Sete equipos representarán á provincia de Lugo na nova Preferente, que comeza esta fin de semana. Dende Futbolinlugo, quixemos facer unha análise destes equipos antes de que empece o espectáculo.
CD Castro: Recén descendido, moveuse algo tarde no mercado. Aínda así, as súas fichaxes invitan ao optimismo. Debería estar na zona alta grazas ao seu gran equilibrio entre xuventude e veteranía. Javi López, que regresa dende o balompé azteca, conta cun ataque letal e mellor defensa que a campaña pasada. O principal hándicap está nun centro do campo completamente novo. Fernandito e Diego Núñez teñen a complicada tarefa de facer olvidar aos irmáns González, Héctor ou Nano.


Atlético Escairón: Rocambolesca pretemporada, con cambio de adestrador incluído. O clube decidiu dar un cambio na súa política deportiva. Volvendo a apostar por xente da comarca e da casa, coma Pandiani. Alberto López deixou o seu sitio a Anxo Valcárcel. E iso, provocou que varios xogadores decidisen non estar finalmente no equipo coma Diego Núñez ou Ibou. Non deberían pasar apuros para manterse. Porén, repetir o éxito do curso pasado antóllase complicado.
Outeiro de Rei: Regresa a Preferente seis anos despois da súa última comparecencia. Quizais parta coma a «Cenicenta» da categoría. Conta con varias baixas de longa duración e a retirada de varios veteráns ilustres coma Míchel ou Julio. Realizou algunhas incorporacións de nivel medio, sen excesiva experiencia na categoría. Juan Peón tratará de exprimir ao máximo a un conxunto repleto de ilusión e con moi pouco que perder.

Polvorín: Claro candidato ao ascenso a Terceira División. Mantén a columna vertebral da tempada pasada á que se suman varios xuvenís que destacaron na División de Honra. Especialmente, Escriche. Algúns xogadores están a alternar o primeiro equipo co filial. A man de José Durán será clave para acoplar o máis rápido posible ás novas incorporacións. Algunhas delas, parten coma auténticas incógnitas.

Viveiro: O comezo de verán facíanos indicar que este era o proxecto definitivo para ascender a Terceira División. Sobre todo cun dos grandes movementos do mercado, a incorporación de Xaime. Sen embargo, o panorama pinta complicado. As lesións, unido a un plantel curto e xoven, seguramente provoquen que o clube de Cantarrana cambie o seu obxectivo. Centrándose primeiro en salvar a categoría sen maiores atrancos. Logo, se se pode, soñar con cotas maiores.

Ribadeo: O conxunto do Pepe Barrera reforzouse coma ninguén neste mercado estival. Fichaxes de calidade e contrastados en todas as liñas. O defensa Pablo Rivas, o centrocampista Tichu e o regreso de David Rodríguez ao ataque; exemplifican á perfección o salto de calidade do equipo de Fiz Rodríguez. Se os novos se acoplan máis rápido que a campaña pasada, Ribadeo ten motivos de sobra para soñar.
Residencia: O conxunto capitalino regresa á Preferente con varios dos xogadores que estiveron na última etapa: Dani Galán, Simón, Roberto… A eles únense unha serie de xóvenes talentos fichados este verán máis todo o que xa había na canteira branquiazul. Conseguindo así unha interesante mestura entre bisoñez e experiencia. Se os de Álvaro Meilán consiguen da Cheda o seu fortín habitual, a permanencia estará case feita.