Os seus temas xa resoan pola Ribeira Sacra. As súas primeiras decisións dende un banco manteñen vivo un proxecto. Para Álex Varela (10-11-1998, A Barrela – Carballedo) o fútbol e a música son dúas das súas paixóns. Polo de agora comeza a coller experiencia nos dous ámbitos dende a casa. Colgou as botas moi cedo para formarse e centrarse en adestrar. O seu equipo de sempre deulle a oportunidade. Agora é o adestrador da SD Chantada fem e a vindeira temporada, cando a haxa, tamén axudará na SD Chantada B. Cos amigos de toda a vida apareceu o Tiam GZ. Un grupo caracterizado polo seu hip-hop combativo e moito máis que medra aos poucos. Fai unha semana sacaban a canción ‘Sandungueirada’. Un ritmo fresco e tropical para levar este fastidiado verán. Como de momento non podemos ver fútbol, quédanos escoitala música. E mentres agardamos por un tema sobre o balompé, o que facemos é conversar con Álex.
Futbolinlugo: Como valoras este ano atípico?
Álex Varela: Comezamos a temporada bastante mal. Máis tarde empezamos a mellorar en función tamén dos resultados. De feito, o parón colleunos nunha xeira bastante boa. Tivemos partidos na primeira volta que perdemos e despois na segunda gañamos. Como coa Comercial, por exemplo. Creo que podiamos chegar ao noso pico co final da campaña.
Fil: Por onde pasan as liñas a mellorar?
AV: Mellorar sempre se pode mellorar en moitos aspectos. Houbo unha porcentaxe bastante baixa de asistencia aos adestramentos. Refírome a que era relativamente baixa para o que podería ser. Ese é un dos puntos fundamentais. Se a xente falta adestrar, non vas render igual. Hai que tentar elevar esa porcentaxe de asistencia.
«Unha tira da outra. Pouco a pouco vai haber máis»
Fil: Que obxectivo terá o Chantada cando volva á competición?
AV: Debémonos marcar o mesmo. Seguir formando. E adhesionando rapazas ao fútbol. Isto acaba de empezar. Tres anos non son nada. A nosa meta debe de ser a de non perder a función pedagóxica. Obviamente hai que competir, pero sempre con carácter formativo.
Fil: Aínda queda moito traballo que facer nese sentido?
AV: Penso que cada vez menos. Unha tira da outra. Vanse xuntando máis. E van facendo unha piña. Pouco a poco vai haber máis. Nestes últimos días xa se confirmou que rapazas que formaban parte das Escolas Deportivas vanse incorporar ao equipo. É un bo salto para metelas na dinámica.
Fil: Será un hándicap a idade ao non ter unha equipo base?
AV: As máis novas sempre aprenden das máis maiores. Xa que non hai recursos para ter categorías inferiores, o salto vai ter que ser así; a cañón. É un salto grande porque van pasar de fútbol sala a fútbol campo. E van estar con mulleres máis maiores ca elas. Evidentemente teñen que curtirse porque as diferenzas son grandes a nivel motriz, fisiolóxico, futbolístico e vital.
Fil: Os resultados pesan?
AV: Non me considero unha persoa resultadista. O máis importante é o factor pedagóxico e adhesión ao deporte que é o que estamos promovendo. Se se seguen traballando igual de ben como durante estes anos, todo vai medrar. O club está facendo como se debe facer na miña opinión. Contando coa xente da casa, do pobo e que queira xogar. As cousas traballándose dan o seu froito; pasa como nunha horta.
Fil: Apostades por unha liña continuista no equipo, pero sen saber exactamente cando se vai poder xogar. Cales son as sensacións?
AV: Estámonos metendo nun terreo do que non sabemos. Non depende dunhas persoas, nin dunha Federación; depende dun virus que non se ve. Entendo que non se queiran correr riscos. Non somos de Primeira División para que nos anden facendo as probas todos os días. O que si que temos é todo disposto para o que pase. Tes que ter a situación máis amoldada posible.
Fil: Semella que o fútbol feminino comeza a espertar na provincia. É un crecemento demasiado rápido ou está no punto axeitado?
AV: Na comarca de Chantada hai dous equipos que penso que van ir medrando. Pouco a pouco vés que ten máis adeptas. Eu creo que hai xogadoras. A vista está que, tanto o Carballedo coma nós, temos cadros bastante amplios. Penso que cantos máis equipos, mellor vai ser.
«É unha pequena labor social para que todo mellore»
Fil: Que significa para ti adestrar a SD Chantada fem?
AV: Ten varias vertentes. Unha que me vai na formación. Estudei Ciencias da Actividade Física e do Deporte. A preparación física lévoa eu porque tampouco existe esa figura no equipo. Podo realizar algo do que me gusta e para o cal estudei. Ademais é unha maneira de mellorar, ter experiencia e seguir vencellado o fútbol. Tamén creo que é unha pequena labor social para que todo mellore.
Fil: Ten relación o que se estuda co que se ve a pé de campo no día a día?
AV: Algo de correspondencia ten. Pero ti tes uns contidos que son de base, despois cada un ten que adaptarse dependendo das circunstancias. É un dos principios clave de calquera adestramento. A realidade tense que adaptar á persoa que ti adestres. Hai que ter unha teoría xeral e especificala no que a ti che interese.
«Está ben facer as cousas na casa»
Fil: Saíu o tema do verán do Tiam GZ. Pétao Sandungueirada?
AV: Tivo moi boa acollida. Foi sorprendente. Sempre fas as tuas cábalas, pero desta volta rompeume os esquemas. Estou moi contento. Haberá máis.
Fil: Que foi antes, o fútbol ou a música?
AV: Antes foi o fútbol. Levo catro anos adestrando ou estando nos corpos técnicos e antes xa como xogador. A música veu despois. Pero compaxínanse as dúas perfectamente. O deporte en xeral gústame moito. E non podería pasar a vida sen escoitar música.
Fil: Que supón para ti realizar as túas paixóns na túa contorna?
AV: Está ben facer as cousas na casa. Téñolle moito aprecio a SD Chantada. A calquera equipo deste club. E coa música o que máis me enche e facela cos meus amigos de toda a vida. O tema afectivo en ambos casos ten moita importancia.