Foto de portada: Facebook Muimenta SD
As competicións levan paradas máis dun mes e medio na provincia. Os obxectivos pasan a un segundo plano. Non hai que anunciar partidos nin dar conta dos goles. Por iso toca reinventarse. Varios equipos lucenses desenvolven estes días nas redes diversas actividades para entreternos neste confinamento. Xa sabedes que hai un tempo tiñamos unha sección fixa, ‘As nosas redes falan’. Nela repasabamos o máis destacado da semana nas redes sociais en relación ao noso fútbol. Por falta de tempo e pouco seguimento decidimos prescindir dela. Hoxe recuperámola de xeito especial para contarvos algunhas das actividades organizadas na rede. E tamén para darlle as grazas a aqueles que nos fan máis amena esta corentena.
As entrevistas persoais
Algúns equipos optaron por entrevistar aos seus compoñentes. Por achegarnos o seu lado máis persoal e poder coñecelos un pouco mellor. Un bo exemplo é o Incio CF que na súa conta de Facebook entrevistou aos 23 futbolistas que compoñen o cadro de xogadores do Carboeiro. Ademais sometéronse ao test, o adestrador Monarca, o delegado Luis, o directivo Asier, o presidente Antonio Feijóo e os dous seareiros máis fieis, Abel e Roi.
Isto permitiunos ver que no cadro amarelo presomen das vistas do Carboeiro, dun proxecto refundado dende a casa, dun porteiro que é ídolo e referente ou da retranca do presidente ao dicir que o churrasco, o cocido ou o pulpo son bos “aperitivos”. Tamén descubrimos que ser pai é unha profesión, xogadores que son todo sinceridade e que se confesan tacticamente horribles, algún vai estudar “entre aspas” e outros idolatran a Koke e Fran do Oural ou a Sergio Arias do Portomarín. Estas entrevistas tamén permitiron facer denuncia social. Como que os autónomos non teñen tempo libre ou que o marcador do Carboeiro non está en bo estado.
“Ocorreusenos coa intención de facerlle á xente un pouco máis amenos estes días de confinamento. Pareceunos ademais unha boa ocasión para darnos a coñecer aos nosos seguidores. Collimos como referencia a idea que tivo a SD Brollon e fixémolo nunha liña similar. Estamos moi contentos coa acollida, o número de visualizacións e as interaccións nas publicacions demostran que foi un éxito”, comenta Asier Maceda directivo e CM de O Incio CF.
E xa apuntaba Asier que a referencia que colleran fora a da SD Brollón. O cadro dos Medos está desenvolvendo unha intensa actividade no grupo Amigos do Brollón SD. E iso que algún dos xogadores forma parte dos ‘Sanitarios de Ouro‘. Entrevistas aos compoñentes do cadro adestrado por Chura, ex xogadores que vestiron a camisola do equipo da Pobra e diversos consellos e seccións de entretemento. O xogador Davicín é un dos que está a fronte deste espazo de convivencia. “Foi ocorrencia do míster facer algo así para entreter á xente nestes días, pero tamen viramos que os nosos veciños do Club Lemos facían algo similar. A partir de aí animámonos coas entrevistas diarias e máis xogos de votacións; ademais da actual que facemos de entrevistas a futbolistas históricos do equipo. Creo que a acollida que ten por parte da xente é boa, xa que polo menos axúdalle a desconectar un pouco neste momento”, comenta o futbolista. O caso é que partira de quen fose a iniciativa, a cousa está entretida. “Descubrín algunhas manías e gustos musicais de compañeiros que, como DJ do vestiario, seguirei a por a mesma música (risas). Tamén souben de históricos do equipo que non coñecía pola miña idade e que me alegro de coñecer, xa que forman parte deste humilde club. E sobre todo, de que a gran afección do equipo segue activa con nós, ainda que agora toque a través de comentarios e gústame”, salienta Davicín.
Non obstante, detrás de toda esta información e entretemento coas que moitos equipos da provincia alimentan as súas redes hai un gran traballo. “Dá algo de traballo, pero entre varios imos arranxando e falando coa xente. O máis complicado é encontrar fotografías, pero sempre se dá atopado algo. Ademais, case todos son persoas do concello, xa que o Brollón é un equipo que adoita estar formado por xente do pobo na maioría, como pasa na actualidade”, amosa satisfeito o xogador. E que foron varios equipos os que optaron polo modelo de entrevistas. E a maioría deles na zona sur. O Oural e o Portomarín tamén someteron a preguntas aos seus compoñentes nas súas respectivas contas de Instagram. Outro dos conxuntos é o Matela. Algunhas das respostas do cadro de Outeiro son tamén pura sinceridade. Algúns asimilan que non están fisicamente ben, gústalles a gastronomía, non saben as tempadas que levan no equipo, algún xogador que anuncia que o máis probable é que cambie de aires,… Coa verdade sempre por diante.
Quen lle deu unha volta a isto das entrevistas foron os do Celta Barreiros. As súas son en directo, co CM Víctor Couto dirixindo e presentando. Están protagonizadas por distintas personalidades relacionadas co deporte da Mariña ou da provincia. Unha sección na que Futbolinlugo tivo tamén o gusto de estar da man de Diego Díaz. As entrevistas continúan todos os días ás 20:30h no instagram do Celta Barreiros.
E hoxe toca a última deses grandes anos entre os 70 e 80 no que o Club Del Mar chegou a xogar en 1 Rexional, comentade. pic.twitter.com/Jp1hLjvk93
— Celeiro Club Del Mar (@ClubCeleiro) March 28, 2020
As fotos
Outros clubs da provincia optaron nesta corentena por ir ao baúl. E así, ilustrar as súas redes con fotos históricas ou máis recentes do seus respectivos equipos. Un dos que fixo un intenso labor neste sentido foi a SD Muimenta. Realizou un percorrido pola súa historia. “A idea xurdiu nestes días de confinamento. Para mover un pouco o perfil da SD Muimenta decidimos subir todas as fotos que tiñamos. Gran parte grazas ao noso veciño Kiko que as colecciona. Outras tiñamolas nós e subímolas para que a xente comentara e tivera recordos de cando xogaron. O obxectivo era dar a coñecer con fotos a historia do club». Afirma Iván Pena que foi o encargado de exercer de CM desta volta do equipo do Pichón. Cre que deu un bo resultado, prinicpalmente naquelas fotos máis antigas onde a xente se animou a comentar máis. Outro equipo celeste tamén remexeu nos recordos nas seus diversos perfís nas redes sociais. O Celeiro continúa alimentando o twitter, o facebook ou o instagram neste parón futbolístico. Outro dos que nunca falla á hora de manexar as súas redes sociais é o Ritorto. Sempre pendente de todo o que pasa na provincia. E por suposto nestes días sen fútbol tamén está aproveitando para lembrar algúns dos seus recordos. Pode ser que o conxunto vermello teña un dos mellores arquivos da provincia. Tamén botou man das fotos históricas o Club Deportivo Lugo. Baixo o cancelo #UnhaVidaEn repasou a traxectoria dalgúns dos futbolistas que visten as cores albivermellas e que xogan no club dende cativos.
???????? || #UnhaVidaEn????⚪️
Marcos González ( @marcos_gonza8 ) , capitán del Filial, en el #CDLugo desde 2009. 11 anos de albivermello ????⚽️#QuédateEnCasa#EsteVirusLoParamosUnidos pic.twitter.com/8raxiwYRQ2
— Club Deportivo Lugo (@CDeportivoLugo) April 11, 2020
Retos
Nesta corentena os retos están a orde do día. Un xa perdeu a conta de a que o nominaron. Quizais por ser un dos primeiros, funcionou ben o reto do papel hixiénico. E sobre todo para os máis futboleir@s, a idea de facer un once co que cada quen tivese pola casa. Sempre versionando a xogadores actuais. Os distintos equipos do Antas, da Milagrosa ou da Residencia apuntáronse. E incluso houbo quen fixo un once propio.
Os goles
Xa sabemos que un dos principais alicientes do fútbol son os goles. Por iso, neste tempo que non se poden marcar unha boa idea é lembralos. O Chantada Atlético está subindo ao seu instagram e ao facebook algúns dos goles da tempada. E faino ademais sempre mencionando a un deses colaboradores que son tan necesarios no fútbol afeccionado. Cada vídeo vai acompañado dun colaborador do club.
Emocións
O fútbol é emoción. E esta trasladouse tamén en moitas das actividades que vimos estes días polas redes. Un exemplo son os vídeos protagonizados pol@s xogador@s das categorías inferiores do Racing Vilalbés. Todo un exemplo do que hai que facer estes días. Na mesma liña tamén se sumou á xente que rodea a SD Monterroso. Outra das ideas punteiras foi a do CP Casás. Aínda que non ten equipo de fútbol sénior, si de base. Ao igual ca moitos deportes que se integran no club. Estes días apareceron na súas redes en forma de vídeo moitos dos que pasaron pola súa escola. Entre eles, algúns dos xogadores que agora temos na provincia no fútbol afeccionado.
Tamén houbo iniciativas máis didácticas. Como os xogadores do primeiro equipo do Racing Vilalbés que foron relatando o traballo físico que desenvolven estes días nas súas casas. Outros equipos como o Carballedo ou o CD Lugo Fem aproveitan para felicitar aniversarios. Algo que xa viñan facendo de xeito rutinario. Tamén a SD Becerreá está moi implicada no seu facebook con distintas achegas en forma de video que realizan varios membros do club. O presidente José Antonio comanda esta rede social do club onde tamén aproveita para agradecer a todos aqueles que amosan o seu apoio ao club. Ademais as redes tamén se encheron de iniciativas a título individual, pero que tiñan como nexo común o fútbol. Unha proba son os directos en instagram de Víctor Valiño que reúnen a centos de persoas. En definitiva, unha morea de publicacións para poñer en valor o noso. Para facer máis visible todo o que hai detrás do fútbol da provincia. A mostra está en que hai moito máis ca goles. Seguímonos vendo nas redes ata que non podamos vernos nos campos.