Pasou por moitos equipos da nosa provincia e quere seguir consolidándose na Terceira Federación. Alberto López López (Lugo, 05-05-1972) é o adestrador do centenario do Viveiro CF. O cambio de formato beneficioulle ao conxunto viveirense para manterse na categoría. Alberto reinventarase outra vez na segunda campaña co conxunto celeste. A primeira proba será ante o Bergantiños (domingo 12:00h, Cantarrana).
Futbolinlugo: Como chega o equipo ao inicio de liga?
Alberto López: A un 35-40%; estamos en fase de construción e imos necesitar tempo. É un grupo moi xoven e sen experiencia neste grupo de Terceira. Algúns futbolistas xogaron partidos na categoría, pero non en Galicia. Hai calidade e capacidade de traballo, pero aínda queda un labor por diante para chegar ao nivel máis óptimo que poderá dar o conxunto. Isto non quere dicir que non vaiamos competir no primeiro partido.
Fil: Actualmente contades con 21 xogadores, que opinión che merece a conformación do cadro?
AL: Aínda non está perfilado de todo. Gustaríanos incorporar un par de xogadores máis. Temos o equipo compensado por fóra pero necesitamos equilibralo por dentro. Se puideramos traer a un central e a outro futbolista para o medio do campo sería o ideal. O noso mercado é moi limitado. Esperaremos como o ano pasado a que algún xogador poda quedar descolgado de 2ª ou 3ª RFEF.
«Demos a oportunidade a todos os xogadores da Mariña que quixeron»
Fil: De novo tocou ir ao mercado estatal para incorporar xogadores, pero a diferenza do curso pasado hai máis da zona. Cal foi o criterio a seguir?
AL: Demos a oportunidade, polo menos de probar, a todos os xogadores da Mariña que quixeron e puideron. É unha das campañas que máis futbolistas de Viveiro hai coas incorporacións de Carlos (procedente do Xove Lago) e Cora (do Celeiro) que se suman aos que estaban. É unha mágoa non involucrar a ninguén máis da comarca. As circunstancias económicas e a esixencia dos adestramentos non lles encaixan a algúns futbolistas da contorna.
«Teño ambición por facelo equipo outra vez competitivo»
Fil: Que foi o que fixo quedarte unha tempada máis en Cantarrana?
AL: A ilusión por estar nesta categoría tan importante, ademais de adestrar ao Viveiro no seu centenario. Teño ambición por facelo equipo outro vez competitivo. A tempada pasada, a partir da quinta xornada fomos un rival moi difícil de derrotar. Todo iso motívame; retarme a nivel corpo técnico para ver que tes esa capacidade.
Fil: A competición volve a 18 equipos, que destacarías dos rivais?
AL: É importante que a liga sexa de 18 porque o nivel de estrés do curso anterior e a igualdade que houbo foi tremenda. Foi unha liga moi pouco obxectiva. Agora polo menos hai máis marxe con catro xornadas máis.
Evidentemente vai ser tamén moi esixente. Os equipos todos teñen unha gran capacidade nos corpos técnicos e uns cadros de xogadores amplos e competitivos. Nos imos ter que facer moitas cousas ben; por riba do 100%.
Fil: Cal é o obxectivo do Viveiro para este curso?
AL: Sendo o presuposto máis baixo da división, tendo en conta que moitos clubs de Preferente teñen máis orzamento que nós,… No club sabemos o que temos e o que queremos. Sen meternos na presión excesiva, somos conscientes das limitacións. Imos coa máxima ambición para competir ata o final e conseguir a permanencia.
Foto de portada: Viveiro CF
Esta tempada na Terceira RFEF haberá tres equipos lucenses que representan tres realidades diferentes. Esta semana falamos xa tamén con Roberto Fernández (adestrador do Lugo B); podes ler a entrevista aquí. Ademais detallamos a programación da temporada nesta información.