencia ante a Comercial a domicilio
O Monte Forte comezou o encontro cun claro dominio e, ademais, sabendo aproveitar as ocasións, chegando cun 0-5 ao descanso. As xogadoras da Comercial, xa co segundo gol, baixaran os brazos, algo que aproveitou o Monte Forte para abultar a diferenza.
Tralo paso polos vestiarios, a Comercial saiu mellor ao encontro e o Monte Forte, véndose gañador, levantou un chisco o pé do acelerador.
As xogadoras de Vicky foron quen de mellorar a súa colocación no campo e tamén o seu xogo, conseguindo varias chegadas a porta aínda que a sorte tampouco estivo aí do seu lado, xa que só puideron anotar un gol. Porén, a actitude das xogadoras de vermello foi inmellorábel, sen rendirse e loitando ata o final.
Final cun 1-5 no marcador para que o Monte Forte continúe coa súa tendencia á alza, asentándose xa na sexta posición da táboa. A Comercial, pola súa banda, non pasa por un bo momento, sumando tan só 3 puntos dos últimos 15 posibles. Porén, a vindeira semana terán a oportunidade de sacar a espiña ante a SD Cruces, na casa.
A Milagrosa salva un punto nun mal partido
Dende o inicio, o encontro estivo dominado polo Dubra, equipo visitante que conseguiu someter á Milagrosa aínda que, o resultado final, indicara un empate (3-3) e reparto de puntos se cadra inxusto.
A encargada de abrir o marcador foi Noemi Baleato, xogadora do Dubra que no minuto 12′ poría o primeiro dos goles no marcador. O segundo tanto, tamén para o equipo visitante, o Dubra, chegou logo dun erro da SCD Milagrosa, rematando o balón en propia porta.
Recurtaría distancias, xa na segunda parte, Martina Gómez Boo cun gol no minuto 51′, poñendo de novo o partido moi interesante. Mais tan só 12 minutos despois, no 63′, foi de novo Martina a que anotaría para deixar o partido totalmente aberto, cun 2-2 no luminoso.
Pouco despois chegou o terceiro gol, e consecutivo, da Milagrosa. Desta volta, das botas de Eider Pardo. Porén, nos últimos suspiros do encontro Lara, do Dubra, encargaríase de pór as táboas no marcador que non se movería máis do definitivo 3-3, un empate que sabe ben no conxunto local conscientes de que, se cadra, as visitantes mereceran claramente a vitoria.
Un arrollador San Lázaro volve á súa mellor versión ante o Resmón
O partido non tivo moita historia. A diferenza de nivel foi notábel e máis cando o Resmón ía sen apenas xogadoras dispoñíbeis presentando, de feito, tan só 10 xogadoras. Ante isto, o adestrador do San Lázaro, Rubén Candal, decidiu equilibrar (polo menos en canto a número de xogadoras) o encontro, e sacar tamén tan só 10 xogadoras ao verde.
O partido rematou cun 0-8 final, que dá conta de que non tivo máis historia que un dominio claro do San Lázaro. As encargadas de anotar foron Lidia Martínez (x2), Irene Rebolo (x2), Mireia Argüello (x2) e Douaa Attouch (x2). Unha maneira inmellorábel para debutar de Irene Rebolo, que desputaba o seu primeiro partido coa camiseta do San Lázaro.
Cabe destacar tamén o papel da porteira do San Lázaro neste partido. Ante a ausencia de Jesi, Hajar decidiu pórse as luvas, amosando que está sempre para o que o equipo precise.
Con esta vitoria o San Lázaro suma outros tres puntos para seguir na loita polo ascenso, a 5 puntos do primeiro clasificado, o Santiso.
O Carballedo segue na senda da vitoria
Outros tres puntos suma o equipo dirixido por Sementa na súa saída ao campo do Trazo esta fin de semana. As ‘guerreiras’ dominaron o partido en todo momento contra un equipo que se asentou en campo propio, moi repregadas e no que era moi difícil entrar con perigo.
Na primeira metade, ao pouco de comezar, un gran pase entre liñas de Ana deixa a Paula soa contra a porteira e, cunha gran definición, pon o 0-1 no luminoso.
O Carballedo seguiu atacando pero non foi ata despois do descanso cando se aumentaría a vantaxe no marcador, desta vez, cunha gran elaboración de Uxía ‘Peque’ e deixando o balón a placer para que Picos anotara.
O 0-3 definitivo chegaría dun saque dende o curruncho que consegue de novo convertir Picos en gol. A boa actuación da porteira local e un bo traballo defensivo do Trazo impediron que a diferenza de goles a prol do Carballedo fose maior.