IMAXE DE PORTADA: WEB RACING VILLALBÉS (ÁLEX SANTOMÉ)
O pasado xoves, no programa radiofónico Ser Deportivos Lugo, o equipo de Futbolinlugo, xunto con Álex Gato, conversou con Álex Santomé, porteiro dun Racing Villalbés que xa está asentado na zona nobre da Segunda RFEF.
13 puntos en 8 partidos permiten ao cadro chairego ocupar postos de promoción á Primeira RFEF e soñar con acadar o obxectivo do club, a permanencia, moito antes do previsto. Gran culpa dos bos números do conxunto, recén ascendido á categoría, é do seu gardamallas, o «Santo» da Magdalena.
O porteiro, natural de Fuenlabrada, mantén os pés no chan e considera que «a posición agora mesmo é anecdótica. Gusta moito verse quintos, pero somos conscientes de que estamos sumando puntos para a permanencia. Todo o que podamos sumar é traballo que deixamos feito para a segunda volta e para as últimas xornadas«.
O cadro dirixido por Simón Lamas, pese aos seus bos números, aínda non gañou ningún partido na casa. Santomé considerou que «moitas veces o fútbol é caprichoso. Estamos facendo bos partidos na casa e fóra dela, por exemplo o outro día contra o Ourense dominamos gran parte do choque, pero están escapando as victorias. Falta esa pizquiña de sorte«.
O gardamallas, con experiencia na Segunda División ‘B’, chegou a Vilalba ao comezo da 22/23 e, desde entón, asegura que «no ano e medio que levo aquí estou sendo moi feliz. Síntome moi valorado por compañeiros, corpo técnico, xente do club… e penso que iso fai que as cousas vaian moi ben no campo.» Con respecto á categoría, o madrileño pensa que «o nivel actual da Segunda RFEF é similar ou incluso superior ao da antiga Segunda ‘B’: Compos, Pontevedra, Avilés, Zamora… e os equipos dun perfil máis baixo coma o noso estamos moi traballados, o que fai que os partidos sexan moi serios, intensos, decídense por detalles… Hai moita igualdade e moito nivel«.
Alén de todo iso, Álex Santomé foi nominado o pasado mércores ao premio de Mellor Porteiro que entrega Goals Media. O futbolista mantense cauto con respecto ás súas opcións de ser premidado, e pensa que «o premio xa é estar nominado. Estar entre os tres mellores porteiros da Terceira RFEF xa é un privilexio e un premio a todo o traballo do curso pasado«.
O programa enteiro pode ser escoitado premendo nesta ligazón.