O Palas é, xa desde fai tempo, un club familiar. Xogadores que se forman nos Chacotes, que medran sentindo o escudo e que ansían defender as cores do primeiro equipo. E moitas veces, o traballo ben feito da os seus froitos. O conxunto celeste, recén ascendido á Segunda Galicia, atópase invicto e imbatido nas dúas primeiras xornadas, algo que ilusiona moito na vila da Ulloa.
Brais Vázquez Lamazares (Antas de Ulla, 1987) é o técnico que lidera o proxecto. Un home da casa que colleu os mandos do equipo tras o descenso á Terceira Galicia e, pouco máis de doce meses despois, xa se está a consolidar como un dos adestradores do momento. Detrás do seu éxito, claro está, está tamén o seu traballo e o esforzo dos seus pupilos.
Futbolinlugo: Contabas con un inicio de temporada tan positivo?
Brais Vázquez: Nunca se botan contas, ou a min non me gusta. En términos de puntuación. Pero a pretemporada estivo ben, vimos dunha boa dinámica do ano pasado, somos os mesmos, o modelo xa é ben coñecido polos xogadores… da a casualidade de que os dous equipos aos que nos enfrontamos si tiveron cambios e terían que variar cousas, así que xa tiñamos esa vantaxe. Contabamos que iamos competir ben.
FIL: Para quen non o saiba, a que xoga o teu equipo?
BV: Temos claro que sucedan cousas lonxe da nosa área, que non queremos perder o balón en campo propio e que queremos xogar en campo contrario. Queremos ritmo alto en ataque, finalizar xogadas, manter orde e concentración todo o partido. Basamonos en non encaixar, que pasen poucas cousas.
FIL: E con éxito, pois ningún gol encaixado en dúas xornadas. É a solidez a base deste Palas?
BV: Non é que esteñamos insistindo todo o rato en defensa, defensa, defensa. É algo que o propio grupo vai adquirindo e o traballo semanal vai dando. Se non te metes en xardíns, minimizas errores, concedes poucas ocasións… O San Roque apenas xerou ocasións claras máis alá de centros laterais ou balóns parados, e o Lemos tivo dúas, nada máis. Eu creo que é a base nestas categorías, pódeche saír «cruz» algún partido, pero a probabilidade de que che salga máis veces «cara» é alta. Ademais no Palas viñan de intentar facer outro tipo de xogo, e se decidiu cambiar desde o descenso á Terceira.
FIL: Hoxe recibides ao San Lázaro, que leva dez goles anotados en dous partidos, o cadro máis goleador.
BV: Si, máximo goleador contra menos goleado. Vai ser un partido que determine un pouco se estamos no vagón de arriba da categoría ou no de abaixo.
FIL: Vai determinar, en parte, as aspiracións do Palas?
BV: Eu creo que sí. Non necesariamente a nivel clasificatorio, senón sobre todo a nivel de competición dentro da categoría. O San Lázaro é un equipo Primeira-Segunda, e nós vimos de onde vimos. Non sei os puntos que imos ter en maio nin se imos empatar, gañar ou perder o domingo. Pero en función do xogo que sexamos capaces de facer, de como compitamos contra un rival a priori superior… pois sacaremos algunha conclusión.
«San Lázaro, Ferreira, Becerreá e Friol son os catro máis fortes do grupo.»
FIL: A Segunda Galicia é unha categoría moi dura. Que equipos pensas que serán os rivais a bater?
BV: Penso que San Lázaro, Ferreira, Becerreá e Friol. Por cadros de xogadores e calidade individual.
FIL: A aposta do Palas é clara. Xente da casa e comprometida coas cores.
BV: Durante a pretemporada tivemos algún movemento, pero a realidade é que ao final somos os de sempre. Ademais estamos tirando do equipo xuvenil, con 4, 5, 6 rapaces que aportan moito… isto axuda a crear sentimento de club, a que a xente se enganche… é algo que a propia directiva e a afección queren que así sexa. O Palas sempre foi así, cada vez é máis difícil que a xente se mova nestas categorías… e nós temos un proxecto de canteira total. Nas dúas primeiras xornadas xa participaron xuvenís sen problema ningún, aportando como os que máis.
FIL: Todos os anos, de feito, salen xogadores válidos para o primeiro equipo.
BV: Si, hai fornadas boas e malas. Nunha salen seis e noutra dous, por exemplo, pero temos 120 licencias en todas as categorías e eu opino que iso é o fundamental, esa supervivencia. O Palas, neste sentido, lévalle vantaxe a outros equipos e a longo prazo penso que vai dar os seus froitos.
FIL: Que nos podes dicir do ambiente que se vive nos Chacotes?
BV: O ambiente foi baixando conforme o equipo comezou a sufrir. Na Terceira Galicia houbo un desencanto xeral en canto a público. Agora estamos enganchando outra vez polos resultados: pais, rapaces… a xente ve que o primeiro equipo é un espello da base, e estamos logrando enganchar aos pequenos para vir ao campo de novo.
FIL: Que che fixo apostar polo banquiño dos Chacotes, no seu momento?
BV: O primeiro é todo isto do que estamos falando: é un club de canteira e podes traballar cun grupo de 100-120 xogadores, no canto de 16 como me sucedeu noutros lados. A unión é diferente, eu vexo o fútbol similar a como o ven no Palas. Ademais, vivín o descenso como xogador e sentíame un pouco en débeda co club. Quería amañar o erro e todo foi xenial: o vestiario adaptouse xenial aos cambios, eu tamén… en máis de 40 partidos creo que perdemos tan só 3. Os resultados, aínda que parezca que non, permiten que a xente diga «pois esto funciona». En resumo, gústame o club e ademais quería subsanar a débeda que tiña cun equipo da miña comarca.
«Nin falamos de renovar, asumimos que todo continuaba.»
FIL: E renovar?
BV: Nin sequera falamos. Chegou xullo e falamos de comezar os adestramentos. Todos asumimos que a cousa continuaba.
FIL: Se mantén o ritmo de victorias, seguramente comecen a chamar noivas de diferentes categorías…
BV: A primeira noiva que chame pode ser a familia. Despois, o que veña ten que mellorar moito o que hai para que me plantee sentarme con alguén. Agora mesmo poderia estar aquí vinte anos. Tanto o meu segundo Carlos coma min atopamos o sitio adecuado no que estar e non valoramos outra cousa. Se aparecen noivas teñen que igualar o ambiente e o funcionamento do club, e se non é mellor estar na casa que moverse.