#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Bo encontro e mellores sensacións da Sarriana no comezo da Preferente

Un ano e medio despois volve o Trío de Ases ao completo. A competición na Terceira tróuxonos bos resultados. O Racing Vilalbés sumou un triunfo na Madalena diante do Sofán e o Viveiro empatou sen goles en Cantarrana co Ourense CF. Na Preferente, o derbi provincial entre o Escairón e o Santaballés rematou en tablas ao igual que o encontro da Residencia na Cheda diante do Betanzos. A Sarriana comezou con bo pé derrotando ao Mugardos, mentres que Ribadeo e Foz caeron co Victoria e o Montañeros respectivamente. O Polvorín segue sen debutar logo dun positivo no Choco, o seu rival desta xornada e o Lemos tivo xornada de descanso.

Primeiro triunfo para o Racing Vilalbés, na Madalena diante do Sofán (3-2).

Encontro raro o disputado na Madalena, cun Racing Vilalbés que foi superior ao seu rival, pero que cometeu erros, sobre todo na primeira metade, que lle outorgaron vida a un Sofán que en ningún momento deu a sensación de poder sacar algo positivo da súa visita a terras vilalbesas. O cadro carballés sorprendeu aos de Simón Lamas cunha presión alta que fixo que a circulación de balón do Racing non fora fluída.

Aos vinte minutos de partido, Pedrosa adiantou ao cadro local cun lanzamento desde a frontal que bateu nun rival e colouse na portería. O propio Pedrosa, Javi Rey ou Vela contaron con ocasións para que o marcador chegase ao descanso máis abultado.



Na segunda metade, o Racing Vilalbés comezou mellor que o seu rival, pero nun erro na saída de balón de Jose Varela chegou o empate cun tanto de Eibe. Simón Lamas moveu o banco e os trocos déronlle un impulso aos chairegos que se adiantaron nunha contra na que Cuadrado aproveitou un bo servizo de Vela. Con menos dun cuarto de hora para o final, Vela anotou o terceiro e pouco despois Pedrosa volveu batir ao gardameta, pero o tanto foi igualado por unha dubidosa falta de Otero.

Na última xogada do encontro, Paulo anotou o segundo para o Sofán.

O Viveiro suma o seu segundo punto ante outro rival de entidade (0-0).



Se algo amosa esta nova temporada o Viveiro é solidez defensiva. A visita do Ourense CF sirviu para que a afección celeste comprobase a melloría da zaga dos de Chusky, que concederon escasas ocasións diante dun dos conxuntos chamados a ocupar os postos de ascenso a Segunda Federación.

O dominio foi ourensanista en boa parte do encontro, sobre todo na primeira metade. Na segunda, o Viveiro estirouse máis na procura do gol e un activo Sidibe e o canteirán Diego tiveron opcións para acadalo.

O Viveiro suma dous puntos e mantense invicto nun comezo de liga con rivais de moita entidade para os mariñáns.

Un gran partido da Sarriana que dobregou a un dos candidatos ao ascenso (2-1).

Un bo partido na Ribela para comezar a temporada no que os de Edu Rodríguez mereceron rematar cun marcador máis amplo. Setenta minutos dun nivel moi alto da Sarriana con balón, pero tamén cando lle tocou defender. No primeiro tempo non se viron goles, aínda que o conxunto local xerou ocasións suficientes para marchar ao intermedio por diante no marcador.



Na segunda metade, non tardou Gerardo en poñer por diante aos seus cun lanzamento de penalti e tan só catro minutos despois o ex do Lemos Diego Torres puxo terra de por medio. O dominio era claro da Sarriana ata que no minuto 77 o Mugardos recurtou diferencias cun testarazo de Montero, nunha acción a balón parado que a Sarriana non defendeu ben. Os de ferrolterra tentárono con balóns colgados a área, xerando incertidume no cadro sarriao, pero o marcador non se moveu e fixo xustiza á boa labor colectiva dos locais.

O derbi entre Escairón e Santaballés rematou con reparto de puntos (1-1).

Encontro de goles moi madrugadores. Antes de cumplirse o primeiro minuto de partido, nunha rápida transicción Quiroguita marcou para o conxunto local. Pero o Santaballés reaccionou de xeito inmediato e no minuto 4 Álex Novás igualou a contenda. O encontro transcorreu igualado ata o intermedio e con escasas ocasións de gol. Soamente destacar un testarazo do visitante Iago, que marchou rozando o pao.

Os de Julio Corral, que acusaron a inactividade de máis de un ano sen competir, comezaron mellor na segunda metade e puideron marcar cunha boa ocasión de Kebé. Co paso dos minutos os chairegos igualaron o encontro e tamén tiveron as súas opcións nas botas de Dani San e Palomo, pero o resultado non se moveu ata o final e o empate fixo xustiza ao visto no Municipal.

A Residencia comezou cun empate na Cheda no debut no banquiño de Dani Galán (1-1).

Empate xusto para comezar o curso. Comezou mandando un Betanzos que deixou boas sensacións na Cheda e amosouse superior aos lucenses no primeiro tercio de encontro. Nun dos momentos de maior presión betanceira, adiantouse a Residencia cun bo golpeo de falta de Dani Renda. O seu lanzamento raso colouse pegado ao pao da porta de Guillermo. Co paso dos minutos, o cadro local foi medrando e na segunda metade contou coas mellores ocasións, aínda que non as materializou e rematou pagándoo. A dous minutos para o final, cun bo tiro cruzado Mon batiu a Sanmi e igualou o encontro. O gardameta fixo o seu debut pola lesión de Bravos. Yeray e Esteban tamén marcharon mancados.

O Ribadeo errou nas dúas áreas e caeu no Pepe Barrea diante do Victoria (0-2).

Non comezou ben o encontro para os mariñáns. Antes do minuto dez, tras aproveitar un longo saque de banda, Raña fulminou a Carrera. O Ribadeo fíxose dono do encontro ata chegar ao descanso e gozou de varias ocasións claras nos pés de Criss e Antón, pero non acertaron a marcar. Logo do intermedio, o partido seguiu o mesmo guión. Dominio ribadense que non tivo premio, errando claras opcións de gol. O conxunto coruñés agardou agazapado en defensa e saiu con perigo á contra no último cuarto de hora e contou con dúas ocasións claras. A falta de dez minutos, de novo Raña, sentenciou o choque. Os de Dani Moirón, que debutou con derrota no banquiño ribadense, tentárono ata o final con máis corazón que cabeza.

Derrota sen paliativos do Foz na súa visita ao Montañeros (6-0).

Encontro para esquecer do conxunto adestrado por Bebo que encaixou tres tantos en cada tempo e amosou unha gran febleza defensiva. O Montañeros foi superior aos mariñáns en tódalas facetas do xogo e deu mostras do seu potencial ofensivo. Herbert e Rubén Rivera, dous históricos do fútbol galego, marcaron para os coruñeses.

Bo encontro e mellores sensacións da Sarriana no comezo da Preferente

O anecdotario: «O anel, o maldito anel»,

Bo encontro e mellores sensacións da Sarriana no comezo da Preferente

Diario dun mercado. Episodio 256

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *