O regreso de Adri Cube e a indignación do Rubián

A volta de Adri Cube coincidiu coa recuperación do liderado do Iberia na zona norte. Cube foi importante na vitoria ante o Mondoñedo, que lle permite aos de San Miguel de Reinante ser primeiros de novo. Na zona sur, o gran partido finalizou en empate e o San Roque mantense líder. O Rubián xogou no campo doutro dos candidatos ao ascenso e amosouse moi indiganado coa actuación arbitral. O asunto está aínda á estudo no Comité de Competición á espera das probas que presente o colexiado.

O Iberia recupera o liderado cinco xornadas despois

Os pupilos preparados por Moro alcanzan os 49 puntos, logo de vencer ao Mondoñedo (2-0) nas Valgas. É a 14ª vitoria da tempada. Coa derrota do Folgueiro, volveron ao primeiro posto. Agora contan con dous puntos de vantaxe con respecto ao seu inmediato rival e ten un partido pendente de xogar. A distancia co Riotorto (un partido máis) e co Celta Barreiros continúa sendo de cinco puntos.

Custoulle ao cadro local xerar o seu fútbol. O Mondoñedo estivo ben plantado, case non concedeu ocasións ao rival, foi capaz de roubar a pelota e transitar cara adiante, pero faltoulle máis claridade en ataque.

Aínda que o segundo acto seguiu unha liña parecida aos primeiros 45 minutos, notouse a contribución de Adri Cube, que volveu aos terreos de xogo logo de varios meses de lesión. Tamén incidiu a expulsión de Javi Álvarez nos visitantes, en torno á hora de xogo. O Iberia acabaría levando o partido no último terzo de encontro.



O central Borja anotou o seu sétimo gol en liga nunha acción a balón parado. Ao pouco, Ángel sentenciou co seu primeiro tanto nesta campaña cun lanzamento dende a frontal da área.

O Mondoñedo cae novamente a antepenúltima posición co empate da Piringalla. Ambos están igualados a vinte puntos e ocupan posibles posicións de arrastre. Contan con catro de marxe con respecto ao descenso directo, que marca o Muimenta.

Maira lócese ante o Folgueiro e o Casás supera os 40 puntos

Encontro para esquecer do Folgueiro que acumula tres partidos sen gañar na liga. Caeu derrotado na súa visita a Lugo por 4-0 ante o Casás. O cadro do Vicedo pasa a ser 2º, a dous puntos do líder que ten un partido menos. Por detrás, o Riotorto e o Celta Barreiros acércanse a tres puntos (no caso do cadro de Barreiros tamén cun encontro pendente).



O Casás xa marcara tres goles e os visitantes aínda non estaban no partido. Nos primeiros 23 minutos, Maira viviu a súa gran tarde anotando un hat-trick. O futbolista, con pasado no Nuevo Nausti, acumula nove tantos na competición.

Si é certo que ao Folgueiro lle anularon un gol antes do tempo de lecer, pero non era o seu día. Avanzado o segundo tempo, Seco sentenciou o triunfo local. O Casás suma 41 puntos e aséntase na 5ª praza, posición que o curso pasado era de play off, pero que agora sitúa o equipo capitalino a seis puntos da fase de ascenso.

O Riotorto e o Celta Barreiros apertan a parte alta

Agora mesmo poderiamos afirmar que o ascenso na zona norte non é cousa de dous. O Riotorto e o Celta Barreiros colócanse a cinco da cabeza. Unha distancia que é máis real no caso do Celta Barreiros, xa que ten un encontro pendente de xogar, ao igual que os seus veciños do Iberia. Non obstante, por gol average, o cadro riotortense é o 3º agora mesmo.

O Riotorto superou ao Cabreiros (3-1) nuns noventa minutos moi competidos. No transcurso do primeiro acto retirouse mancado o central visitante Cristian, baixa que acusaron. No segundo tempo chegaron os goles. Os locais lograron unha vantaxe de dous tantos por medio de Óscar. O primeiro nun penalti discutido e o segundo nun man a man con Lino.

O Cabreiros achegouse no marcador por medio de David Echávarri nun bo lanzamento de falta. Antes da recta final, Manu Carreira, en boa xeira goleadora, sentenciou co terceiro local.



O Cabreiros mantense na 12ª posición con 28 puntos, o último do trío coa mesma puntuación que lidera o Alfoz e segue o Guitiriz. Contan con oito puntos de vantaxe sobre a Piringalla e o Mondoñedo.

O Celta Barreiros superou precisamente ao Guitiriz (3-2). Sumaron o sétimo encontro sen perder. Entraron ben ao partido e puxéronse por diante a través de Nico. Con todo, os visitantes empataron de seguido por medio do incombustible César Roca. Os visitantes melloraron, pero non lograron o segundo nese primeiro tempo.

A volta dos vestiarios, os locais si conseguiron marcar nunha acción a balón parado. Antón foi o goleador. Parecía que o encontro seguía de cara coa expulsión do visitante Roi, pero o Guitiriz non baixou o seu nivel con 10. Foi mellor, aínda sen xerar excesivo perigo.

No 90, Rocky non faltou a súa cita co gol (leva catorce) para anotar o terceiro. No tempo extra, Javi ‘Tanketín’ puxo emoción ata o final cun gran gol dende fóra da área.

O Xermade detén a xeira de tres derrotas

O cadro xermadés venceu ao Cospeito na Fonte (1-2) e volve sumar de tres, logo da última mala xeira. Queda na 6ª praza, con 37 puntos, a dez da posición de promoción.

Os locais venderon cara a súa pel. O Xermade non logrou marcar ata o segundo tempo por medio de Pedro Coria. Fran Regueiro logrou empatar para o Cospeito e, finalmente, Hugo anotou o tanto do triunfo visitante.

O Xermade botou man do atacante Sergio Vila para asumir a responsabilidade baixo paus. Solventou o papel ante a ausencia de Ángel e Juanxo. O club xermadés empezara a tempada con tres gardametas, pero Alberto Cruz, marchou hai xa un tempo para o CD Castro.

O Sporting Pontenova e a Candelaria evitan os problemas

O equipo pontenovés venceu ao Alfoz (0-1). Reencontrouse coa vitoria nun duelo directo por asentarse na zona media e fuxir de calquera tipo de perigo, xa que nun caso moi remoto podería haber tres arrastres. O Sporting é 7º con 36 puntos e queda agora algo en terra de ningúen, xa que o play off sitúase a once.

O Alfoz acusou, unha vez máis, o seu desacerto goleador. A defensa visitante contivo ben os ataques locais e, superada a media hora de xogo, o Sporting marcou o único tanto do partido. Na xogada cruzáronse varias xeracións polo medio. Centrou Pasarín (40 anos) e rematou o xuvenil Izan (17), que debutaba co primeiro equipo.

O cadro alfocense queda con 28 puntos, igualado co Guitiriz e co Cabreiros. Conta con oito de marxe coa Piringalla (o seu próximo rival) e co Mondoñedo.

Con seis puntos máis que o trío de 28 atópase a Candelaria. O cadro da Rúa alcanza os 34 tras sumar de tres por terceira xornada seguida ao gañarlle ao Muimenta (4-1). Os nove puntos conseguidos nas últimas semanas afastan a Candelaria da zona baixa e aséntana na metade da táboa (8ª). Nestes momentos cun punto máis que os seus veciños do Sanci.

Adiantáronse os locais por medio de Pablo Delgado, aínda que ao primeiro o Muimenta respondeu rápido cun tanto do central Iago López dende moi lonxe.

A igualdade no marcador mantívose ata o segundo tempo, cando Bruno volveu indicar o camiño da vitoria co segundo gol. A partir de aí, Manu de penalti e Rambo encargáronse de ditar sentenza.

O Muimenta complica a súa permanencia. Continúa en descenso directo, a catro puntos da antepenúltima posición que tamén podería ser de descenso por arrastre.

A Piringalla, único equipo en sumar na zona baixa

Dos últimos sete clasificados, o conxunto capitalino foi o único que sumou. Empatou na súa visita ao Sanci (2-2). Volve á 13ª posición con 20 puntos, empatado co Mondoñedo (14º) e con catro de marxe co descenso directo. Máis tranquilo está o Sanci con 33 na 9ª praza.

Os locais comezaron ben. Adiantáronse cedo cun bo gol de Bruno nun lanzamento cruzado. Nunha mala saída de balón local, os visitantes aproveitaron para empatar. O Sanci seguiu facendo o seu fútbol e logrou o segundo por medio de Iván.

Con todo, no segundo tempo, o encontro volveuse tolo. A Piringalla asumiu riscos e quixo ir a polo partido, que entrou nun corre rúas no que ambos equipos dispuxeron de moitas ocasións. No tramo final, Miño igualou e os seus sumaron un punto moi importante.

Presno e toda a defensa do Sp. Pontenova realizaron un bo traballo defensivo e foron dos poucos equipos que non encaixaron gol esta semana

A capacidade goleadora mantén ao San Roque na cabeza

Era o partidazo da xornada, o primeiro visitou ao segundo. O San Roque xogou en Tras do Novo un derbi que finalmente rematou en empate, como na primeira volta, aínda que desta vez cun gol máis para cada equipo (2-2).

O resultado implica que ambos conxuntos continúen igualados na cabeza da clasificación con 48 puntos. O gol average tamén queda equilibrado e a única diferenza agora mesmo é a maior cantidade de goles anotados que leva o San Roque. No diferencial, entre os marcados e os encaixados, os pupilos preparados por Piru teñen un valor positivo de +18; mentres que Santa Comba conta con +11.

O San Roque comezou mellor. Adiantáronse no marcador por medio de Yelko, que puido anotar o segundo antes do tempo de lecer. Os visitantes dominaron na primeira metade, colleron as segundas xogadas e foron capaces de xerar perigo.

Cambiou a liña a seguir no segundo acto. Os locais pasaron a someter máis ao seu rival e crearon achegamentos tamén nas transicións ofensivas. Xoel igualou á hora de xogo. Uns minutos despois Leandro logrou o segundo do Santa Comba. Na recta final volveu apertar o San Roque, que igualou nos últimos intres por medio de Raúl.

O Brollón, a dous puntos do liderado ante o descontento do Rubián

O Brollón é o equipo máis próximo ás dúas primeiras prazas, a dous puntos. Suma 46 ao enlazar catro triunfos seguidos. Superou ao Rubián (2-0), nun encontro cargado de polémica. O equipo da parroquia de Bóveda amósase moi descontento coas últimas actuacións arbitrais.

O Rubián esta semana presentou alegacións, con proba videográfica, sobre unha acción que podía supoñer 2-1 naquel momento. Lucas lanzou un penalti, o gardamallas local Álex parouno, o rexeite volveulle caer a Lucas e o colexiado invalida a xogada cando Lucas remataba a gol.

O comité de competición dediciu este mércores darlle ao colexiado do partido, Yago Amil, dous días hábiles para que presente un informe ampliatorio en relación á xogada e que acredite se o gol foi anulado pola causa exposta polo Rubián.

O órgano federativo tamén lle ofrece o mesmo prazo ao Brollón para que presente as alegacións que estime oportunas en defensa dos seus dereitos.

Antes diso, o Brollón levou o peso da pelota no primeiro tempo, xerou algunha oportunidade e adiantouse por medio de Isma. O Rubián defendeuse ben e mesmo tivo unha gran opción nos pés de Manu, ex xogador do cadro local.

No segundo acto, Miguel Casanova ampliou a vantaxe ao marcar dende o punto de penalti. Logo viría a acción máis polémica na que Miguel foi ben expulsado e, posteriormente, os locais xogaron o tramo final con nove pola expulsión tamén de Castro. Apertou o Rubián ata o final pero defendeuse ben o Brollón para termar do resultado.

O Paradela tamén se achega aos primeiros postos

O conxunto adestrado por Santi López acumula tres triunfos consecutivos. É 4º, con 44 puntos, a catro das dúas primeiras posicións. Superou no derbi ao Páramo por 1-2.

Duelo parello no que Platas adiantou aos locais cun gran gol no primeiro tempo. No segundo acto, Romy marcou dous tantos en cinco minutos que serviron para lograr a remontada e os tres puntos. O dianteiro lucense non perde o olfacto goleador nin con bigote. Leva 14 na liga.

O Páramo é 11º con 28 puntos, empatado co Antas e con cinco de vantaxe sobre O Incio.

O Becerreá desaproveita a ocasión e o Lemos B volve saír do descenso directo

O Becerreá tiña unha oportunidade de meterse novamente na pelexa polos primeiros postos, pero ampliou a súa xeira negativa: unha vitoria nos últimos cinco partidos de liga. Sucumbiu ante un gran Lemos B (5-1), que dominou no Luis Bodegas.

O filial adiantouse no primeiro minuto cun bo gol de Cereijo. Empatou o Becerreá mediada a primeira metade. Con todo, os pupilos adestrados por Pasín reaccionaron ben, continuaron coa presión alta e lograron dous goles máis antes do descanso. Ambos foron da autoría de Tourón de xeito similar, ao entrar dende a segunda liña. O atacante monfortino marcou os seus primeiro tantos, dende o seu regreso ao club logo dun breve paso polo Río Sil.

No segundo tempo, o Lemos B tivo máis control de balón e seguiu chegando a campo rival con profundidade. O cuarto foi obra de Denís, que aproveitou o rexeite do gardamallas rival, logo dun lanzamento de falta de David Díaz. A conta goleadora pechouna Roberto cun gran disparo dende a frontal, despois dunha combinación longa de pases por parte dos seus compañeiros.

Cos tres puntos, o Lemos B acumula 19 e sae novamente do descenso directo. Non obstante queda igualado co Rubián, o seu rival na última fin de semana de marzo. Agora mesmo sitúase en posición de posible arrastre.

O Ferreira supera os 40 puntos e abre fenda co Friol

O cadro de Pantón impúxose na Reigosa ante o Friol (0-2). Coa vitoria, suma 41 puntos (6º) e queda a sete dos dous primeiros postos. Corta ademais unha xeira negativa de cinco partidos sen gañar e abre fenda precisamente co seu rival. O Friol é 7º con 34 puntos.

O Ferreira comezou ben. Nun saque de esquina púxose por diante, tras marcar os locais en propia. Mellorou o Friol, pero non deu batido a porta rival. Nun penalti, Edgar marcou o segundo para sentenciar o partido no segundo acto.

O Palas consolídase na zona media

O conxunto da Ulloa venceu ao Portomarín (0-3), equipo co que estaba moi parello na clasificación. O Palas sobe á 8ª praza e acumula 32 puntos, dous máis que os pupilos adestrados por Diego Rey. Ambos teñen unha certa distancia coa zona baixa da clasificación.

Os locais víronse mermados polas baixas en ataque. O Palas resolveu o encontro no primeiro tempo beneficiado polo vento. En apenas vinte minutos lograron tres goles que deixaron o partido visto para sentenza nun segundo acto sen grande ocasións.

Terceira vitoria seguida do Antas

Os xogadores preparados por Hugo Vázquez pasan polo seu mellor momento da tempada en canto a resultados. Os 9 puntos conseguidos nas últimas semanas colócanos na 10ª praza con 28 puntos. Quedan con cinco de marxe sobre O Incio (12º).

A efectividade do Antas foi clave nun resultado abultado para o que se viu no campo. En 23 minutos xa gañaban os visitantes por 0-3. Martín fixo o primeiro logo dun centro de Germán. Carlos anotou o segundo cun gran disparo dende a frontal. Louzao definiu moi ben para o terceiro.

Non obstante, o Quiroga non deixou nunca que os visitantes estiveran cómodos. Ao empezar o segundo tempo marcou Sergio ‘Pacho’ e incordiaron ao rival durante o resto do partido.

A derrota do Quiroga deixa o club con once puntos, a oito da antepenúltima praza.

O Incio logrou tres puntos importantes, aínda que o Chantada B queda co average

O duelo directo da zona baixa levouno o cadro amarelo por 2-1. O Incio suma 23 e é 12º, unha posición que nun hipotético caso podería aínda ser de arrastre. Ten a cinco puntos ao Páramo e ao Antas. Conta agora con tres máis que o seu rival, un Chantada B que si mantén o gol average tras gañar na primeira volta 4-2.

Non aconteceron moitos detalles relevantes no primeiro tempo no que o filial se presentou con numerosas baixas. No segundo acto, avisou o Chantada B cun remate que petou no longueiro. Con todo, foi Pombo o que adiantou os locais a saída dun saque dende o recanto. Xa no 90, Roi anotou o segundo. No tempo extra, o filial fixo o seu tanto tamén a balón parado.

O regreso de Adri Cube e a indignación do Rubián

O regreso de Adri Cube e a

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *