#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Adil Maollul: Un adeus en formato ata pronto

As despedidas en tempos de pandemia son, se cabe, aínda máis dolorosas. Sobre todo, porque non se dan do xeito no que se teñen que dar. Adil Malloul (Tetúan, 1/08/1995) deixa o Mondoñedo FC por motivos persoais. Un Abadín 0-1 Mondoñedo queda, polo momento, como o seu último partido xogado coa camisola do club mindoniense. Adil chegou en plena infancia a Mondoñedo coa súa familia. Comezou xogando ao fútbol sala e despois marchou xogar para Vilanova. No Lourenzá completou toda a etapa do fútbol base e mesmo chegara a ir convocado co primeiro equipo que militaba na Primeira Rexional. Pero xa en idade sénior volveu portar a camisola do Mondoñedo. Esta foi a súa sexta temporada.

Adil marchou en agosto cando a incerteza por mor da pandemia segue estando moi presente. “Quédome con sensacións moi boas. Máis ben é unha familia. O pobo en xeral. Equipo e afección van agarraos da man. Iso non o hai en calquera lado”, afirma. Non obstante, si que lle gustaría que a despedida fose doutra maneira. Sobre todo, que puidera ser no campo. Ademais lamenta que este curso o equipo non chegara a dar ese plus esperado. “Este ano tiñamos que estar máis arriba. Era o noso ano. Tiñamos un equipo moi completo. Pero a situación foi a que foi. Adestrador novo, xente nova e iso leva o seu tempo de adaptación. Empezamos mal e acabamos moi ben. O equipo estaba na boa xeira cando se pararon as competicións. O ambiente era que ía todo ben e iso nótase”. A nivel individual recoñece que tampouco foi a súa mellor campaña: “Fun como o equipo. Non empecei ben. Logo fun mellorando e xogando mellor”.

Goles poucos, pero bos

O gol que máis recorda foi o que lle deu ao Mondoñedo a vitoria nun derbi ante o Lourenzá. Curiosamente o seu amigo Manu Pardo era o gardamallas do equipo laurentino. Foto: Laura Teijeira

O futbolista ocupa posicións de ataque. A súa favorita é a de dianteiro, aínda que lle coste facer gol. “Esta temporada penso que levo 6 ou 7. Pero non os apunto porque nunca paso de cinco (risas)”, comenta. Nembargantes, non dubida en destacar o gol máis importante que marcou nestes anos de traxectoria. “O día que lle ganamos ao Lourenzá. Íamos na parte alta da clasificación. E tiñamos que ganar contra eles para manter a posición. E marquei o gol da vitoria. Ese día fixen o pobo feliz. Levabamos moito tempo sen ganar un derbi”. Adil leva con naturalidade o de formar parte dos dous equipos. Tanto do ‘Atleti’ Lourenzá como do Mondoñedo. É algo frecuente porque as categorías base nas que xogaban no ED Lourenzá non as había no Mondoñedo FC. Recoñece que os derbis son encontros distintos.“É un partido bastante especial para todos. Todo dios quere baixar o campo. E ganar queremos ganar sempre”, conclúe.



E a pesar de que os goles foron poucos sempre xurdían anécdotas. “Cada vez que xogaba contra o Folgueiro, marcaba goles. Ao mellor levaba tempo sen marcar e chegaba o Folgueiro e empaquetáballe dous ou tres. Sempre lles marcaba. Ademais case sempre cando iamos perdendo. Unha vez os do Folgueiro xa me dixeron de broma vamos fichar a este chaval que solo marca goles.

O futuro do Mondoñedo e o seu

Adil tentará seguir xogando e ter un oco no Gares navarro. Foto: Josune Bargueiras

Ante a pregunta de se o Mondoñedo está na categoría que lle corresponde, Adil amósase cauto pero esperanzado. “Non sabería que dicirche. A do Mondoñedo creo que é a súa. Aínda que cos anos pode estar máis arriba. Ten bos chavales novos. Pero o do fútbol cada vez é un tema máis delicado. Os futbolistas teñen un ego moi grande. Empezando por min. Todos queremos xogar e como non xoguemos xa non volvemos. Eu de momento non tiven queixa porque xoguei sempre. E cos anos vas madurando. Ao final isto é para pasar o tempo. Non vivo do fútbol nin teño pensado vivir”, apunta.



“Así de palabra houbo algunha cousa, pero nada máis. Son dos da casa”, afirma rotundamente Adil ante a posibilidade de marchar do equipo nalgún momento durante todo este periodo. Agora a marcha veu obrigada. E o futbolista non quere deixar de xogar ao fútbol. Se a pandemia o permite, terá novo equipo por terras navarras, preto do seu novo lugar de residencia. “Vou intentar xogar ao fútbol que é o que máis me gusta facer. En Navarra de momento tampouco non se fala nada de retomar as competicións. Está todo parado. Aquí xogaría en Primeira Rexional; no CD Gares . É un equipo de Puente de la Reina, a uns dez minutos de Pamplona. Tamén está aquí meu irmao”, comenta. As ganas son de seguir xogando, pero Adil recoñece que ás veces se lle pasou pola cabeza deixalo. “Levo xogando ao fútbol desde os 4 anos se me descuido. Hai temporadas que me dá a venada de deixalo pero iso é imposible. É como o amor (risas)”.

Queda un desexo pendente

Adil ten claro o seu destino futbolístico cando poda volver a Mondoñedo

Adil marcha por obriga. Dicindo adeus, pero en formato ata pronto. Porque a súa realidade ten a Mondoñedo como referencia. “Para min é do mellor sitio que hai na Mariña e en toda Galicia. Paréceme dos mais bonitos que hai. Nun futuro teño pensado volver para alí. E se volvo xogo no Mondoñedo que é o meu equipo; o equipo do meu pobo”, afirma rotundamente. Adil tamén marcha cun desexo incumprido: “Sempre quixen subir o Mondoñedo á Primeira, pero non se deu o caso. Cada un quere o mellor para o seu pobo. Aínda que as veces son moitas máis cousas; non só o equipo en si. Habería máis gastos e demais”.

“O meu é darme unha pelota e correr. Non valgo nin para ser adestrador, nin ser directivo nin nada. Cada un sabe o lugar que ocupa. Hai que ser realista cun mesmo”. Aquel pícaro que comezou xogando ao fútbol na rúa, aínda ten moito en común co adulto que se plantou no campo da Fonte de Cospeito con aluminio. O Mondoñedo non conseguiría o ascenso, pero a ver quen lles gana en anécdotas. Con Adil están aseguradas. Algunhas no límite da legalidade. “Teño o meu carácter. Gústame ganar sempre e non sempre se pode ganar. E moitas veces págalo co aadestrador ou cos compañeiros. Pero niso fun de máis a menos”.



As anécdotas para ben e as de para mal fan de Adil unha persoa especial. Un futbolista que deixa pegada no Viñas da Veiga aínda que non pase de cinco goles por temporada. “Aí quedan amigos e aí teño a miña segunda familia. Que lle vaia moi ben o Mondoñedo. Espero que me cheguen noticias boas. Se dios quere aínda os hei de ir ver. Á casa sempre hai que volver”.

ADIL EN CURTO…

Adil estivo seis temporadas seguidas no cadro sénior do Mondoñedo FC. Foto: Endie doa Rúa

-Un campo de fútbol da provincia: Viñas da Veiga

-Un xogador ou compañeiro que destacarías: Noceda

-Un adestrador: Israel creo que foi o mellor que me soubo levar. Moitas veces un adestrador ten que facer case máis de psicólogo. E el fíxoo moi ben.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *