A calculadora do fútbol lucense 24/25

Foto de portada: Mariluz Fagín

O fútbol afeccionado lucense encamiña o tramo decisivo da temporada 24/25. Moitos clubs collen a calculadora para botar contas sobre a sua posición final nas diferentes ligas. No balompé masculino, os arrastres, con menos incidencia que outros anos, volven facer mella na Segunda Futgal. O dano aínda podería ser maior no caso de que descenda este domingo a SD Compostela.

Segunda Federación: unha xornada e dúas salvacións en xogo

A provincia de Lugo non ten este curso ningún equipo no cuarto chanzo do balompé estatal. Con todo, varios conxuntos lucenses están pendentes do que lles ocorra aos galegos clasificados na parte baixa da 2ª Federación.

A división na que este ano militaron o vilalbés Rares Mezdrea, o castroverdense Manu Ferreiro, o monterrosino Pablo Antas ou o viveirense Xoel Trasancos ‘Trasi’ remata esta fin de semana. O Coruxo e a SD Compostela tratan de evitar o descenso.



O cadro vigués xa é seguro que non descende directamente, pero podería caer para a posición de promoción de permanencia. Precisamente, esa zona é a que anhela o Compos, que non vai poder salvar a categoría de xeito directo.

Un posible descenso do Compostela ou do Coruxo (e no peor dos casos dos dous) provoca o arrastre do 15º clasificado na 3ª Federación. A non ser que o equipo galego de Terceira que xogue o play off suba, ese descenso en cadea reprodúcese na Preferente para o peor 14º dos dous grupos. Na Primeira afectaríalle ao peor 13º dos seis grupos.

Para dirimir quen é o peor equipo nunha mesma posición clasificatoria entre distintos grupos, sempre e cando xogaran o mesmo número de partidos, óptase polo criterio de menor puntuación. De estar empatados a puntos, o seguinte paso é comprobar quen ten peor bagaxe entre goles marcados e encaixados. Así sucesivamente, ata chegar a posibilidade dun sorteo se persiste a igualdade.



O Coruxo depende de si para salvarse. O Compostela para xogar a promoción de salvación precisa gañar e que que tamén o faga o Llanera no duelo directo co Escobedo. A xornada dispútase este domingo ás 12:00 h.

A calculadora da Terceira Federación: A Sarriana e o Racing desexan o 2º posto, o Viveiro precisa como mínimo outra vitoria para salvarse

Quedan dúas xornadas na quinta categoría do fútbol español. O Racing Villalbés e a Sarriana xogarán a fase de ascenso. Queda por saber de que posición partirán. Están a un punto do Estradense, que ocupa a segunda posición, praza que ten vantaxe nas dúas primeiras eliminatorias da promoción no caso de que haxa empate ao finalizar os 180 minutos.

  • Sarriana – UD Ourense (dom. ás 18:30 h na Ribela)
  • Atlético Arteixo – Sarriana (finde do 11 no Novo Ponte dos Brozos)
  • Racing Villabés – Barbadás (dom. ás 19:00 h na Madalena)
  • Polvorín – Racing Villalbés (finde do 11 na Cheda)

O Polvorín xa logrou a permanencia e está asentado na zona media da táboa clasificatoria. Visitará ao Noia na penúltima xornada e finalizará a liga no derbi co Racing.

O Viveiro conta con tres puntos máis gol average co Barbadás (antepenúltimo) e co Vilalonga (penúltimo). Con todo, ante o risco de arrastre, polo momento nin o 14º ten asegurada a permanencia. O cadro viveirense dispón de dous puntos máis que o 14º e o 15º.

É probable que os pupilos preparados por Adrián Benavides necesiten entre tres e catro puntos para salvarse. De entrada, o máis positivo é que os seus dous últimos rivais non teñen nada relevante en xogo a nivel clasificatorio.

  • Viveiro – Betanzos (dom. ás 17:30 h en Cantarrana)
  • UD Ourense – Viveiro (finde do 11 no Couto)

A calculadora da Preferente: O Ribadeo ten que gañar e esperar, mentres que un posible arrastre complica a salvación do Lemos

Dos catro equipos da provincia na Preferente, o Pol é o único que vive máis tranquilo nesta recta final. Asentado na zona media, despedirá o curso recibindo ao Sigüeiro e coa visita ao Ordes.

O Atlético Escairón afronta as dúas últimas xornadas xa sen opcións de permanencia. Con todo, será xuíz da salvación ao recibir esta fin de semana ao Lemos e pode ditar sentenza nas posicións de play off ao visitar na última xornada ao Sigüeiro.

Non obstante, o foco está posto no Lemos e no Ribadeo. O cadro lemista depende de si para salvarse. Se gaña os dous partidos que lle quedan, permanece na categoría. Logo de xogar co Escairón, recibirá na Pinguela ao Galicia Mugardos, un duelo directo por sobrevivir na división.

O Ribadeo necesita conseguir os seis puntos e agardar outros resultados. Este domingo afronta a primeira final precisamente co Galicia Mugardos. Se continúan as opcións, na última xornada vén ao Pepe Barrera un Sofán que se podería estar xogando a súa clasificación para a fase de ascenso.

No caso de haber un arrastre, é moi probable que o afectado sexa o 15º do grupo 1. A falta desas dúas xornadas para o final, o Lemos conta con dous puntos menos que o Juvenil de Ponteareas.

  • Atlético Escairón – Club Lemos (dom. ás 18:00 h no Municipal do Saviñao)
  • Club Lemos – Galicia Mugardos (finde do 11 na Pinguela)
  • Galicia Mugardos – Ribadeo (dom. ás 18:00 h na Pedreira)
  • Ribadeo – Sofán (finde do 11 no Pepe Barrera)

A calculadora da Primeira: A boa xeira da Mila pode evitar un arrastre na Segunda sur

Na Primeira Futgal, o Burela pode ascender este domingo no seu enfrontamento co Chantada Atlético. Chégalles cun punto nun encontro que se xogará na matinal. Se non é así, a Resi estará atenta ao fallo para gañar o seu partido e convertir a última cita de liga na Marosa nunha auténtica final.

Ademais da Resi, o Castro e o Chantada pelexan polo play off. Na última xornada, o cadro do Arturo Pereiro xogará un derbi chairego ante un Pastoricense coa salvación en xogo.

No grupo 3, logo do descenso do San Lázaro, catro equipos tratan de salvarse. Hai dúas prazas de descenso directo e podería haber outra máis de arrastre. Lembremos que no caso de baixar un equipo galego da 2ª Federación e non subir o club galego que xogue play off na Terceira, descende o peor 15º de Primeira.

No grupo 6, o representante lucense, a Mila, sumou dez puntos nos últimos encontros que lle permitiron coller moito aire. Depende de si para salvarse e, de quedar na posición actual, está protexida ante dous hipotéticos arrastres.

  • Puntuación dos 15º de Primeira a falta de dúas xornadas:
  • Grupo 1: Cedeira (35 puntos)
  • Grupo 2: Agolada (33 puntos)
  • Grupo 3: Oural (28 puntos)
  • Grupo 4: Loñoá (28 puntos)
  • Grupo 5: SD Valiño (33 puntos)
  • Grupo 6: Milagrosa (35 puntos)
  • Clasificación Primeira Futgal grupo 3:
  • 14º Outeiro de Rei (30 puntos)
  • 15º Oural (28 puntos) – posición pendente de posible arrastre
  • 16º Pastoricense (27 puntos) -provocaría o descenso do 13º da 2ª norte
  • 17º Meira (24 puntos) – provocaría o descenso do 14º da 2ª norte
  • 18º San Lázaro (9 puntos) – provoca o descenso do 14º da 2ª sur
  • Outeiro de Rei – Taboada (dom. ás 17:00 h no Municipal)
  • Xove Lago – Oueiro de Rei (finde do 11 de maio no Municipal)
  • Lourenzá – Oural (dom. ás 12:00 h en Santa Cruz)
  • Oural – Guntín (finde do 11 de maio no Luis Pallín)
  • Pastoricense – Xove Lago (dom. ás 17:00 h no Acebreiro)
  • Castro – Pastoricense (finde do 11 de maio no Arturo Pereiro)
  • San Lázaro – Meira (dom. ás 18:00 h nas Gándaras)
  • Meira – Foz (finde do 11 de maio no Martínez Otero)
  • Sporting Guardés – Milagrosa (dom. ás 17:30 h na Sangriña)
  • Milagrosa – Tomiño (finde do 11 de maio en Frigsa)

A calculadora da Segunda Futgal: o sur e o norte debaten un arrastre

A fin dos arrastres masivos é para a Preferente e a Primeira Futgal. Anteriormente nestas divisións, un descenso directo xa supoñía un arrastre. Agora non. As categorías enténdense como un todo e unha vez que a temporada está rematada, vanse distribuíndo os equipos polos distintos grupos.

Non obstante, isto non pasa polo momento na Segunda Futgal. Aquí os arrastres funcionan como case sempre. Un descenso dun equipo lucense na Primeira, provoca un descenso en cadea na Segunda, ben sexa para o norte ou para o sur.

No norte, o Cospeito e o Muimenta xa están descendidos matematicamente. A Piringalla e o Mondoñedo tratan de evitar a antepenúltima praza, situación que se lle puxo de cara o cadro capitalino. Gañoulle ao seu rival no duelo directo deste sábado e agora adiantouno con dous puntos de diferenza máis o gol average. Na última xornada o Mondoñedo visita ao Muimenta e A Piringalla recibe ao Xermade.

Haberá tantos arrastres como equipos de Primeira descendan para o grupo norte. Só se evitaría un no caso de que o equipo que xogue play off deste grupo suba de categoría.

No sur, o Quiroga xa está descendido de xeito matemático. O Rubián teno moi difícil para salvarse, está a catro puntos de saír do descenso directo. O Incio, o Chantada B e o Lemos B tratan de evitar os arrastres, tendo en conta que o antepenúltimo descendería ao baixar o San Lázaro. Un posible descenso do Oural e da Mila podería aumentar a cifra a 3 descensos en cadea.

O Chantada B e o Lemos B xa gañaron os seus partidos da penúltima xornada, polo que lle meten presión ao Incio e ao Rubián.

A maiores, no norte, Iberia e Celta Barreiros pelexan por subir de xeito directo. Riotorto e Folgueiro agardan o fallo do conxunto barreirense para poder entrar no único posto de promoción.

No sur, Brollón e San Roque loitan polo primeiro posto. O Santa Comba agarda o fallo do conxunto capitalino para entrar na fase de ascenso.

Terceira Futgal xa finalizada:

Ascenden: Goiriz, Castroverde, Matela, Monterroso B, Sober e Sarriana B.

A calculadora do fútbol lucense 24/25

O partido en imaxes: Outeiro de Rei

A calculadora do fútbol lucense 24/25

O Burela chega á Preferente

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *