A segunda xornada da Segunda Rexional resume a igualdade do sur, xa que ningúen foi quen de unir dúas vitorias seguidas na estrea da liga. Si o fixeron o Roupar, o Meira, o Iberia e a Candelaria na zona norte. Repasamos o que aconteceu na fin de semana en #ONoso11Futbolinlugo.
No grupo norte, o Roupar encabeza a clasificación polo diferencial de goles. O equipo adestrado por Dopico superou na casa a un Cospeito que deu a cara a pesar das numerosas baixas.
Sebas adiantou moi cedo ao conxunto verde no seu primeiro gol do curso. Paulo conseguiu igualar o resultado pero mancouse precisamente na xogada do gol. O Roupar ampliou vantaxe con dous goles a lume de biqueira. O Cospeito acabou con só sete xogadores do primeiro equipo e logo de facerlle ficha exprés para esta finde a Lamela. Debutaron en partido oficial os xuvenís Peteira, Yoseph, Adrián Lorigados, Iván Cendán e Rubén.
O Meira derrotou pola mínima á Comercial no Rodríguez Lago. Unha das xogadas decisivas produciuse logo de superar a metade do primeiro tempo. A Comercial quedou cun futbolista menos por expulsión e ao pouco o Meira marcou o único gol do encontro por medio de Seixosmil.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O Iberia venceu por un gol ao Xermade na súa primeira saída da temporada. O encontro estivo igualado no Municipal e resolveuse cun gol que xerou dúbidas de se entrara ou non, pero subiu ao marcador. Por outra parte no Iberia lamentan a confirmación da grave lesión de Darío. Terá que pasar polo quirófano ao ter unha rotura de cruzado. Dende aquí, moito ánimo.
A Candelaria triunfou no Pichón ante o Muimenta. Ao descanso xa marchou gañando 1-2 logo de marcar o segundo ao pouco de que os locais empataran. O Muimenta tivo algunha opción pero os de Abel conseguiron ampliar vantaxes. Xa nos intres finais os celestes tiveron tempo de reclamar un penalti que o árbitro non asubiou.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2022/09/VICTOR-CATRO-ROLDAS-5.png)
O Cabreiros e o Guitiriz son os únicos que acumulan catro puntos. Logo de empatar entre eles na primeira xornada, lograron sumar de tres. O cadro adestrado por Paco López gañou na casa a un Goiriz que pelexou máis do que poda dicir o marcador. Aínda que os goles de Marcos Novo e Pepe ao descanso foron un peso demasiado grande a pesar dos intentos visitantes. Manufa estreouse como goleador no seu regreso ao fútbol no segundo tempo para sentenciar o choque.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Na pasada finde chegaron os primeiros triunfos do Alfoz e do Folgueiro que inauguraron o seu taboleiro de puntos. O cadro alfocense superou ao filial do Castro na casa con dous goles ao final de cada parte.
Pola súa banda, o Folgueiro superou a un Celta Barreiros que volveu dar a cara. Foi un encontro de ida e volta no que os do Vicedo amosaron unha maior pegada cun Aurelio que marcou o seu primeiro gol do curso.
O Castro B, o Cospeito, o Fonsagrada e o Celta Barreiros son polo momento os equipos que non puntuaron.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2022/09/VICTOR-CATRO-ROLDAS-4.png)
Na zona sur, por motivos indirectos de casamento, un dos grandes partidos adiantouse ao venres. O Becerreá e o Paradela empataron sen goles no Municipal becerreense. Foi un partido moi disputado entre dous equipos que queren estar na zona alta, lugar onde estiveron o pasado curso.
O Becerreá lidera polo diferencial de goles e o Paradela vai terceiro. No medio entra na segunda praza o Ferreira que igualou a dous goles co San Roque (tamén con catro puntos). O cadro capitalino marchou ao descanso cunha vantaxe de 2-0, pero os de Pantón conseguiron empatar cun bo gol de Marcos incluído.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
O outro conxunto do grupo con catro puntos é o Oural. O cadro adestrado por Negrete conseguiu sumar por primeira vez de tres ante o Sporting Lucense no Luis Pallín. Os visitantes puxéronse dúas veces por diante no partido, pero os locais conseguiron remontar cun último gol nunha contra ben conducida por Colon e rematada por Chispa.
A Milagrosa, o Brollón e o Lemos B conseguiron os tres primeiros puntos do curso. A Mila logrounos ao vencer ao Corgo nun partido que comezou igualado pero que mediada a primeira parte os locais fixeron seu. Adiantáronse antes do descanso e volveron marcar ao pouco do segunto tempo. A partir de aí todo foi máis fácil para os de Manolo Couso.
O Brollón superou pola mínima ao Friol. Nun encontro sen moito dominio claro o Friol tivo a mellor ocasión nun primeiro tempo cun balón que petou no pau. Os locais conseguiron o triunfo no segundo tempo nunha xogada a balón parado.
O Lemos B fíxose coa vitoria no duelo de filiais ante o Chantada B. Adiantáronse no primeiro tempo e o Chantada foi mellor o inicio do segundo acto. Non conseguiu empatar e o filial lemista marcou o segundo.
Na xornada houbo dous empates máis. O San Lázaro e o Guntín igualaron a un gol sumando o segundo empate seguido do curso. Comezaron mellor os de Diego Rey, pero logo quen se adiantou foi o Guntín (por medio de Purri) que dominou ata o descanso. Na segunda Yelko equilibrou o marcador.
Sen goles finalizaron o choque o Río Sil e o Carballedo, conseguindo así os visitantes o primeiro punto da tempada e da súa historia en Segunda. Un encontro igualado que gañou emoción cara o final. Gol anulado ao Carballedo e penalti a favor do Río Sil que parou o meta Fran.
Polo momento, o Corgo é o equipo que non puntou nas dúas primeiras xornadas.