É o director deportivo dun dos grandes damnificados pola pandemia. Ademais, comparte esta tarefa coa de xogador dun auténtico grupo de amigos. Hoxe falamos con Borja Rego Ferreira (Cervo, 23-03-1994), un home cunha tremenda facilidade para alternar os despachos e o verde.
FUTBOLINLUGO: Boas Borja! Imaxino que esta ‘pretemporada’ está sendo menos movida que nunca.
BORJA REGO: Pechamos ao míster Jaime e andamos mirando o mercado de reollo. A verdade é que está todo bastante parado con esta incertidume.
Viñamos con outro ritmo pero baixamos no inverno
![]()
![]()
FIL: Con todo o tempo que temos, imaxino que teriades tempo a analizar a pasada campaña polo miúdo. Que foi o mellor que vos pasou nela?

B.R: O mellor foi como comezamos. Viñamos cun ritmo doutra categoría tralo descenso. O problema é que temos moita xente de fóra e os primeiros meses iso non o acusamos. Logo vas baixando no inverno. Os equipos que adestran con 15-20 xogadores acaban pasándoche por enriba nos finais de partido.
FIL: É preferible entón apostar por máis calidade e sacrificar un maior número de adestramentos? Ou viceversa?
B.R: Tes que saber o que hai. Nós sabíamos que para adestrar entre semana o tiñamos complicado. Pero eran xogadores de nome e doutra categoría. Pero a día de hoxe por moi bo que sexas, como non adestres todo se iguala.
Non entendo o porqué desa decisión. A Federación saberá os motivos.
FIL: Igualdade como a que tivestes co Pontenova a puntos. Subiron eles polo famoso ‘golaverage’… Foi como quedar co mel nos labios, non?
B.R: Co mel nos labios quedamos debido a que non rematamos a Liga. Había que acabala. Aínda non entendo o porqué desa decisión. A Federación saberá os motivos de dar así os ascensos. Non é só unha cousa nosa, pasou con máis clubs. Aceptamos a decisión e apostamos pola autocrítica.
FIL: E que vos di esa autocrítica?
B.R: Que fomos primeiros moito tempo e hai que aprender diso. Aprender a manexar mellor ese tipo de situacións.
O máis importante é crear un grupo para ascender a curto prazo
FIL: Por último, despois da análise, cal é o novo obxectivo para a próxima temporada?
B.R: Quedar o máis arriba posible. O ascenso está aí. Buscarémolo pero se non se ascende non pasa nada. O máis importante é crear un grupo para ascender a curto prazo.