Unha das novas máis sonadas na nosa provincia nos últimos días é a baixa de Asier Burunda (Foz, 1998) no Racing Villalbés. Un dos xogadores máis prometedores da Terceira RFEF viuse obrigado a deixar o club chairego por motivos laborais, como o propio Racing explicou nas redes sociais. Hoxe, conversamos co atacante focense para coñecer se pon data ao seu regreso ou, no seu defecto, non conta con volver aos terreos de xogo.
Futbolinlugo: A decisión é irrevocable ou aínda hai tempo de revertila?
Asier Burundarena: A día de hoxe son exfutbolista (ri).
Fil: En que vas invertir o teu tempo libre agora?
AB: Entre o pádel, que me gusta moito, o ximnasio e algún adestramento ou pachanga cos veteráns do Foz, ou incluso en Ribadeo, que quedei moi ben alí… Non quero perder o gusaniño e de vez en cando, se me cadra ben, volverei polos campos para non perder esas gañas de balón e das cerveciñas de despois.
Fil: Estaba sendo unha boa temporada. Case 1000 minutos, o Racing en 3ª posición…
AB: Estaba indo todo moi ben. Eu estaba feliz co club, co adestrador, comigo mesmo… Deuse así e non lle podo facer nada. Non podo rexeitar a oportunidade que me saiu: entrei nunha empresa cunhas condicións moi boas, pero cuns horarios difíciles de compaxinar. Nun equipo de Terceira RFEF, con catro adestramentos e o partido, xa impensable. Non podía desaproveitar a oportunidade profesional.
Fil: Cres que o Racing Villalbés pode acadar o ascenso?
AB: Sen dúbida. Hai un grupo amplio e todos valen para disputar o ascenso. Alberto está reforzando ao equipo, e o Racing Villalbés vai estar aí arriba, porque ten equipo para facelo.
Fil: Se cadra precisas compaxinar cunha categoría con menos densidade de adestramentos que a Terceira RFEF.
AB: Non. Agora mesmo, tal e como é a miña nova vida, prefiro non xogar. Estou afeito a unha esixencia determinada e non me vexo a outro ritmo. É certo que xa me chamaron varios equipos, pero non teño intención de xogar. Igual dentro dun mes xa me pica o gusaniño e comezo a adestrar con algún, pero de momento non. Tampouco creo que conseguise adaptar os horarios para adestrar co grupo en categorías máis baixas.
Fil: Entón quizais vexamos a Asier noutro rol.
AB: Non descarto adestrar algún equipo da base no Santiago de Foz ou no propio Foz, pero este ano coa temporada a medias é imposible.
Asier xogou na base do Foz e do Lugo, e como sénior no Foz, no Viveiro, no Ribadeo e no Racing Villalbés.
Fil: Como ves ao Viveiro este curso?
AB: É certo que o fútbol mariñán vive un momento baixo. Cada club ten as súas formas de traballar, pero creo que unha vila como Viveiro xa ten moito mérito ao manter ao equipo na Terceira RFEF.
Fil: E ao Ribadeo na Preferente?
AB: Sufriron moitos cambios: directiva, adestrador, xogadores… pero teñen equipo de sobra para salvarse e para chegar á zona de media táboa, e o van conseguir de sobra.
Fil: Tamén o Foz e o Burela queren dar un paso adiante.
AB: Nos últimos anos, agás o Viveiro, o fútbol mariñán estivo escaso de nivel. Pero agora os rapaces novos van dando pasos pouco a pouco, por exemplo no Burela, e iso é un factor importante para todos, sen dúbida.
Fil: Ata o momento, con que escudo disfrutou Asier máis do fútbol?
AB: Os primeiros pasos sempre son especiais: o ascenso á Preferente co Foz, o primeiro ano en Viveiro nunha nova categoría… pero creo que a nivel xeral e incluso no plano futbolístico, onde máis estaba disfrutando era este ano. Moi bo equipo, moi bo grupo, bo club, xente seria e traballadora… Sei que pode sonar curioso, pero estaba moi cómodo e nun momento doce. Nun dos mellores momentos da miña «carreira», tiven que parar.