#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Abadín e Palas confírmanse como dous dos conxuntos máis en forma de Terceira

O Racing Vilalbés B non cede no grupo norte. Os de Iván Lamas golearon ao Cazás e amplían a súa vantaxe á fronte da clasificación. O Abadín, en racha, xa é terceiro. No grupo sur o Rubián gañou pola mínima e mantén o liderado por diante de Quiroga e Palas, que foron quen de gañar a domicilio.

grupo norte

O Racing Vilalbés B non cede na casa e golea ao Cazás (5-1). Partido bronco no que o filial racinguista logrou adiantarse aos cinco minutos por medio de Gabri. Samu, Freire e o propio Gabri tiveron ocasións para ampliar diferencias, pero o Cazás medrou co paso dos minutos e logrou empatar preto da media hora de encontro cun tanto de Iván Bellas. Xusto antes do descanso Gabri volveu poñer por diante ao cadro local. Na segunda metade o Racing B foi moi superior e Gabri completou o hat-trick. Freire cun bo lanzamento de falta e Anido de penalti completaron a goleada. O Cazás rematou cun home menos por expulsión de Efrén.

Un tempraneiro gol de Gayoso dalle un importante triunfo ao Abadín no campo do Rioaveso (0-1). Encontro moi disputado sobre o maltreito céspede de Paraños. Xogo directo, balóns divididos e segundas xogadas foron a tónica. Aos cinco minutos Gayoso, a pase de Vicente, fixo o gol do triunfo do cadro visitante. O Rioaveso tivo ocasións para lograr o empate antes do descanso. Na segunda metade Iván Seco viu o cartón vermello directo por un protesta ao colexiado e o Abadín defendeu con uñas e dentes o resultado. Os de Manu Veiga tiveron ocasións moi claras para marcar. O cadro local protestou dúas accións nas que reclamou penalti por mans na área.

A Comercial B racha a mala xeira cun empate diante dun Mondoñedo que suma catro xornadas sen gañar (1-1). O encontro comezou de cara para o cadro local que marcou de penalti, nunha acción perfectamente evitable para os de Isra, que viron como os erros propios os penalizaron nun encontro no que por xogo mereceron máis. Na segunda metade, Vázquez estableceu a igualada.



O Celeiro alcanza o seu terceiro triunfo consecutivo fronte ao Matela (3-1). Achégase á zona de promoción o conxunto viveirense logo de derrotar en Trasvías ao Matela. O conxunto visitante comezou ben asentado no terreo de xogo aínda que o Celeiro non tardou en adiantarse nunha boa xogada que rematou Adri. Relaxáronse os de Martín Rodríguez e Santi Carballido, que debutada nesta campaña, estableceu a igualada antes do descanso. Na reanudación saiu moito mellor o Matela e gozou de dúas claras ocasións que desbaratou o meta López. Co paso dos minutos o Celeiro espertou e Dani Liz de penalti e posteriormente Mora sentenciaron o encontro.

Sete xornadas despois voltou gañar o Nuevo Nausti, con goleada diante do Friol B (5-1). Non gañaban os chairegos desde a primeira xornada ligueira, pero fixérono ao grande. O encontro diante do Friol B foi de claro dominio local, que se viu refrendado ao descanso cunha vantaxe de dous tantos, ámbolos obra de Juan. Nada máis comezar a segunda metade o filial do Friol recurtou diferencias cun tanto de Pablo. Pero só dous minutos máis tarde Herrero encargouse de despexar dúbidas. Aí rematou o encontro para os de Bruno Castro e Cristian con dous tantos completou a goleada.

grupo sur

O Rubián segue intratable na casa e venceu pola mínima ao Santa Comba (1-0). Rachouse a xeira de catro encontros sen perder dos pupilos de Ángel Merino. O Rubián, que só cedeu un empate no seu campo no que vai de temporada. Un erro defensivo do Santa Comba rematou co tanto de Víctor, que sería decisivo no devir do encontro. O cadro visitante estirou liñas na segunda metade e tivo claras ocasións que desbaratou un inspirado Casillas. O mal estado do terreo de xogo non axudou a ningún dos dous conxuntos. Camiño, xogador do Santa Comba, tivo que abandoar o terreo de xogo cunha grave lesión de xeonllo.



O Quiroga suma a cuarta vitoria a domicilio no campo do Sober (1-2). Os dous conxuntos saíron á expectativa para aproveitar o erro do rival. Así chegou o gol do Sober. Jaco aproveitou unha perda de balón e tras regatear aos rivais anotou para os de Iban Lagoa. O Quiroga medrou co paso dos minutos e antes do descanso Pincha fixo o empate, primeiro tanto seu co conxunto verde. Na segunda metade os visitantes convertíronse en donos do partido e contaron con boas opcións de gol. A falta de dez minutos par o final Pollo cun tiro cruzado fixo o segundo. O Sober reaccionou nos últimos intres e puxo en apretos ao Quiroga.

O Palas racha coa boa xeira do Bóveda no Hermanos Somoza (0-2). Os de Brais Vázquez collen carreiriña e xa son firmes candidatos ao liderado. Diante do Bóveda foron mellores, sobre todo nunha segunda metade onde estiveron máis atinados cara a portería. Álvaro e Ángel fixeron os tantos, o último xa co tempo cumprido. Antes o Bóveda amosouse firme en defensa e o gardameta Pasín desbaratou as chegadas do Palas.

Empate sen goles nun encontro de diferentes estilos entre Castroverde e Incio (0-0). O fútbol combinativo do Castroverde fronte a un máis directo do Incio. Os de Fran Veiga comezaron mellor e tiveron dúas claras ocasións nunha primeira metade con poucas chegadas á área. Na segunda parte foron os Julio Corral quen puxo en apretos ao rival, pero na Veiga do Olmo non se puido ver ningún tanto.

O Páramo vence no campo do Taboada B e achégase aos postos de promoción (0-3). O encontro comezou igualado, pero o Páramo fíxose paseniño co dominio. No ecuador do primeiro tempo Chivas adiantou aos visitantes á saída dun córner e tan só dous minutos máis tarde Antón puxo terra de por medio cun bo zurdazo. Na segunda metade, Bolo desde o medio do campo soprendeu ao gardameta local. O Taboada B apenas xerou perigo ante a portería rival.

Primeiro triunfo para o Monterroso B que goleou ao Relámpago Taboada (5-0). O filial monterrosino, acostumado a empatar nesta temporada, logrou un abultado triunfo diante do Relámpago, no día do retorno de Valiño á que foi a súa casa. Os de Javichu tardaron en abrir o marcador. Foi no minuto 43, nunha falta ao borde da área que transformou Manel. Dous minutos máis tarde Omar transformou un penalti. Ámbalas dúas xogadas foron moi protestadas polo conxunto visitante. Na segunda metade o Monterroso B logrou tres tantos máis, dous deles obra do goleador Yoni e outro de Omar.



Abadín e Palas confírmanse como dous dos conxuntos máis en forma de Terceira

A Porra de Futbolinlugo, 12

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *