#Fútbol afeccionado #Galería #Preferente Futgal #Primeira Futgal

As tres finais da Copa 2019

*Roupar-San Lázaro: Encontro parello dende o inicio. Ningún dos equipos tivo o control do xogo. De feito, ambos conxuntos evidenciaron problemas para crear perigo en ataque. Faltaban ideas. As ocasións chegaron nos últimos dez minutos. Adiantouse o San Lázaro nun balón parado. Peinou Rami e Álex perforou a meta contraria para facer o primeiro da tarde. No tempo de desconto, Edi fixo as delicias do respectable. O talentoso xogador do Roupar incorporouse ao ataque e con lategazo tremendo, enviou o encontro aos penaltis. Na quenda da última rolda, Pipita mostrouse unha vez máis decisivo na meta capitalina. Levando o título para A Ponte. O fenómeno Diego Rey culminou con esta traca final.

*Peluquería Mixta Friol/CD Lugo A-Peluquería Mixta Friol/CD Lugo B: Mesmo escudo na Reigosa. Pero mandou a cor albivermella do A fronte ao rosa do B. O agardo. O Friol non deu opción ao seu filial. Nos oito primeiros minutos xa gañaba 3-0 cun gol de Noe Pires e dous de Jone Bilbao. Posteriormente Jone completou o seu hat trick e a capitá Lucía Pardo tamén se quixo sumar á festa goleadora. Aínda así o Friol B tivo os seus minutos. Xerou perigo superada a metade da primeira parte. Nerea probouno en varias ocasións con lanzamentos dende fóra da área. Finalmente foi Peke quen aproveitou un balón dentro da área para facer o gol da honra. Con menos ritmo xa na segunda metade, o Friol A marcou dous goles máis. Fanny Varela tivo tempo de xogar minutos tras un tempo de lesión. Covi trocou porteira e Xani realizou algunha que outra boa intervención. Final feliz nunha temporada para enmarcar a nivel club. O Friol formará parte da transformación do fútbol feminino a nivel estatal e o filial logo do primeiro ano de vida xa competirá o ano que vén na Primeira Galega. Apertas de fin de tempada porque se aveciñan cambios na Reigosa.

*Lemos-Taboada: Finalísima polo alto dunha renovada Medela. Cheiraba ao máis puro verde nun campazo digno dunha final de Copa. E unha bancada ateigada con maior presencia lemista, xente tamén da Mariña e persoas do fútbol provincial. E o partido non defraudou. Emoción ata o final. Intensidade propia dunha final. Os primeiros minutos estiveron igualados. Pero pouco a pouco o cadro adestrado por Edu Rodríguez foi gañando terreo e dominando. Xerou ocasións. Conducido por un gran Adrián Díaz. Ata que Castañer pescou o balón dentro da área para definir con tranquilidade ante Javi Prieto. O conxunto de Monforte puido ampliar vantaxe antes do tempo de lecer. Non o fixo e o Ribadeo empatou ao inicio do segundo tempo. Reviravolta de Criss e gol do dianteiro. Entráronlle as dúbidas ao Lemos. E o Ribadeo tirou de máis veteranía. Unha falta colocada dende o lado dereito rematouna de cabeza Poratti para o 1-2. Iso si, a resposta non tardou en chegar. Borja Castro marcou un auténtico golazo. Disparo dende a frontal á escadra dereita da portería rival. Na súa despedida da arbitraxe Alex Vázquez tivo que usar os cartóns vermellos. A intensidade e a tensión do partido viuse reflectida. O colexiado decidiu expulsar a Ivo do Lemos e Poratti. O bo foi que os dous retiráronse do campo dándose a man. De Borja tamén foi a última ocasión do partido. Desta volta o seu tiro marchou rozando o pau dereito da portería xa defendida naquel momento por Hugo. O gardamallas foi chave nunha quenda de penaltis de máxima efectividade. O porteiro parou o cuarto lanzamento do Lemos nas botas de Antas. Javicho acertou no quinto para que a Copa fose para Ribadeo. Tres quendas de penaltis seguidas para acabar levantando a Copa.



As tres finais da Copa 2019

Definidos os concursos do I All Star

As tres finais da Copa 2019

Listaxe de convocad@s All Star Burela 2019

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *