#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Berodia debuta con gol no Cascabeiro

Non todas as findes alguén debuta no noso fútbol e faino con gol. O que aínda é máis raro é que se estree na Segunda Rexional un futbolista que foi profesional. Gerarado García Berodia coñeceu case que todas as caras que ten o fútbol. Aos seus 40 anos debutou coa camisola do Celta Barreiros. Todo nunha xornada con empate do Meira no norte e con cambios de posicións de xogadores no sur.

Na zona norte no grupo 1A triunfan os eiros. O Celta Barreiros e o Cabreiros sumaron o terceiro triunfo do curso. O cadro de San Cosme venceu pola mínima á Candelaria. O gol foi obra dun que debutaba, Gerardo Berodia. O talentoso xogador con experiencia no fútbol profesional non defraudou na súa estrea e marcou o gol do partido.

Pola súa parte, o Cabreiros derrotou pola mínima ao Iberia. Desta volta, o xogador gañoulle a partida ao adestrador. Abel Rochela fora adestrado por José Manuel na etapa deste último no Cabreiros. O cadro local dedicoulle o triunfo ao seu capitán, Pepe logo da súa lesión no tendón de Aquiles.

Na terceira posición, preséntase o Sanci ao conseguir o segundo triunfo da temporada gañando con claridade ante o Roupar. No outro duelo da xornada, o Mondoñedo superou ao Xermade e conseguiu os primeiros tres puntos da campaña. No Municipal xermadino xa preparan agora o derbi ante o Cabreiros.



Na zona norte no grupo 2B saltou a sorpresa na Lomba. O Meira continúa líder pero só cun punto de marxe logo de sufrir o primeiro picazo da tempada. Empatou a un gol ante o Guitiriz. Alberto encaixou o primeiro gol do ano pero mantense como o menos goleado en relación aos partidos xogados.

Pola súa banda, o Muimenta segue na segunda praza a pesar de perder na súa visita á Fonsagrada que gañou o seu primeiro encontro. Iguálao a puntos o seu veciño Cospeito ao enlazar o segundo partido gañado. Derrotou ao Goiriz pola mínima cun gol de Congui. Muimenta e Cospeito están igualados na clasificación e xa andan preparando con ansia o derbi da última finde de novembro. Ambos clubs queren facer irmandade para sumar xuntos e dinamizar o encontro.

Completa os postos de ascenso o Matela. O cadro preparado por Merino gañou por primeira vez no curso ante o Abadín. Un duelo entre equipos que teñen nas súas filas xogadores que vestiron ambas camisolas.



Un dianteiro baixo paus e un porteiro marcando:

Na zona sur no grupo 2A continúa o bo inicio do Paradela. Sumou a terceira vitoria da temporada ante a Milagrosa. Esta foi con suspense, pola mínima e con gol nos últimos intres do encontro. O árbitro deullo ao xogador rival, pero dende o Gandarón defenden a autoría de Romi. Salientou tamén o regreso de Esteban correndo a banda logo da lesión.

Os nove puntos de nove posibles nesta volta á competición ben merecen anunciar unha festa. A SD Paradela vai recuperar o sábado 20 de novemebro unha débeda cos socios. Celebrará o Día do Socio no Mercado Gandeiro organizando sesión vermú e comida.

Invicto neste grupo tamén se mantén a SD Becerreá que logrou o segundo triunfo da campaña logo de descansar na finde anterior. O conxunto da Montaña venceu ao Santa Comba adiantándose moi cedo xa no marcador e realizando un gran segundo tempo. A anécdota do partido púxoa Álex Aubesa. O dianteiro becerrense tivo que vestir as luvas para xogar de porteiro. Actuación de mérito na súa primeira experiencia baixo paus.

A próxima finde o equipo xogará nos Chacotes contra o Palas, pero no Municipal de Becerreá hai cita igualmente. Nos partidos da base procederase ao sorteo do primeiro xamón da tempada.

O Sporting Lucense é o outro equipo do grupo que acumula seis puntos logo de gañar como local ao Palas. O Páramo é o outro conxunto que estaría nestes momentos en postos de loitar polo ascenso na segunda fase. Suma catro puntos ao conseguir a primeira vitoria do curso no duelo de proximidade no Municipal do Corgo. O gol do triunfo chegou nos últimos compases do encontro. Asinouno Jony cunha vaselina ante o gardamallas rival. O Antas descansou nesta xornada.



Na zona sur grupo 2B o Oural confirmou o seu bo inicio de curso. Sumou outros tres puntos diante do Bóveda e é líder en solitario con nove. Salientou o papel de Goyanes que marcou un dobrete. Na segunda posición preséntase o filial da SD Chantada ao derrotar na casa pola mínima ao Incio. Mirás marcou o gol que finalmente significou a vitoria. Pola súa parte, o cadro da Terra Brava anunciou que o defensa Pedro Fernández non continúa no equipo. É nova incorporación do Bóveda.

Na terceira posición, o Ferreira lidera un grupo de tres equipos con catro puntos. O club de Pantón igualou a dous goles na súa saída aos Medos ante o Brollón. O cadro local tivo que sobrepoñerse ao quedar cun menos pola expulsión de Bertín.

Precisamente os outros dous equipos con catro puntos xogaron esta pasada finde. O Río Sil e o Quiroga empataron a un gol con tantos que chegaron nos últimos momentos do duelo. Juanito no cadro quirogués saíu dende o banco e marcou por segundo encontro consecutivo. Tamén dende o banco partiu o gardamallas Adrián ‘Cuba’ do Río Sil, pero non para poñerse baixo paus. Entrou na recta final do encontro pola lesión dun compañeiro e marcou o gol do empate.

Berodia debuta con gol no Cascabeiro

O partido Fisioterapia Ronda . . .

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *